Endesa admite que non atende en galego e atribúeo á escaseza de clientela que o pide

Cando, o 24 de xullo de 1997, o Consello de
Ministros do Goberno de José María Aznar deu luz verde á operación que
"implica a perda da maioría pública" en Endesa, isto é, á
privatización completa da compañía, a que fora empresa eléctrica estatal
levaba xa máis de vinte anos a deixar unha pegada indeleble en Galicia.
A central térmica e a mina a ceo aberto das Pontes, hoxe tornada
en inmensa lagoa, son algúns dos sinais máis obvios da empresa no país,
acompañados da xeración de tecido industrial na contorna, pero tamén dun
forte impacto ambiental e numerosas loitas sociais dende finais dos anos
70 do século pasado.
Neste 2018 Endesa segue moi presente en Galicia,
dende As Pontes e a súa térmica ata os patrocinios deportivos. Pero nos
últimos días foino por unha razón ben distinta. O escritor e xornalista
Pablo L. Orosa
dirixiuse ao servizo de atención ao cliente da compañía a través da súa
conta oficial en Twitter para formular unha reclamación. "Amigos de
Endesa, moito animarnos a contratar os vosos produtos por internet e
cando dou un de baixa cobrádesme unha penalización de 135 euros sen
avisar de nada. Así é como ides perder un cliente", sinalou. A compañía
retrucou un par de horas despois, pero non abordando os detalles da
operación, senón o idioma en que Orosa reclamaba. Endesa non fala
galego porque non hai moita clientela que llo pida, di.
Amigos de @EndesaClientes Moito animarnos a contratar os vosos produtos por internet e cando dou un de baixa cobrádesme unha penalización de 135 euros sen avisar de nada. Así é como ides perder un cliente
Segundo a mesma conta oficial da compañía, "para
poder atender correctamente e sen erros" a "solicitude" cómpre que o
cliente a formule "en castelán ou inglés". As reaccións do propio
afectado e de numerosas persoas usuarias da rede social non se fixeron
agardar. Aludían á devandita e histórica presenza de Endesa en Galicia e
ao seu impacto no país, pero tamén á falta de tacto na súa xestión de
redes e ao enésimo caso de exclusión do galego nas relacións comerciais
cunha explicación que non é de todo exacta. Endesa fala castelán e
inglés pero, por exemplo,
tamén fala catalán.
Preguntada ao respecto por Praza.gal unha voceira
oficial de Endesa admite que, efectivamente, a compañía atende cando
menos neses tres idiomas e non en galego. A razón, esgrime, ten que
ver co "volume de clientes" da compañía en Galicia. En Catalunya
teñen un "volume" maior e por iso atenden en catalán, argumenta, pero
iso non sucede en galego. Tampouco en Euskadi e por iso os seus servizos
tampouco están dispoñibles en euskera, agrega a mesma fonte oficial.
Tras este episodio entidades como A Mesa pola
Normalización Lingüística sinalaron o sucedido como unha mostra máis dos
atrancos que existen para poder realizar operacións cotiás en galego na
propia Galicia. Mentres, a vixente lei galega de protección xeral das
persoas consumidoras
segue a fixar no seu artigo 46 que "os consumidores, nas súas
relacións de consumo, teñen dereito a usar calquera das
linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre e cando a
contratación se realizase ou o consentimento se manifestase no
territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como nos supostos de
publicidade, ofertas, promocións ou comunicacións comerciais recibidas
en Galicia".
http://praza.gal/economia/17730/endesa-admite-que-non-atende-en-galego-e-atribueo-a-escaseza-de-clientela-que-o-pide/