Resumo da reunión Xerencia-Xunta de Persoal do día 22

Como vos informamos, o luns 22, convocados pola
Xerencia, realizouse unha reunión que tiña como único punto da Orde do
día a revisión da Oferta de Emprego Público de 2018. A este único punto,
a Xunta de Persoal intentou engadir os puntos, que na reunión do día 18,
considerara de urxente toma de decisión.
O xerente non aceptou incluílos na Orde do día como
puntos para toma de decisión, sinalou que, non obstante, informaría dos
mesmos no apartado de rogos e preguntas.
Xa metidos no desenvolvemento da reunión o xerente
formula a razón da convocatoria na recepción dunha
notificación da
Secretaría de Estado de Presupuestos y Gastos, Dirección General de
Costes de Persoanal y Pensiones Públicas, na que se sinala que unha das
prazas que se computaba como baixa procedía do ano 2016, polo tanto “no
puede ser tenida en cuenta para el cálculo de la tasa de reposición.
El número máximo de plazas a ofertar de personal de
administración y servicios de la Universidad de La Coruña en 2018
asciende a 10”
Na notificación recibida explicítase que, polo
tanto, a Oferta de Emprego Público de 2018 é contraria á normativa
básica e sinala que, “ por lo que esta Dirección General anuncia su
intención de interponer recurso contencioso-administrativo contra la
misma”. Aínda así, dá un mes de prazo para corrixir a
Resolución de 3 de agosto de 2018, incluíndo só 10 prazas en lugar
das 11 que contempla. A Xerencia sinala que a institución decidiu, polo
tanto, retirar unha das prazas da Oferta. Pregunta á Xunta de Persoal o
seu parecer.
A Xunta de Persoal, na reunión do día 18, acordou
por maioría, cos votos en contra de CCOO e UGT, que a praza a retirar
debía ser a praza do grupo A2 que figuraba na Oferta, entendendo que as
prazas máis necesarias, máis aínda desde a promoción recentemente
realizada, son as de posto base.
O Xerente, a pesar de que é unha posición
absolutamente minoritaria na Xunta de Persoal, coincide con CCOO e UGT
en que a praza a retirar será a do grupo C1 da Escala administrativa que
pasará de 6 a 5 prazas.
Na quenda aberta de intervencións, entre
outras cousas, tratouse:
Temas debatidos no Grupo de traballo de
acción social-conciliación xunto coa recuperación das 35 h. e 100% das
retribucións en caso de IT o xerente comprométese en que na
semana do 29 de outubro enviará unha proposta, convocándose a reunión
para adoptar acordos na semana do 5 de novembro.
OEP acumuladas, estabilización. Na
semana do 12 de novembro fixarase unha reunión para debater as propostas
que se enviarán previamente por parte da Xerencia
Promocións 2018. O xerente
enviará proposta de convocatoria e temarios. Insistimos, desde a Xunta
de Persoal, en que non debería existir dificultade en facer este
procedemento dun xeito rápido, pois é unha convocatoria na que se
repiten categorías que xa foron obxecto de promoción.
Roupa de traballo, o xerente
sinala que na primeira ou segunda semana de novembro debería de estar
resolto. Sobre este tema a Xunta de Persoal comunicoulle a decisión, que
por unanimidade adoptou na reunión do día 18 de denunciar, diante da
Inspección de Traballo, o incumprimento de entrega no prazo establecido
na normativa. Protéstase porque non se cubriu a praza de Técnico
relacións laborais e acción social, durante a prolongada IT da persoa
que a ocupa.
Concurso de méritos do persoal do SIC.
A Xunta de Persoal insiste en que se cumpra o establecido no acordo
asinado no ano 2015. O xerente sinala que segundo a súa apreciación
compren o asinado e que se acompasará o proceso de cobertura de prazas
por quenda libre ao concurso. A Xunta de Persoal reitera que,
legalmente, corresponde a prioridade na elección de vacantes @s
funcionar@s en activo antes da incorporación d@s funcionari@s que se
incorporen despois dunha oposición.
Reordenación no Servizo de Contratación,
Patrimonio e Xestión Económica. A Xunta de
Persoal ten constancia de que se realizaron cambios neste servizo,
reclama se lle proporcione a Resolución de Xerencia, para avaliar o
alcance das modificacións realizadas. Requirimos, unha vez máis, á
Xerencia que cando se proceda a algunha actuación que afecte a algún
traballador ou traballadora ou como pode pasar neste caso que afecte
incluso á propia RPT, verémolo cando se nos proporcione a Resolución, se
trate previamente coa representación unitaria dos traballadores e
traballadoras.
Convocatoria de axudas sociais.
A Xunta de Persoal reclama que cando se fagan
convocatorias se discutan previamente coa representación das
traballadoras e traballadores.
RPT. Pregúntase cando se
vai entregar o proxecto de RPT, o xerente sinala que deu instrucións aos
servizos dependentes de Xerencia e ás Vicerreitorías para que lle
manifestasen as súas apreciacións, necesidades..., a día de realización
da reunión recibiu moi poucas respostas.
Nova estrutura de dietas. A Xunta
de Persoal entende que se debe negociar unha nova estrutura das dietas,
o actual está obsoleto, as cantidades que se sinalan para os grupos máis
baixos son insuficientes. Na reunión do día 18 decidiramos estruturalas
en dous grupos no que o A1 quedaría como está, formándose outro grupo co
resto. O xerente quedou en estudalo.
Consulta ao colectivo mediante voto
electrónico da porcentaxe a establecer nas convocatoria
de quenda libre das fases de concurso e oposición. O xerente considera,
do mesmo xeito que CCOO e UGT, que a responsabilidade da decisión debe
recaer no órgano de representación, considerando que, ao seu parecer non
procede a consulta.
Desde a nosa opción sindical non aceptamos
a intromisión da Xerencia nos criterios que deben sustentar a actuación
da Xunta de Persoal, órgano de representación autónomo da
vontade da empresa. Á Universidade, neste caso só lle corresponde
sinalar se vai poñer os medios necesarios para a consulta, e, de facerse
a consulta, se aceptará o resultado da mesma.
Aparcadoiro da Reitoría. Sinálase
desde a Xunta de Persoal que, de impedirse o estacionamento na Reitoría,
nese espazo non pode aparcar ninguén, non se entende que poidan existir
privilexios a este respecto, o Equipo de Goberno e as persoas que
actualmente gozan deste privilexio deben ter o mesmo tratamento que o
resto das traballadoras e traballadores. Reclamouse máis tempo para o
bono de aparcadoiro ás persoas que teñen que realizar algunha actuación
na Reitoría, e que se teña en conta ás persoas que por razón de traballo
teñen que saír a realizar tarefas fóra da Reitoría.