O Parlamento Europeo reclama a ilegalización da Fundación Francisco Franco

O Parlamento Europeo aprobou este xoves unha
resolución na que reclama a prohibición de grupos e
organizacións neofascistas e coa que abre a porta á ilegalización da
Fundación Francisco Franco. Con 355 votos a favor, 90 en contra
e 39 abstencións, o documento insta as autoridades estatais a que
prohiban de xeito efectivo esas asociacións neonazis e fascistas "e
calquera outra fundación ou asociación que exalte e glorifique o nazismo
e o fascismo".
O Parlamento denuncia con esta resolución que a
falta dunha resposta decidida contra estes grupos posibilitou o auxe
actual da xenofobia en Europa e lembra no texto o ataque en Noruega en
2011 con 77 persoas mortas, o asasinato da deputada británica Jo Cox en
2016 ou a agresión fascista contra a eurodeputada Eleonora Forenza en
Italia.
No caso de España, e logo de aprobárense as
emendas, a Eurocámara alude á decisión do Congreso de exhumar dos restos
de Franco e trasladalos fóra do Valle de los Caídos e asegura que se
debe "proceder á retirada efectiva de todos os demais símbolos
ou monumentos que exalten o alzamento militar, a guerra civil e a
ditadura de Franco". E indica que aqueles que non poidan ser
retirados deberían ser obxecto dunha contextualización e
reinterpretación para contribuír á concienciación pública e á memoria
histórica.
Ademais, respecto de incidentes con grupos
fascistas, o Parlamento lembra a investigación aberta contra doce
membros da organización neonazi Hogar Social Madrid por incitación ao
odio, a condena a varias persoas polo ataque ao Centro Cultural
Blanquerna, as ameazas ao presidente de SOS Racismo ou as
acusacións que a Fundación Francisco Franco e a familia Franco levou a
cabo contra os cidadáns que se manifestaron ante o Pazo de Meirás.
Todos os eurodeputados españois votaron a favor da resolución
consensuada, pero o PP de Pablo Casado votou en contra das emendas que
facían referencia a casos españois como o da entidade fascista ou a do
grupo neonazi madrileño.
Y lo ha hecho con el voto en contra del PP de Pablo
Casado, que votó a favor de la resolución consensuada y en contra de las
tres enmiendas incorporadas que mencionan a la Fundación Francisco
Franco, al Valle de los Caídos y a Hogar Social Madrid.
recisamente, neste mesmo mércores foron a declarar
nos xulgados de Betanzos os 14 activistas que faltaban por comparecer
ante o xuíz tras a
denuncia presentada polos Franco contra os protagonistas da ocupación
simbólica do Pazo en agosto do ano pasado. Os coñecidos como 19 de
Meirás foron apoiados por unha concentración e reclamaron ao Estado que
presente xa a demanda civil apra solicitar a devolucion das Torres ao
patrimonio público.
No Parlamento europeo, a un tempo, a resolución
aprobada argumenta que a impunidade da que gozan as organizacións de
extrema dereita nalgúns estados membros é unha das razóns que explican o
incremento de accións violentas contra a sociedade ou minorías
concretas.
“Esta é unha gran
noticia para Europa, para a democracia e para o respecto aos dereitos e
as liberdades”, subliñou a eurodeputada do BNG e membro do
grupo Verdes-ALE, Ana Miranda, tras a votación. Ela foi unha das
principais impulsoras dunha resoluciónpromovida polas eurodeputadas
Eleonora Forenza (GUE) e Soraya Post (S&D) e que finalmente contou co
apoio dos grupos ALDE e EPP.
Na resolución, a Eurocámara pide aos países que
condenen e sancionen con dureza todos os delitos de odio, de incitación
ao odio e de busca de chibos expiatorios por parte dos políticos e
funcionarios públicos, xa que estas actitudes "normalizan e reforzan o
odio e a violencia". Tamén pide medidas contra a propagación desas ideas
xenófobas a través de internet e a implicación dos Estados, as
federacións deportivas e en particular os clubs de fútbol para queu
loiten contra o fascismo e o racismo "condenando e castigando os
responsables e promovendo actividades educativas positivas".
A Fundación Francisco Franco respondeu nun
comunicado asegurando que a pretendida
ilegalización "sitiuaríase absolutamente á marxe da orde constitucional"
e cre que a resolución do Parlamento Europeo é "liberticida, sectaria e
antidemocrática sen precedentes". Ademais, considera que se se puxese en
cuestión a súa existencia, debería actuarse tamén contra fundacións como
as de Pablo Iglesias, Largo Caballero ou José Barreiro e aquelas "de
corte marxista e mesmo bolivariano".
A entidade fascista acusa o "goberno
frentepopulista" de intentar "retorcer a lexislación ou mudala se fose
necesario" para "desfacerse" da Fundación Francisco Franco. Tamén ameaza
con "levar ata o final a defensa da casa humilide e precaria pero que
conta con dous pilares indestrutibles: a fe en Deus e o amor apaixonado
a España".
http://praza.gal/movementos-sociais/17737/o-parlamento-europeo-reclama-a-ilegalizacion-da-fundacion-francisco-franco/