Resultados históricos en Citroën: CUT segunda forza entre as traballadoras e traballadores de produción

A CUT, con 4 delegadas, sitúase como segunda
forza en produción. O sindicato amarelo FSI revalida unha agora amarga
maioría. UGT colócase con 4 delegadas, CCOO con 3 representantes e CIG
con 2.
Ás 20 horas deste luns pechábanse o proceso
electoral que condiciona o futuro das traballadoras e traballadores de
PSA Peaugeot-Citroën, cando menos para os vindeiros catro anos. Foi o
final dunha extensa e dura batalla na que a CUT tivo de fronte a
un bloque empresarial e parasindical organizado que defendeu ata o
último minuto o control do voto, a consigna, o favor e o medo. De lado
como resulta habitual, actuando con panos quentes ou simplemente
omitindo calquera conducta, ao bloque das administracións laborais, que
non morden a quen serven.
Felizmente todas estes atrancos resultaron poucos
comparadas coa dificultade que están a ter a Dirección da empresa e a
súa marca branca sindical (o FSI) para dixerir uns resultados
históricos: con 610 votos, e polo tanto converténdose en
sindicato máis representativo na empresa, a CUT ascendeu aos 4
representantes no Comité de Empresa. Revalidan a súa, agora
amarga, maioría o sindicato amarelo con 20 representantes, UGT descende
a 4 membros de Comité (precisando dun representante electo por oficinas
para esta ), e tanto CCOO como a CIG manteñen a representación anterior,
con 3 e 2 representantes respectivamente.
Estes últimos catro anos a CUT fixo un sindicalismo
de loita, confrontación e dignidade que non foi ben recibido pola
empresa nin polo bloque sindical pactista. Fíxoselles complicado
explicar as súas posicións fronte a outro sindicalismo posíbel que se
abre camiño na empresa. Aí estivemos: denunciando os continuos
abusos da empresa, os recortes coa coartada da adquisición de novos
modelos de produción, convocando folgas xaora en solitario, xaora con
outras centrais sindicais, en defensa do imprescindíbel.
A Sección Sindical da CUT evidenciou co seu traballo os trampantollos
dos seguros de xubilación, acudiu aos xulgados para complementar a
acción sindical activa e obrigou á Inspección de Traballo, a pesares do
escaso compromiso desta coa garantía dos dereitos na mercantil, a actuar
alí onde foi necesario. Tanto é así que foi nun terreo inóspito, o
xudicial, onde a empresa sufriu un dos maiores reveses sociais, ao ser
condenada por vulneración do dereito fundamental á folga deste
sindicato, e obrigada ao pagamento a esta central de 50.000 € por danos
e prexuízos, quebrándose a súa imaxe mediática de empresa exemplar.
A colaboración parasindical-empresarial neste
proceso electoral para frear á CUT foi tan permanente como inútil.
Sistematicamente impuxeron a lóxica do control do voto que nos
arrastrou a catro laudos arbitrais á fin de denunciar as súas manobras
torticeiras propias dos procesos electorais de resultado garantido das
ditaduras.
Un proceso electoral que se desenvolveu coas
lóxicas tensións que provoca esta situación permanente, coa amarelaxe e
os recadeiros da empresa facendo a laboura de vixía e espionaxe do voto
dos traballadores e traballadoras, rematou contra o pronóstico
empresarial cunha nidia vitoria das obreiras e obreiros organizados. Non
avanza a CUT, senón que avanza unha idea: a das traballadoras e
traballadores que xa fartas da política do medo da Dirección dan un paso
adiante e poñen as condicións necesarias para, progresivamente,
construír a vitoria sindical.
Grazas por tanta ilusión, tanta dignidade, tanta
coraxe e tanto corazón. Grazas pola confianza masiva en revertir a
“maioría na minoría”, isto é, a maioría sindical no espazo
representativo no secuestrado polo parasindicalismo do FSI. Este pequeno
feito non pode ser infravalorado, posto que as compañeiras e compañeiros
da mercantil veñen de impoñer unha nova lóxica sindical na empresa que,
polo demais, sostén á CUT como unha verdadeira alternativa sindical no
noso País.
O “vergoñento” balance das
eleccións en PSA-Vigo: votos públicos, insultos, votacións grupais e
unha cabezada
O Sindicato Independente de Traballadores (SIT) é
calquera cousa menos independente segundo a Central Unitaria de
Traballadores (CUT), e tamén para o groso dos traballadores de PSA-Vigo,
que o nomean como “sindicato amarelo” ou mesmo directamente
“sindicato da empresa”.
“O SIT presentouse dopado ás eleccións sindicais”,
lamenta Vítor Mariño, portavoz da CUT, agora o máximo expoñente da
oposición ao SIT, sindicato hexemónico, tralo reconto das derradeiras
eleccións en PSA. Venceu de novo o SIT con 20 delegados,
e aínda moi lonxe quedaron a CUT (4), UGT (4 tamén, pero baixando con
respecto a anteriores votacións), CC.OO (3) e CIG (2).
A CUT vén de denunciar nos xulgados
maniobras de control do voto por parte de SIT e PSA, como
serían a colocación de mesas auxiliares, as presións e os traballadores
que, aseguran, van a votar “da man” de responsables da empresa.
“Aos traballadores con contratos
indefinidos se lles advirte de non entrar nas cabinas, onde o
voto pode ocultarse” lamenta Mariño. O segredo do voto é nulo, defende o
sindicalista, mesmo algúns traballadores chegan a facer “ostentación”
del, “unha práctica común que desde hai anos leva a moitos momentos de
confrontación”.
“Este ano foi dos de maior tensión,
polo medo de que aumentáramos a representación”, salienta Mariño. “Había
ata traballadores que ían de 3 en 3, ou incluso 4 xuntos, a votar,
pasándolle un ao outro a papeleta”, denuncia.
E a tensión chegou ata o punto de que un
delegado do sindicato SIT propinoulle un cabezazo a outro de CC.00.
“Momentos de confrontación sempre houbo, pero non ao nivel deste ano,
con agresións verbais, insultos, constantes, e chegando ao físico”,
rememora.
“Á empresa non lle interesa un comité de empresa
100% do SIT, queren unha pluralidade controlada. O que interesa é que os
que exercemos unha oposición férrea non subamos. As últimas sentencias (a
derradeira obrigou a PSA a pagarlle 50.000 euros por vulnerar o dereito
á folga) aumentan a tensión tamén”, relata.
Recorda Mariño que CC.OO e UGT non estiveran en
principio en contra das mesas auxiliares, pero finalmente si firmaron
con CIG e CUT un documento que denuncia esta situación. Agora, cos catro
sindicatos “minoritarios” en contra delas, ten esperanzas dun cambio.
Pero, mentres, a situación é a que é: “Os
traballadores eventuais chegaban asustados a votar, e os que
teñen cargas familiares… Se non votan “ben”, non renovan contrato. E hai
1.800 eventuais no cadro de persoal, e os indefinidos son moitos de 4
horas só, de 5.000 só 1.400 escasos conservan a xornada de 8 horas”,
lamenta.
“A precariedade é moi alta, e gracias a iso logran
a maioría, estás nunha liña e queres chegar a outra”..
http://xornaldevigo.gal/vigo-e-contorna/vigo/12016-o-vergonento-balance-das-eleccions-en-psa-vigo-votos-publicos-insultos-votacions-grupais-e-unha-cabezada/?fbclid=IwAR3K9exqU1rJEZrvDr6cKdVJZI934vs6KWOvSDbX9l7svPKMc1UI37IMSm8