Álex García: “A loita máis importante contra a represión é seguir loitando e non acovardarse"

Alex García, é un documentalista que desde 2013 vén
publicando os seus traballos na
canle Resistencia Films de youtube, que el mesmo creou. Durante 4
anos Alex alimentou a súa canle con vídeos documentais que retratan
situacións de inxustiza, represaliadxs pola súa loita política e social,
etc… O ano pasado Álex recibiu unha chamada da Audiencia Nacional na que
o chamaban a declarar por ser acusado de “enaltecemento do terrorismo”
polo contido dos seus vídeos.
Álex será xulgado no Tribunal herdeiro do TOP
(Tribunal de Orde Pública), a Audiencia Nacional, os próximos días 12 e
13 de novembro e para el piden 2 anos e un día de prisión ademais de dez
anos de inhabilitación e unha multa de 5.000 euros.
Alex explícanos a
La Haine como
comezou coa súa canle de youtube e o seu traballo audiovisual: “No 2013
decidín abrir unha canle en youtube coa intención de compartir o meu
traballo audiovisual e reflectir a realidade que ía vendo ao meu
arredor: nos centros sociais, os casos represivos que vía ao meu
arredor. Sentía que non había medios que lle estivesen dando voz a toda
esta realidade, cría que era necesario que quedara constancia diso e que
a xente puidese acceder a esa información.”
Segundo nos explíca o documentalista, foi co tempo
que empezou a centrarse nun traballo máis enfocado ao documental: “Ao
empezar coa canle nun principio subía cousas diversas, películas que non
estaban en internet e que me parecía interesante que estivesen,
entrevistas, videoclips, e co tempo funme centrando máis noutros
aspectos como documentais”.
Pero Alex sorprendeuse cando o 25 de xullo do ano
pasado recibiu unha chamada da Audiencia Nacional para dicirlle que se
tiña que presentar a declarar dous días despois. Non lle indicaron os
motivos, pero cando foi a recoller o sumario co seu avogado o día
seguinte, puideron ver que nel se lle acusaba de que a súa canle de
youtube facía enaltecemento do terrorismo desde as súas orixes”.
Álex lembra como se sentiu entón: “Nun principio
estrañoume o da chamada, eu non tiña constancia que as notificacións
para unha citación a declarar na Audiencia Nacional puidesen ser por
teléfono, ademais de que eu non dei o meu número a ninguén para que me
chamen ao meu teléfono persoal. Pero, polo feito de levar anos
traballando sobre temas represivos, non era algo que me pillase de novo.
Xa sabía a que me enfrontaba cando mostraba cousas que o estado non
quere que se vexan ou daba voz a persoas que o estado quere silenciar,
así que xa asumía que tarde ou cedo o estado podía ir a por min polos
meus vídeos”.
A de Álex é unha acusación que máis que vídeos ou
feitos concretos acusa a todo o contido da canle de ter desde a súa
creación “unha clara intención de enaltecer o terrorismo”. “Para
xustificar esta argumentación baséanse en 20 publicacións entre vídeos e
posts nas redes sociais. Sinalan varios vídeos, entre eles Represión,
unha arma de dobre fío, que quizais sexa o máis importante, onde
entrevisto a distintos represaliados e a algúns avogados. O feito de que
eu entrevistase a estas persoas eles considérano motivo de
enaltecemento. Persoas como Juan Manuel Olarieta ou Pepita Seoane, aos
que a policía de forma fraudulenta e manipuladora indica que son
históricos militantes do GRAPO, cando estas persoas non teñen ningunha
condena que os relacione con militancia no GRAPO”.
Alex relátanos que o seu avogado redactou unha
queixa por este sumario fraudulento no que se baseaba a fiscalía para
facer a acusación, pero a xuíza Carmen Lamela, que foi a que levo a
instrución, dixo “que non era relevante”.
O 27 de xullo do ano pasado, dous días despois de
recibir a chamada da Audiencia Nacional, Álex declaraba ante o xuíz
Carmen Lamela, que foi a que levou a instrución do caso. Álex recibiu
con sorpresa as preguntas da fiscalía, que non se centraban en feitos,
senón nas súas ideas políticas: “O que máis me sorprendeu é que pensaba
que me ían a preguntar sobre os vídeos da miña canle e o seu contido,
pero a fiscalía non preguntou nada sobre os vídeos, todas as súas
preguntas viraron arredor dos meus pensamentos, as miñas ideas e as
miñas intencións. Por tanto, quedoume claro que polo que me xulgaban era
polas miñas ideas, non me xulgaban porque eu fixese algo que puidese ser
delituoso, o que querían era perseguir o meu pensamento e sacar nesa
declaración cales eran as miñas ideas políticas".
O de Álex é un caso particular onde novamente se dá
outra volta de torca á lexislación con tal de imputar a persoas
disidentes co Réxime, xa que no seu caso non o xulgan, nin sequera polo
que dixese el, senón por gravar testemuños cunha cámara e difundilos… Do
mesmo xeito que o caso de Iraitz Salegi (xornalista de Topatu.info
finalmente absolta) que tamén foi xulgada por gravar un acto político e
difundilo no seu medio de comunicación. Álex valora así esta volta de
torca represiva: “É un paso máis nesta campaña represiva que
estamos a ver que cada día vai a máis. Neste caso non me están xulgando
por opinar, porque eu non opino nos meus vídeos, senón que dou un espazo
para que outras persoas opinen.” Preguntado sobre que cre que motiva á
fiscalía a actuar así nos comenta: “Están a quitarse a careta e
mostrando claramente que a persecución non é por un feito real, senón
que o que están a perseguir é a disidencia, o pensamento crítico e a
calquera persoa que pense diferente e queira denunciar as inxustizas que
nos rodean”.
Nestes 5 anos desde que se creou a canle, o
traballo de Álex foi evolucionando, e un dos eixos nos que máis se
centrou é na denuncia da represión e a existencia de presxs políticxs no
Estado español. “Durante moito tempo tratei moitos temas na canle, como
a falta de dereitos, tema sindical, sanidade… pero sobre todo, gran
parte do traballo centreino na denuncia da represión, porque creo que se
queremos loitar por uns dereitos básicos e non loitamos contra a
represión non temos nada que facer, porque o que buscan é impedir que
loitemos polos nosos dereitos ou contra as inxustizas. Por iso tratei de
reflectir todos os casos represivos que puiden, sobre todo os daquelas
persoas que levan anos presas por loitar contra as inxustizas e que
foron silenciadas, torturadas e asasinadas para impedir que esas persoas
poidan loitar e tentar dobregar a súa resistencia” afirma Álex.
No escrito de acusación a fiscalía enumera
distintas publicacións en Facebook que, ao seu xuízo, constitúen un
delito de “enaltecemento”, a saber: un cartel explicando a situación da
presa política Arantza Díaz Villar (naquel momento estaba encarcerada e
gravemente enferma), poemas e cartas de presxs políticxs, etc...Que
saibamos non existe ningunha lei que prohiba xs presxs polítcxs escribir
poesía, e ,por suposto, ningunha que prohiba difundilos. Outra
aberración xurídica é a seguinte, outra das publicacións denunciadas:
“móstrase a fotografía dun cartel anunciando en idioma galego a
presentación do documental de "Resistencia Films" titulado "Represión:
Unha arma de dobre fío", o venres 17.10.14 no bar Faluya da rúa Orzan n°
75 da Coruña e na parte inferior do cartel obsérvase que o evento está
organizado polo "Comité de Solidariedade cos Presos Políticos",
movemento prol amnistía dos presos e presas revolucionarios de
PCE(r)-G.R.A.P.O. en Galicia”, é dicir, non se lle xulga nin polas
súas opinións, nin polo contido do vídeo. Non. Acúsano en base a quen
organiza o pase do vídeo.
A documental "Represión, unha arma de dobre
fío", un dos contidos nos que se basea a acusación
Pero a fiscalía céntrase no seu traballo en Youtube
para proseguir: de novo atopámonos con poemas de presxs políticxs como o
Camarada Areas, con vídeos denunciando a situación de presxs enfermxs ou
unha homenaxe a un preso político morto en folga de fame. Pero tamén nos
atopamos fragmentos de charlas do avogado Juan Manuel Olarieta,
videoclips de Pablo Hasel, de Nyto, entrevistas a expresxs políticxs ou
un vídeo crónica das V Xornadas pola Amnistía. Tamén se centran na
documental “Represión, unha arma de dobre fío”… e así ata 12 vídeos da
súa canle.
De cara ao xuízo, Álex e o seu avogado van centrar
a defensa en desmontar as acusacións demostrando que o único que fai o
cineasta é mostrar unha realidade. Pero Álex ten claro que “o xuízo é
tan ambiguo que o que queremos deixar claro nel, é que se me está
xulgando polas miñas ideas políticas e que a Audiencia Nacional é un
tribunal político que persegue calquera opinión contraria á do réxime”.
O xuízo durará dous días e será xulgado pola xuíza
Ángela Murillo. Durará tanto porque están citados a declarar varias das
persoas ás que Álex entrevistou os seus vídeos. “Hai que remarcar que
estas persoas non están procesadas, pero en cambio eu estouno por
recoller as súas opinións. Por exemplo, o testemuño de Pepita Seoane é o
mesmo testemuño que recolle o Mundo ou Televisión española Por que me
levan a min a declarar e non aos do Mundo ou Televisión española? Hai
algo máis detrás disto. Co tema de retweet, se retwitteas un comunicado
de ETA lévante á Audiencia Nacional, pero se o comunicado o reproduce o
Mundo non “ conclúe.
Para facer fronte a esta nova inxustiza e este novo
ataque á liberdade de expresión e de creación artística (ou mellor dito,
contra a liberdade ideolóxica), o mozo documentalista tivo o apoio dos
movementos sociais e da súa contorna máis próxima, e cóntanos tamén que
agora está a recibir o apoio do recentemente creado Movemento
Antirepresivo de Madrid. Álex defíneo asi “É un espazo interesante que o
que fai é unificar a loita contra todos os casos de represión que
estamos a vivir e xerar solidariedade”.
Alex García expondo o seu caso no Parlamento
Europeo o pasado mes de maio.
O mesmo día 12, cando comezará este novo xuízo da
vergoña, teñen pensado convocar unha concentración fronte á Audiencia, e
tamén están a preparar unha mostra de cinema contra a represión, onde
distintos artistas audiovisuais exporán distintos vídeos curtos en
denuncia da represión.
Álex é consciente de que a represión é algo que
sempre estivo presente no Estado español, pero cre que nestes últimos
anos incrementouse aínda máis: “O Estado español non deixou de practicar
a represión desde que os fascistas gañaron a guerra, houbo uns anos en
que a disidencia era menor e varias organizacións políticas adheríronse
ao Réxime e deixaron de ser un problema para o estado, polo tanto
simplemente se reprimía ás persoas que realmente representaban un
problema para o estado. Pero a partir do 15M a disidencia e o
sinalamento das inxustizas do estado empezou a ser moito máis masivo,
moita máis xente empeza a loitar, manifestarse e organizarse contra o
Estado, isto provoca que se xere unha maior represión cara a todos eses
sectores”, explícanos.
En calquera caso a represión non conseguiu meterlle
medo ao mozo, que nos explica así a que ao seu entender é a mellor
maneira de loitar contra a represión: “A mellor forma de axudar, tanto á
miña como a todxs xs represaliadxs, é a solidariedade e o apoio mutuo e
a denuncia da súa situación. Pero tamén o é o non acovardarse e seguir
loitando, porque é a única maneira de conquistar esas liberdades e eses
dereitos que non temos. Coa represión o que o estado busca non é
silenciar a unha persoa en concreto, non é silenciarme a min, non é
silenciar a Pablo Hasel ou non é silenciarte a ti…senón que o que busca
é silenciar á nosa xente, á nosa contorna, para que non siga o noso
camiño baixo ameaza de terminar no cárcere. Así que sobre todo a loita
máis importante contra a represión é seguir loitando e non acovardarse
polo medo”.
Un novo xuízo político na Audiencia Nacional. Un
novo mozo en risco de ser encarcerado polas súas ideas políticas. Un
xuízo que confirma novamente que a liberdade de expresión non é que
estea en perigo no Estado español, é que simple e sinxelamente: NON
EXISTE.
Texto completo en: https://www.lahaine.org/fL8Q