• Número 409
  • 29 de outubro de 2018

Universidade

Mobilización contra os Orzamentos 2019, se non é agora, cando?

É hora de dar resposta aos ataques recibidos!

O PP ten xa preparados os Orzamentos do ano 2019, pero aínda lles queda por cumprir o proceso de discusión en comisión, coa correspondente presentación de emendas por parte da oposición... É dicir, temos aínda tempo para despregar un amplo calendario de mobilizacións que obriguen aos que nos gobernan a devolvernos o que nos roubaron.

Mentres que nos Orzamentos si se contempla os incrementos negociados en diferentes mesas sectoriais (Xustiza, SERGAS, Educación, Axentes Facultativos Medioambientais...), a nosa pasividade permítelle non gastar nin un euro máis do acordado cos pseudosindicatos denominados “maioritarios” en Madrid.

Ulo a recuperación do salario que nos expropiaron durante todos estes anos?

Isto no que se refire ao aspecto económico pero, de seguir aletargados nin sequera se aplicarán todas as medidas que eses pseudosindicatos pactaron a cambio da paz social. Sen ir máis lonxe, non hai intención de que recuperemos a xornada de 35 horas

Porque non actuamos con rotundidade para recuperar o Artigo 19 do V Convenio Colectivo Único do Persoal Laboral da Xunta?

Porque non prememos con enerxía para rematar coas taxas de reposición que condicionan a cantidade e a calidade do servizo público que proporcionamos e, en moitos casos, a nosa saúde, pola carga de traballo, cortando de raíz a posibilidade de conciliar vida laboral e familiar pola falta de persoal?

Porque non nos mobilizamos con todas as forzas que temos para recuperar a Acción Social recortada?

Desde a CUT da Universidade da Coruña pensamos que este é o momento. Non podemos agardar máis, se o facemos, coa nosa parálise propiciamos a inacción da Xunta, damos, de facto, o noso parabén aos recortes que nos impuxeron.

Poñemos a nosa capacidade de convocatoria a disposición dunha mobilización unitaria que responda con contundencia ao ataque que recibimos.

Se non é agora, cando?