A CRTVG arquiva o expediente á xornalista que criticou ante Feijóo o control informativo nos medios públicos

A dirección xeral de Recursos Humanos da
Corporación Radio e Televisión de Galicia vén de arquivar
o expediente aberto o pasado verán á xornalista Tati Moyano.
Nunha resolución con data do pasado 18 de outubro a responsable deste
departamento, que decidira a apertura do expediente a Moyano, ratifica o
peche dun procedemento que, de chegar a rematar en sanción, abría a
porta ao despedimento da tamén ex-presentadora do Telexornal Serán,
labor ao que
renunciou xunto ao tamén xornalista Alfonso Hermida como protesta
polo control informativo nos medios públicos galegos. Esa ameaza desatou
nos últimos meses unha ampla vaga de solidariedade con Moyano,
con máis de 500 sinaturas de persoal da corporación -máis da metade
do plantel-, movemento que a propia dirección da canle critica ao
constatar o arquivo, cualificándoo de "interferencias" que encadra nun
"xuízo mediático e político".
O pasado 22 de xuño Moyano presentou a gala da
Asociación Española contra o Cancro celebrada en Santiago
xunto ao
xornalista da Cadena SER Luís Pardo. Este evento benéfico adoita ser
conducido por profesionais de diversos medios de comunicación e no seu
transcurso son habituais as referencias e chanzas sobre a actualidade.
Alí, en presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Moyano
reivindicou as protestas dos venres negros a prol da independencia
informativa na Televisión de Galicia e a Radio Galega. Aos cinco días a
CRTVG
iniciou un expediente informativo contra Moyano e un mes despois
tornouno en sancionador asegurando que reunira "indicios" de
que a presentadora fora maquillada nas instalacións da canle pública
para presentar a gala.
A conclusión do arquivo do expediente, a cuxo
contido tivo acceso Praza.gal, dá por "acreditado" o uso do servizo de
maquillaxe e perruquería por parte da xornalista para conducir a gala
benéfica. Faino a través de testemuños de persoas presentes nas
instalacións da canle pública nesa xornada. Admite, non
obstante, que tamén existiron "diversas precisións" por parte "dalgunhas
das traballadoras", que indicaron que prestaran o servizo "a título de
amizade ou en horario de descanso". Recoñece, ao tempo,
"convencemento no persoal de vestiario, maquillaxe e perruquería" dun
"tácito consentimento da CRTVG á prestación dos servizos", toda vez que
a súa participación na gala contra o cancro é en boa medida
"consecuencia" do seu "coñecemento público" como presentadora da Galega
e, daquela, ostenta unha "certa representación indirecta" dela. "Dende
esta perspectiva -di o expediente- podería xustificarse a prestación de
medios da CRTVG" nestes casos "coa finalidade de non inducir un gasto
extraordinario" na traballadora de que se trate.
Crítica á vaga de solidariedade con Moyano
Alén de considerar "criticable" que Moyano se
maquillase nas instalacións da TVG para presentar a gala benéfica, o
propio expediente detense a reprochar a vaga de solidariedade que nestes
meses explicitou o apoio á xornalista, moi presente tamén na
manifestación que o pasado decembro reivindicou a aplicación íntegra
da lei de medios públicos de Galicia entre berros de "non á
manipulación". Así, antes de desenvolver as cuestións relativas ao uso
ou non de medios da canle, o documento "deixa constancia" de que
"todo o ruído provocado ao redor do expediente", con "diversas mostras
de adhesión ou reprobación" da xornalista, "non contribuíron,
en nada, á obxectividade, imparcialidade e sumariedade do procedemento".
Tras considerar que esas "mostras" eran en
realidade "interferencias, producidas e orixinadas con distintos
propósitos" pero que "non desvirtuaron as garantías" do expediente, o
texto tamén aproveita para "cuestionar" algúns "comportamentos
singulares advertidos no presente proceso". Segundo o documento, xa
validado pola dirección da canle pública, existiron "deliberados
intentos por furtar e substraer o debate e a controversia" para suscitar
un "xuízo mediático e político".
Alén destas valoracións políticas o documento
conclúe a "conveniencia" de arquivar o expediente por
existir un "baleiro interpretativo" no uso de medios da CRTVG como a
maquillaxe e a perruquería para "determinados supostos". Por iso a
instrutora do expediente propón que a canle tome medidas "sobre a
prestación" destes servizos "fóra do horario laboral e a título de
amizade" e sobre o "uso dos servizos da CRTVG en determinados eventos
aos que non resulta convidada como tal a Corporación, senón a través dun
traballador que é coñecido pública e maioritariamente pola exclusiva
razón da súa aparición en pantalla nalgunha das canles da CRTVG".
http://praza.gal/politica/17709/a-crtvg-arquiva-o-expediente-a-xornalista-que-criticou-ante-feijoo-o-control-informativo-nos-medios-publicos/