• Número 410
  • 05 de novembro de 2018

Universidade

Resumo do Consello de Goberno do día 29/10/2018

Defendemos, entre outras cousas, o acordado na Xunta de persoal

Desde agora, como primeira parte do resumo da sesión do Consello de Goberno daremos acceso á gravación da sesión anterior, neste caso a do 25/09/2018. Desde hai dúas reunións séguese o procedemento de gravación do son para posteriormente poñelo a disposición pública.

Orde do día

Desenvolvemento da reunión.

Informe do reitor: Anuncia a apertura da Residencia Universitaria, de momento con 40 prazas que irán aumentando até as 118 a final do curso.

Informe do Xerente: Comunica as Convocatorias: axudas sociais PAS 2018 e fondo acción social 2019 e varias instrucións relacionadas co peche do exercicio e coa nova Lei de Contratos. Informa que na semana anterior á convocatoria do Consello de Goberno asistiu ás 36 Xornadas de Xerencia Universitaria realizadas na Universidade de La Laguna

Puntos da orde do día que afectan directamente ao PAS

5 .- Proposta de modificación da oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2018

Presenta o xerente esta modificación como algo obrigado despois de se recibir requirimento da "Dirección General de Costes de Personal y Pensiones Públicas".  Sinala, unha vez máis, que como a raíz da inclusión da praza 316 se incrementara unha da Escala administrativa (C1) debía ser unha destas prazas a que decaese da Oferta de Emprego Público do ano 2018 (OEP 2018).

A representación do PAS manifesta que é necesario facer unha reflexión sobre como se desenvolveu a inclusión desta praza (316) na OEP. Esta praza quedou vacante, por renuncia, no ano 2016, a Xunta de Persoal requiriu que se incluíse na OEP de 2017 como correspondía, a Xerencia, en base a que a praza estaba pendente de sentenza xudicial, negouse a que se computase nesa OEP. A Xunta de Persoal sabía que a súa inclusión podería ser obxecto de rexeitamento pola súa extemporaneidade, reclamamos, non obstante, que como o erro era culpa da institución, se incluíse de igual maneira e, de haber algún problema, se solucionaría entre as partes. Contabamos conque esta circunstancia aparecese na aprobación preceptiva que realiza a Consellería de Facenda, non foi este organismo senón outro o que pon de manifesto o erro da Xerencia. Daquelas choivas esta lama.

Por outra parte a representación do PAS reclama que a praza a retirar sexa a de A2, xustifica esta proposta no proceso de promocións en marcha que fai máis necesario a cobertura de prazas nos postos base. Pide votación.

O xerente sinala que a praza en cuestión tivo sentenza xudicial a mediados do ano 2017, por iso non puido entrar na Oferta.

A representación do PAS sinala que a praza, ao quedar vacante por renuncia no ano 2016 correspondía o seu cómputo na OEP de 2017 tal e como establece a Lei de Orzamentos.

O xerente replica que a praza estaba cuberta por persoal interino, se era difícil a súa inclusión na OEP de 2018 máis difícil era que se puidese computar na OEP de 2017.

A representación do PAS, sinala que non só esa era a consideración da Xunta de Persoal, tamén, no propio requirimento da "Dirección General de Costes de Personal y Pensiones Públicas" se establece que esa praza debía computarse na OEP de 2017 ao sinalar textualmente “En la información remitida de bajas y altas se incluye una baja procedente del año 2016, por lo que no puede ser tenida en cuenta para el cálculo de la tasa de reposición”. Danos a razón, polo tanto.

Corta a discusión o reitor que pon en marcha a votación co resultado de: 26 votos a favor da proposta do equipo de goberno (retirar unha praza de posto base da Escala Xeral C1), 4 en contra (@s 4 representantes do PAS) e 2 abstencións.

18 .- Quenda aberta de intervencións

Representación do PAS:

O reitor ven de comunicar no seu informe a apertura da Residencia Universitaria, temos que sinalar a este respecto que a residencia ponse en marcha mediante unha externalización de servizos, neste novo servizo da universidade non traballa ningún traballador propio da institución. As necesidades de persoal neste novo servizo son estruturais e polo tanto deben ser cubertas por persoal propio non recorrendo, como se fai neste caso, á contratación externa de “controladores”. Reclamamos, polo  tanto, a cobertura con persoal propio, dos postos necesarios para o funcionamento deste novo centro universitario.

Segundo aparece na prensa, a CRUE cedeu ao Santander o lanzamento dunha APP (aplicación para móbiles) mediante a que se lle ceden, ademais sen contraprestacións, os datos de todos os membros da comunidade universitaria. A UDC vai entrar nese negocio para o banco?

Office 365, coñecemos de segundas que cada usuaria ou usuario pode instalar a suite ou paquete ofimático en 5 ordenadores, a cuestión é que segundo parece cada usuario ou cada instalación abona en concepto de non sabemos moi ben que, uns 40 ou 50 euros ao ano. A cuestión é que nunha institución de miles de persoas multipliquen esa cantidade por 50 e verán se resulta rendible esta implantación. Todo iso a nivel económico, sen avaliar o que xa comentei noutro Consello de Goberno sobre a cesión de datos e a seguridade que ofrece a empresa. Reclamamos que se nos dea traslado ao contrato subscrito con Microsoft para poder avaliar o alcance da operación.

Instamos á Xerencia a involucrarse nas cuestión que teñen que ver coa súa función de xefatura de persoal. As circunstancias que derivan da implantación da nova lei de contratos ocupan boa parte da labor da Xerencia, para nós é unha prioridade non obstante, a outra función relativa á Xestión de Persoal inherente tamén ás súas funcións e que actualmente están en stand by

Respostas:

Xerente .- Pola premura da posta en marcha da Residencia Universitaria óptase, de xeito provisorio, pola contratación á empresa de vixilancia que á súa vez está contratada pola universidade para que cubra as necesidades que aparecen neste novo servizo, sen prexuízo de que, cando se considere oportuno, se estableza outro procedemento.

As labores do xerente son moi amplas e non corresponde sinalalas neste ámbito, a Lei de contratos preocúpanos a todos. O xerente, na anterior reunión da Xunta de Persoal adquiriu uns compromisos, que constarán na acta correspondente, que levará adiante.

O reitor sinala que leu o que se publica nalgún medio de comunicación ao respecto da APP, parécelle unha información incompleta, dando a entender polos seus xestos que tamén tendenciosa. A UDC non participa desta cesión e manifesta que a universidade coa xestión da carta da universidade xa se cedían parte dos datos.

(Temos que sinalar, aínda que non o manifestamos na sesión, que segundo o que publica este medio, “Esta herramienta (a APP) permite al Santander, con la autorización del usuario, conseguir datos personales y académicos de alumnos y profesores para “elaborar perfiles” y ofrecer servicios individualizados”, nada que ver coa información que se proporcionaba coa carta de membro da comunidade universitaria)

Sobre Office 365 comenta que se optou, fíxose tamén a través da CRUE, pola plataforma de Microsoft porque ofrecía máis garantías. Fíxose todo coa aprobación dos Servizos Informáticos. A universidade non cede ningunha información a ninguén, cando se inicia a sesión en office 365 éntrase nun entorno exclusivo da UDC no que o control dos datos de acceso... está realizado pola universidade. Polo que lle dicen a actual licencia campus de produtos Microsoft é máis cara que o actual acordo.