• Número 409
  • 29 de outubro de 2018

Antifascismo

“Madrid sen Franco nin franquismo”

Centos de persoas secundaron en Madrid a manifestación convocada polo colectivo ‘Os xoves pola memoria histórica

Con carteis esixindo xustiza e chamando a Franco "criminal", unha multitude acompañou o xoves 25 de outubro á Plataforma contra a Impunidade do Franquismo, que desde hai 9 anos se manifesta todas as semanas na Puerta del Sol. Sobreviventes da Guerra civil, dos campos de concentración, represaliad@s do franquismo, familiares de desaparecid@s e torturad@s da Transición encabezaron unha marcha ata a catedral da Almudena en Madrid que foi secundada por 6.000 persoas, segundo cifras dos convocantes, para mostrar a súa repulsa ante o posible e inminente traslado do ditador Franco ao templo. “É unha alegría ver a tanta xente hoxe, aínda que faltan os máis novos”, declaraba unha veterana da Plataforma contra a Impunidade.

Durante case todo o percorrido ata chegar ao Palacio de Oriente escoitáronse berros como: “Franco criminal, nin Val nin Almudena” ou “O caudillo, ao contedor amarelo”. Tamén os clásicos: “Nin esquecemento nin perdón: verdade, xustiza e reparación” e “Madrid será a tumba do franquismo”. “Gritar isto hoxe soa raro”, dicía irónico un manifestante ao escoitar este último entoado por un grupo de mozos.

Ao fondo, un coro de mulleres cantaba “Ai, Carmela”. “Esta xa case ninguén a sabe” dicía unha delas... “Rumba a rumba a rum bam bam!”

Fronte da catedral, acurralados por un cordón policial, os organizadores leron un comunicado denunciando que “unha democracia non pode honrar a un ditador”. Nas súas liñas, advirten que en caso de levar acabo o traslado dos restos de Francisco Franco, a catedral e a cidade de Madrid “converteríase nun centro de peregrinación de nostálxicos franquistas”. O cal supoñería “consecuencias tremendamente negativas para a imaxe de Madrid e para a convivencia dos veciños e veciñas da cidade, e os seus visitantes”.

No comunicado tamén sinalaron que fixeron chegar unha carta a Pedro Sánchez, asinada por 80 asociacións e colectivos da memoria histórica, esixindo ao Goberno que “tome as medidas necesarias para que Franco non sexa enterrado na Catedral de Madrid, tras a súa saída do Val de Cuelgamuros”. Nos próximos días enviarán unha carta similar a Manuela Carmena, Alcaldesa de Madrid, e ao arcebispo de Madrid, Carlos Osoro.

Entre os atrasados ao acabar o acto, fronte á iluminada catedral, atopábase José Moreno, unha das vítimas do torturador Antonio González Pacheco. “Ou sexa, que nos van a traer os restos de Franco aquí, e ‘ Billy el niño’ segue libre, non?”, declaraba. "E sen ser xulgado, como o Franquismo".

https://www.elsaltodiario.com/franquismo/madrid-sin-franco-ni-franquismo-manifestacion-catedral-almudena