• Número 410
  • 05 de novembro de 2018

Lingua

Resposta de Fala Ceibe do Bierzo ao V Informe Sobre o Cumprimento da Carta Europea de Lenguas Rexionais polo Reino de España

O primeiro dicir que a lingua galega se fala en dous territorios, a saber, As Portelas da Alta Seabra de Zamora e na parte ocidental da rexión do Bierzo

O coletivo cultural Fala Ceibe do Bierzo ten sido convidado pola Mesa de Normalización Lingüística de Galiza para elaborar un informe sobre a execución da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias na Comunidade Autónoma de Castela e León polo que se refire á lingua galega.

O primeiro dicir que a lingua galega se fala en dous territorios, a saber, As Portelas da Alta Seabra de Zamora e na parte ocidental da rexión do Bierzo. Ante a falla de enquisas sociolingüísticas axeitadas descoñecemos o número total de falantes de ámbolos dous territorios, manéxanse 5.000 e 30.000 falantes respetivamente.

A seguir analizaremos as carencias na proteción do galego, por parte das distintas administraciois públicas, nos distintos eidos lingüísticos.

O ENSINO.

Desde o curso 2001 se pode estudar galego, de xeito voluntario, nos centos escolares do Bierzo ocidental e das Portelas de Zamora. Sen embargo, ainda hoxe hai graves carencias na execución do ensino do galego. Así, hai centros escolares rurales, na zona galegofalante do Bierzo ocidental, que non ofertan aulas de lingua galega. Son os casos da Veiga de Valcarce, Carracedelo, Viladepaos, Quilous ou Fabeiro.

Nuns casos a Junta de Castela e León alega que non hai ningunha demanda do galego pola comunidade escolar, noutros que non hai alunado suficiente para ter unha profesora desta lingua. A solución desta problemática esixe que o ensino do galego sexa de oferta obrigatoria en tódolos centros escolares do Bierzo ocidental. Ademais o galego debería estar presente en tódolos ciclos educativos (infantil, primaria, secundaria, bacharelato e universitario). Por suposto, hai que eliminar calquera límite mínimo de alunado para ter dereito a unha profesora de galego.

NECESIDADE DE REFORMAS LEGAIS AUTONÓMICAS.

Cómpre a reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León para acadar o recoñecemento de oficialidade da lingua galega das Portelas e O Bierzo. Só así os falantes deste idioma poderán ter recoñecidos os seus dereitos lingüísticos, individuais e coletivos.

Atualmente o Estatuto de autonomía de Castela e León admite expresamente o galego, "gozará de respeito e proteción a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utillice" (art.4.3). Trátase dun insuficiente recoñecemento de mínimos que non axuda á proteción do galego no século XXI.

Tamén convén a aprobación dunha Lei de linguas minoritarias de Castela e León que recolla a proteción dos tres idiomas, a saber, leonés, eusquera de Trebiño e galego. Con esta nova norma se poderá regular o recoñecemento de dereitos lingüísticos para os seus falantes. Esta lei abranguería os diversos eidos lingüísticos de obrigada intervención das administraciois públicas a prol do galego, incluidas as Cortes de Castela e León.

AS ADMINISTRACIOIS LOCAIS DO BIERZO.

Na rexión do Bierzo existen varias administraciois locais, son o Consello Comarcal do Bierzo, os concellos e as pedanías das localidades. A meirande parte das administraciois locais son de carácter rural, con escasos medios económicos e de pequeno tamaño que sufren a despoboación e o envellecemento dos seus veciños.

Por todo o dito, as administraciois locais do Bierzo carecen de medios técnicos, persoais e financeiros para levar a cabo medidas de normalización lingüística co galego. De aí que debería ser o Consello Comarcal do Bierzo quen crease un Servizo lingüístico comarcal para fomentar o galego no seo dos entes locais (documentación, portais web, etc.

OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN.

Os medios de comunicación do Bierzo non utilizan o galego acotío. Esta lingua chega ao Bierzo por mor dos medios de comunicación de Galiza e pola internet. Todo parece indicar que os medios de comunicación do Bierzo non usarán o galego por dirixirse ao público castelán. Soamente unha política lingüística de subvenciois favorecería o uso parcial do galego neses medios de comunicación.

A TOPONIMIA GALEGA.

Durante séculos a lingua castelá ten sido imposta sobre a toponimia galegaberciana polas diveras administraciois (estatal, provincial e local). Velaí a necesidade que hai de recuperar a toponimia tradicional e de oficializala en idioma galego.

Incluso hoxe a Lei do réxime local de Castela e León (1998) obriga a denominar os concellos en lingua castelá, "a denominación dos concellos haberá de ser en lingua castelá, respeitándose as denominaciois existentes á entrada en vigor desta Ley" (art. 24.1).

A COLABORACIÓN EXTERIOR.

A minoría galegofalante do Bierzo forma parte históricamente da comunidade galegofalante do noroeste peninsular. Por iso os lindeiros político-administrativos entre Castela e León e Galiza non poden afastar aos falantes da mesma lingua galega. Tódolos falantes do galego do noroeste peninsular deben ter os mesmos dereitos lingüísticos recoñecidos.

Para salvarmos os atuais atrancos políticos, velaí a esixencia de colaboración entre os gobernos da Xunta de Galiza e da Junta de Castela e León. Xa hai un Protocolo de colaboración para o ensino do galego en Castela e León. Mais fai falla outro Protocolo para o uso do galego por parte dos entes locais do Bierzo, neste caso entre Consello Comarcal, Xunta de Galiza e Junta de Castela e León. Outro tanto pódese facer coa recuperación da toponimia tradicional do Bierzo ocidental através dun convenio de colaboración coa Comisión Toponímica de Galiza.

Outras instituciois de Galiza teñen que amosar máis interese pola problemática lingüística do Bierzo, casos das universidades, Real Academia Galega ou o Instituto de Lingua Galega. Os seus estudos filolóxicos, sociolingüísticos ou históricos deben superar o atual lindeiro político da Galiza para interesarse polos falantes estremeiros veciños, eonaviegos, bercianos e portexos.

http://www.xornalgalicia.com/galicia/noticia-destacada-de-galicia/7793-resposta-de-fala-ceibe-do-bierzo-ao-v-informe-sobre-o-cumprimento-da-carta-europea-de-lenguas-rexionais-polo-reino-de-espana