• Número 410
  • 05 de novembro de 2018

Administración Autonómica

Reunión director de Función Pública-sindicatos maioritarios

Unha nova reunión pantomima do director de Función Pública cos sindicatos maioritarios

O venres 26 de outubro realizouse unha nova xuntanza pantomima entre a Dirección Xeral da Función Pública (DXFP) e as organización sindicais “máis representativas no ámbito galego”, para tratar os temas que se derivaron da reunión da semana anterior, á que a DXFP convocara ás organizacións sindicais con apenas 24 horas de marxe. Á reunión do día 26, que en principio tiña como orde do día; tres asuntos: mellora do emprego público, carreira profesional e o decreto de mobilidade, engadíronselle a modificación do decreto de listas, unha listaxe de categorías do V convenio a funcionarizar, sen que nin sequera se presentase o proxecto de decreto de funcionarización.

En resumidas contas:

1.    A DXFP limitarase a aplicar os acordos asinados en Madrid entres sindicatos “maioritarios” e PP, en relación a salarios e IT.

2.    Négase a restituír a xornada de 35 horas, aducindo os custes que iso representaría.

3.    Nada de restitución do salario expropiado nesta última xeira, nin da recuperación do poder adquisitivo dos nosos salarios.

4.    Mantéñense as taxas de reposición pactadas entre sindicatos e PP.

5.    Nada de reposición dos Artigos 19, 29 e 34.2 do V Convenio Único do Persoal Laboral da Xunta de Galiza

6.    Como sinalamos remite unha listaxe de categorías do persoal laboral encadrándoas en escalas de persoal funcionario pero sen enviar nin sequera o proxecto de decreto de funcionarización.

Se analizades os comunicados das organizacións sindicais presentes na reunión, chegaredes á conclusión de que todas rexeitan as imposicións da DXFP, non obstante en ningún momento se sentaron a discutir e preparar medidas que obriguen ao goberno da Xunta a modificar as decisións que lles comunicaron na reunión e as que sen dúbida teñen preparadas.

Mentres que non nos mobilicemos coa contundencia que require a actuación despótica dunha administración que segue a impoñer recortes laborais, económicos e sociais ás súas traballadoras e traballadores, o goberno da Xunta seguirá cos mesmas políticas.

A nosa pasividade reforza a súa política de recortes.

A única solución é a mobilización. Adiante con ela!

Documentación transmitida ás organizacións sindicais o día 29.

Modificacións da Lei de Emprego. Irán na Lei de acompañamento dos Orzamentos 2019

Borrador das escalas das categorías de persoal laboral a funcionarizar

Borrador do Decreto de provisión de postos