Cando o mercado laboral produce pobreza

A pobreza non se asome como un problema político,
sistémico e estrutural, alongado no tempo. O relato mediático e o seu
imaxinario social navega en paralelo á deficiente abordaxe que se lle dá
historicamente no conxunto do Estado. Non se remata coa pobreza nas
sociedades opulentas occidentais nin sequera en épocas de bonanza, cando
os Estados europeos do Benestar se anunciaban como sólidas estructuras
de igualdade.
Coa modernidade capitalista o emprego convértese en
fonte de identidade e subxectividade social. O productivo en termos
económicos pasa a marcar o baremo do valioso. O punto de vista
capitalista entende a produtividade humana dentro do mercado como a
virtude moral por excelencia. A grandes rasgos, o traballo asalariado
vólvese ética para os homes como o fogar e os fillos para a muller. Ese
papel alicerza sistema. Máis tarde amplía a homes e mulleres a ética e o
rigor do traballo asalariado (mentres soña que os fillos e os maiores se
coidan sós ou destina ás mulleres con menos recursos económicos a
tarefa, tanto propia como allea).
A EAPNes (European Antipoverty Network España) vén
de presentar no Senado o seu oitavo informe sobre pobreza e exclusión
social no Estado español. Sostén que a recuperación macroeconómica
proclamada nos últimos años está moi lonxe de lle chegar ás persoas. A
taxa de empregabilidade aumenta desde 2012 e os beneficios empresariais
medran desde entón até un 200%.
Hai máis traballo, pero hai menos renda. Todos os
grupos sociais perden renda real, co engadido de que as diferenzas entre
grupos son grandes e de que os pobres son máis pobres aínda. Os maiores
de 65 anos deixan de percibir un 3,8% da súa renda media, as persoas que
viven en fogares monoparentais un 4,7%, as mulleres case un 11% (a
brecha de xénero abrangue todas as idades e trae un dos peores
pronósticos do informe), as persoas en desemprego perto dun 26% e os que
teñen un traballo asalariado un 13,2%.
A pobreza segue a se retratar en boa medida como
unha foto na distancia de estereotipos baixo un estigma culpabilizador.
Pero a grande maioría dos cidadáns e cidadás pobres son españois (81%),
ten un nivel educativo medio (56%) ou superior (13,8%) e un traballo
remunerado (máis de tres de cada dez).
É sesgado analizar a pobreza, a precariedade e a
desigualdade como elementos illados porque están atravesados por
variables fundamentais. Algunhas tan obvias como o prezo da vivienda, a
fabricación dunha nova burbulla do ladrillo, o descontrol na suba dos
alugueiros atravesada pola xentrificación e a turistificación,
neoloxismos que retratan o ocaso dalgúns barrios, en especial os centros
das cidades, como lugares habitábeis para a población que non está de
paso.
Outros factores son tan evidentes como
obstinadamente ignorados: o feito de que ter fillos se demostre como un
factor fundamental de risco de pobreza. Os fogares con menores obteñen
peores resultados nos catro principais indicadores do informe: unha taxa
Arope un 28% máis alta, o dobre de pobreza severa, un 29% máis de
privación material severa e un risco de pobreza un 56% máis elevado.
Case tres de cada dez menores de dezaoito anos vive
en risco de exclusión social e un de cada dez padece pobreza severa.
Case un cuarto das persoas que viven en familias nucleares está en risco
de pobreza, cifra que se eleva ao 40,6% dos que conforman os fogares
monoparentais (nun 83% monomarentais). Non entran aínda nestas análises
as problemáticas específicas dos varios núcleos que interveñen nas
familias reconstituidas ou ensambladas.
Outro factor esencial vén determinado polo sistema
laboral. É importante sinalar que máis do 14% das persoas que acoden
cada día a un posto de traballo está en situación de pobreza, unha cifra
idéntica a 2016. O emprego segue a ser de tan baixa calidade que non
garante unha vida digna. Para mostra o feito vergoñento de que son máis
as persoas pobres maiores de 16 anos cun traballo remunerado (33%) que
desempregadas (26,5%).
Ningún debate arredor do incremento do salario
mínimo interprofesional a 900 euros -que debe ser aprobado por un real
decreto antes de que finalice 2018- debe prescindir desta radiografía da
pobreza vencella ao fracaso do mercado laboral. Afecta a moitos campos,
incluída a subcontratación pública. Non será a panacea, pero axuda a
poñer sobre a mesa as necesidade dun cambio laboral profundo e a tira
por terra a caricatura da pobreza.
https://www.elsaltodiario.com/pobreza/marga-tojo-mercado-laboral-produce-pobreza