• Número 409
  • 29 de outubro de 2018

Opinión -Héctor Tejón

O sentido común en construción. O fascismo que ven

Configura unha non-realidade que aviva un sentido común racista, clasista e baleiro de empatía

“Daquela, de que serve dicila verdade sobre o fascismo que se condena se non se di nada contra o capitalismo que o orixina? Unha verdade deste xénero non reporta ningunha utilidade práctica.”
Bertolt Brecht

No barómetro do CIS de setembro pregúntase, coma sempre, cales son os principais problemas que existen en España. Sendo “o paro”, “a corrupción” e “a clase política”, por esta orde, os mais citados, seguidos dos problemas de “índole económica”, “a independencia de Catalunya” (un dereito político convertido en problema) e a mais distancia a “inmigración”. A simple vista, a axenda de preocupacións da sociedade española atópase marcada profundamente pola axenda mediática. Nada novo, por outra parte.

Pero hai un ítem que chama a atención. O racismo como preocupación acada un 0,1% dos enquisados mentres a inmigración acada un 4,1 e un 6,6% como primeiro ou segundo problema. No mesmo barómetro a categoría “os nacionalismos” (o español non, que é o normal) teñen máis puntos que “a violencia contra a muller” como primeiro problema.

Seguindo esta liña, un cidadá-tipo non se considera racista pero preocúpalle a chegada de inmigrantes, retratados polos medios de comunicación coma ondas de monstros negros e terroristas que se lanzan sobre os arames e toman as costas españolas en caiucos que apenas se manteñen a flote. Agóchanse datos ou analízase torcido.

Esquecen os medios mainstream que a meirande parte de inmigrantes chegan por Barajas e co pasaporte/visado en regra. Sendo a migración norteafricana a cuarta en procedencia. Segundo un estudo da Obra Social de La Caixa (institución para nada anticapitalista), os inmigrantes achegan ás arcas publicas mais do que reciben. De feito, a citada poboación representa o 1% de persoas beneficiarias de pensións no Estado. E sendo unha poboación marcadamente moza, o da saturación dos servizos sanitarios non é mais que unha mentira retrógrada de miradas reaccionarias. Pero a imaxe espectacularizante de auxiliadas no mar, inmigrantes saltando o valado na fronteira ou a relación xenófoba delincuencia-orixe funciona na construción do estereotipo da ameaza. Configura unha non-realidade que aviva un sentido común racista, clasista e baleiro de empatía.

Igual de preocupante é a construción do inimigo-ameaza que nos últimos tempos os mass media, opinólogos e redes sociais veñen deseñando dese gran outro identitario, e que rematou coroándose nunha visibilidade e normalización inquietante do «fascismo democrático» (si, un dos oxímoros dos tempos líquidos que nos toca vivir). Esa nostalxia de Franco declamada e enunciada sen vergoña empuñando a rojigualda e esa homoxeneización española a todas luces nunca existente que non fora a sangue e lume compoñen o armazón da carauta fascista mediaticamente normalizada baixo epígrafes coma “estrema dereita”, “dereita radical”.

Xunto a iso, a dialéctica sociolóxica equidistante que iguala violencias polo mero feito de selo: a agresión do maltratador e a defensa/prevención desta, o fascismo e o antifascismo, a brutalidade policial e a simbólica performativa. Son os ingredientes perfectos do cóctel dun status quo inquebrantábel e ortodoxamente eficiente.

O sociólogo francés Pierre Bourdieu dicía que o estado, as institucións e as prácticas da orde dominante (a escola, a universidade, os medios, a linguaxe política) son lugares ou expresións dunha violencia simbólica que tende a ocultar, baixo un aspecto de naturalidade, “relacións de dominación invisíbeis pero de efectos sociais temíbeis”. No caso do Estado español o fascismo (posfranquismo) sempre estivo presente: no poder xudicial marcadamente reaccionario que mudou a superficie (Audiencia Nacional) pero non o contido (Tribunal de Orden Público, TOP), no poder executivo con partidos debedores dunha ditadura nunca condenada en base a que “houbo dous bandos”(?), e no poder lexislativo de acordo a unha orde constitucional de marcado cariz ditatorial (lei de reforma política de 1976), coroado todo iso por un cuarto poder mediático neoliberal e clasista que da barbarie fai tendencia e do medo ficticio a súa trincheira.

Non é de agora, é correlativo á marca España. O diferente agora é que a dereita xa non se aglutina baixo o mesmo partido e certa esquerda institucional fai gala dos mesmos vicios, coa bandeira da progresía nacional española coma lavativa mental.

E pode que o mal vaia gañando, pero nas nosas mans e mentalidades está a responsabilidade de evitar outra derrota histórica. E quizais, comece por apagar o televisor…

A Coruña, 24 de outubro.

https://adiante.gal/o-sentido-comun-en-construcion/?fbclid=IwAR1qrg8GJZiYbB3p8mh4bfJABT_UiVEzOzE10eKuzF4XcI2Qm2fgvIXEE4U