CUT e CIG solidarízanse coa loita das traballadoras da limpeza da Xunta

As traballadoras da limpeza da Xunta de Galiza,
privatizada e actualmente xestionada pola empresa Grupo Norte, levan
desde o pasado 24 de maio na rúa reclamando a fin da clasificación
profesional sexista e da discriminación salarial por razóns de xénero.
As mulleres representan o 90 por cento do persoal
e, pese iso, ningunha ten a categoría de peón/peoa especialista. O resto
que si dispoñen desa categoría, co seu respectivo incremento salarial,
son homes. A esta situación, engádeselle unha sobrecarga laboral extrema
debido á ausencia de cobertura das baixas laborais ou as vacacións. A
principal consecuencia desta sobrecarga atópase na propia saúde das
traballadoras que se deteriora co paso do tempo desenvolvendo tendinite,
sobrecargas musculares, etc.
Ante esta situación, as secretarías de mulleres dos
sindicatos CIG, CUT unímonos para condenar frontal e inexcusablemente a
discriminación machista que están a sufrir estas traballadoras e
esiximos a súa fin facendo que todas as traballadoras cunha antigüidade
mínima de seis anos pasen inmediatamente á categoría de peón/peoa
especialista de xeito automático.
Entendemos que non facelo así significaría seguir
agrandando a fenda salarial por razón de xénero, xa que neste caso o
feito discriminatorio non se reduce exclusivamente á simple promoción de
categorías, senón ao propio sistema e requisitos que se lle esixe a un e
a outro xénero para ascender de categoría.
Non sería entendible que agora se pretendese
limitar o número de traballadoras que puidesen acceder á categoría de
peón/peoa especialista cando isto nunca ocorreu co persoal masculino, o
contrario significaría seguir a manter e soster indefinidamente a
situación de discriminación e, polo tanto, a fenda salarial. Unha
discriminación que acontece coa percepción dos diferentes Pluses.
Denunciamos a pasividade do goberno galego incapaz
de adoptar até o momento ningunha medida para rematar con esta
discriminación.
Abonda de precariedade e privatización dos
servizos públicos!
Abonda de machismo laboral!
Cos nosos dereitos, non se xoga!