• Número 410
  • 05 de novembro de 2018

Explotación laboral

Virginia Piña Cruz: “O que está acontecendo coas xornaleiras de Huelva non é novo, pero ten que cambiar”

Falamos con Virginia Piña Cruz, militante do SAT (Sindicato Andaluz de Traballadoras), sobre a situación das mulleres marroquís que denunciaron abusos por parte dos empresarios dos campos de amorodos de Huelva

Virginia veu ata Compostela para compartir a experiencia da loita das mulleres marroquís que denunciaron abusos na pasada campaña de recollida do amorodo en Huelva. Fala con moito sentimento, xa que coñece de primeira man a situación destas mulleres, e desexa por riba de todo que fóra de Huelva a xente sexa consciente da súa situación.

Primeiro, podes poñernos en contexto?
Andalucía é unha comunidade que se nutre en gran parte e tradicionalmente do agro. Por esta razón, a andaluza é unha economía onde a traballadora vive moitas veces nunha situación precaria, con traballos temporais. Por outra banda, o sector agrario andaluz está pensado desde unha certa ideoloxía colonial, porque Andalucía produce moita materia prima, pero é unha materia prima que non dá riqueza despois dentro da comunidade, senón que se exporta porque non temos a industria para transformala. Por exemplo, temos moito algodón, pero non temos ningunha industria téxtil; producimos laranxas, pero non temos industria do zume… e así con todo. É dicir, Andalucía é un lugar onde se vén, se extraen os ingredientes e se marcha a outro lado con eles. Exactamente o mesmo que ocorre con moitos países de América Latina ou África, por exemplo. Isto repercute nas traballadoras. Ademais, como en Andalucía existe o latifundio —grandes porcións de terra que pertencen a unha soa persoa ou familia— a riqueza está moi concentrada. O xornaleiro que traballa a terra é traballador, pero non propietario, o propietario é o señorito (como se coñece en Andalucía) coas problemáticas que isto pode supoñer.

Ao principio era a xente nova autóctona a que collía o traballo agrario, pero a partir dos anos noventa aproximadamente, o fillo do xornaleiro andaluz comezou a ir á universidade ou decidiu dedicarse ao mundo da construción, cando esta estaba en alza, abandonando o campo. Foi entón cando se empezou a contratar homes doutros países para traballar o agro andaluz, a maioría subsaharianos. Porén, tralos encerros e folgas de fame destes xornaleiros no ano 2002 para esixir a regulación do seu traballo, as empresas decidiron recorrer ás mulleres para a recollida de froitos como o amorodo.

Por que mulleres? Que explicación se deu?
A escusa dos empresarios para este cambio foi que a man das mulleres é máis pequena e máis delicada para coller un froito como é o amorodo. Porén, a realidade é ben distinta, e ten que ver cunha lóxica patriarcal, colonial e capitalista. O home é, a ollos do patriarcado, menos submiso e difícil de controlar. Ademais, non ten cargas familiares, de coidados, que fan que elas si traguen moito máis e que lle aseguran ao empresario que a muller vai volver ao seu país cando remate a tempada; cando os homes, ás veces, ficaban todo o ano saltando de recollida en recollida.

Sarah Babiker Las mujeres eran manos

Primeiro, empezáronse a contratar mulleres de Europa do Leste, ata aproximadamente o ano 2006, que foi cando se empezou a contratar mulleres do norte de Marrocos, porque os empresarios dicían que as europeas saían demasiado de festa e despois non rendían ben á hora de traballar, pero a explicación real é que traer mulleres do outro lado do Mediterráneo e moito máis barato que pagar un avión desde Europa. E logo están os estereotipos, non? De que as mulleres marroquís son moito máis submisas, obedientes e fáciles de controlar. Segundo as lóxicas do sistema no que vivimos, é un negocio moito máis redondo traer mulleres do norte de Marrocos.

E como se fai para traer as mulleres marroquís ata aquí? Como as contratan?
Todo empeza cos chamados “Contratos de orixe”. Desde Andalucía contrátase xente en Marrocos que busca traballadoras para os empresarios andaluces. Moitas veces, esas persoas que se dedican a contratar fano a cambio de favores: se ti me fas un favor, eu fágoche un contrato para ir traballar a Europa. A esixencia que poñen os empresarios é que as mulleres que se vaian contratar sexan menores de 45 anos, proveñan do mundo rural e teñan cargas familiares (viúvas, con fillos pequenos…) para asegurarse de que van volver a casa cando remate a tempada. Ademais, para vir aquí piden préstamos que logo terán que devolver, o que é outra garantía de que non van quedar en Europa. Unha vez confirmado todo isto, as mulleres firman un suposto contrato que despois non volverán ver —isto é ilegal, a traballadora sempre ten que ter unha copia do seu contrato para poder acceder a el sempre que sexa mester—, e dáselle un visado que remata o 31 de xullo, día no que teñen que volver a Marrocos.

A xente que asistiu ao acto quixo amosar o seu apoio ás traballadoras marroquís. Elena Martín

Que se lles promete cando veñen aquí? Que clase de contrato firman?
Como convenio laboral, se fose certo, estaría bastante ben: 7 horas de traballo ao día, 40 euros a xornada, vivenda gratis, horas extra pagadas ao 75 %, transporte á súa disposición en todo momento… é o mesmo convenio que o das compañeiras andaluzas que van á recollida dos espárragos a Navarra ou da uva en Francia. É dicir, é aceptable.

Porén, cando chegan aquí, atópanse cunha realidade ben distinta. As horas extra non se pagan, traballan 14 horas seguidas, os 40 euros transfórmanse en 20, teñen que apuntarse nunha lista para poder ir a uns baños insalubres, quítanlles cartos do salario para pagar a vivenda e, ademais, esa suposta vivenda son recipientes prefabricados sen ventilación e con utensilios que non se cambiaron en máis dunha década. Moitas veces acaban durmindo en cartóns porque son máis cómodos que os propios colchóns. En Andalucía, durante o mes do amorodo pódese chegar aos 40 graos. Imaxinádevos primeiro traballando nun mar de plástico e, unha vez que saes de alí para supostamente ir descansar, o teu dormitorio é un cubículo que compartes con 10 mulleres, e onde fai aínda máis calor e sentes asfixia. E do transporte nada de nada. Teñen que camiñar pola estrada, de noite, sen iluminación nin chalecos reflectores. Cada ano hai mulleres que morren atropeladas indo a traballar porque ademais teñen que ir cando aínda é de noite. E non só iso, un ano, unha das xornaleiras desapareceu indo cara aos invernadoiros e apareceu tres días despois, espida e sen recordar o que acontecera. O empresario, facendo gala da súa humanidade, o único que fixo foi mandala de volta ao seu país sen pensalo.

"Fresas sí, pero con derechos": el grito de las mujeres de la fresa recorre Huelva

E todo isto sen contar cos abusos sexuais que tamén denuncian estas compañeiras, con tocamentos, acoso, chantaxes e ameazas se non teñen relacións sexuais co capataz. Obviamente non todas es empresas son iguais, hai algunhas que de verdade tratan as traballadoras como seres humanos, pero no caso das mulleres que denunciaron, esta era a súa situación.

A pesar dos estereotipos, foron precisamente mulleres marroquís as que conseguiron denunciar a súa situación.
Si, e aínda que aconteceu en Huelva, podía ter acontecido en calquera outro sitio, Almería, por poñer un exemplo. Desde o SAT levamos máis de 20 anos facendo campaña para denunciar a situación de abusos aos que se someten ás temporeiras, porque o que pasa en Huelva non é un caso illado, e só que alí por fin se conseguiu acabar co cerco mediatizado que impedía facer visible esta situación. Aínda que non é a primeira vez que se condena un empresario por abuso dos seus traballadores, porque xa acontecera no 2014. Porén, a partir da aparición dunha noticia nun xornal alemán, o tema empezou a expandirse por Europa, e todo é tan descarado que non houbo máis remedio que sacar todo á luz.

Realmente comezou cando 100 traballadoras de Doñana 1998 (a empresa denunciada), asesoradas polo sindicato, fixeron un documento de denuncia, e 24 horas despois foron secuestradas, metidas nun bus e devolvidas ao seu país. Pero ao redor de dez puideron escapar e son as que seguiron coa denuncia. Tres empresarios si foron encarcerados ao principio, pero saíron pronto. A partir de aí comezamos a denunciar publicamente esta situación, manifestarnos con elas... ata que o caso chegou á Audiencia Nacional.

Que dixeron os empresarios trala denuncia?
Sacaron un escrito firmado por outras traballadoras en que se dicía que elas estaban perfectamente ben, que se cumprían tódolos convenios laborais... obviamente, isto firmárono coaccionadas. Estás no medio dun deserto de plástico, illada, non sabes o idioma, non sabes que recursos podes ter en caso de precisar axuda, non tes ninguén máis a quen recorrer ademais do capataz. E tampouco te vas enfrontar a el. Son mulleres de zonas rurais, precarias, con moitas necesidades e por iso veñen aquí. Entón acabas calando e aturas, porque sabes que estás atada de pés e mans. Ademais, sabes que se volves ao teu país sen cartos vas ter que render contas alí tamén. O raro é que algunhas se atrevesen a denunciar, porque realmente tiñan todo o mundo en contra, por iso non queren mostrar a súa cara e sempre están cubertas e por iso sacámolas de Huelva para protexelas. E agora están ademais nun limbo, non poden traballar pero tampouco queren volver ao seu país de orixe sen unha sentencia ou unha solución.

Desde o SAT, que queredes que cambie para que unha situación como esta non aconteza máis?
Para empezar, é preciso que os medios de comunicación falen do tema e non terxiversen a información, pois ao final a sociedade non apoia estas mulleres porque desde algúns xornais e telexornais din que o que estas mulleres buscan son papeis para quedaren en España, e isto é totalmente falso. Elas queren xustiza e volver ao seu país coas súas familias. Moitas persoas non veñen ás manifestacións, nin as apoian, por culpa destas mentiras.

El SAT insta a la Junta a que “dé la cara” en el caso de las 300 temporeras marroquíes

Por outra banda, queremos que se deixe de atacar os nosos compañeiros. Por exemplo, Andrés Bolado entrou unha vez na zona de invernadoiros e tivo que saír correndo porque un grupo de coches comezaron a perseguilo. E o propio alcalde de Huelva ameazou publicamente a Diego Cañamero. Queremos que haxa un convenio colectivo do campo que vaia en verdade a prol do benestar da traballadora, que teña perspectiva de xénero e se cumpra, porque en teoría hai inspeccións de traballo, pero non só son escasas senón que ademais fan a vista gorda en case todo. Agora mesmo están firmando un novo convenio para os próximos 4 anos entre CCOO, ASAJA e a Patronal, a ver se de verdade cambia algo.

Por último, queremos que se entenda que nada desta situación vai mudar, o empresario seguirá actuando así, mentres a Junta de Andalucía, a Consejería e o Ministerio o permita.

Que podemos facer desde aquí para axudar?
Compartir a información nas redes sociais, falar do tema, que se fagan charlas como a de hoxe por toda a Península é moi importante para que a sociedade entenda o que está acontecendo. As manifestacións, as noticias, os artigos, as mostras de apoio danlle moito pulo a estas mulleres que ata hai moi pouco se sentían illadas e soas. Para elas, verse arroupadas, entender que por fin poden contar todo polo que pasaron é un alivio e anímaas a seguir loitando por elas e polas súas compañeiras.

Desde a realización desta entrevista, o SAT pediu máis control e inspeccións no campo trala firma dun convenio colectivo que din é insuficiente, está cheo de boas intencións, pero non se concreta en nada. As xornaleiras foron levadas a Albacete por unha parella de avogados de Ausaj (pola forza, segundo testemuñas que aseguraron velas chorando), tras problemas coa suposta falta de transparencia dun crowfunding que estes mesmos avogados comezaran, e mantéñense en contacto co SAT polo WhatsApp. A Audiencia Nacional descartou investigar os abusos a estas xornaleiras.

El feminismo de Huelva exige respeto hacia las temporeras que denunciaron los abusos

https://www.elsaltodiario.com/explotacion-laboral/virginia-pina-cruz-xornaleiras-huelva