Nova condena á Xunta por vulnerar o dereito á folga do 8M ás traballadoras do 061

A Secretaría das Mulleres da CUT critica
que a Administración declarase uns servizos mínimos abusivos nun servizo
constituído por mulleres, nun intento “patético” por calar a folga do
8M. A delegada da CUT, Carmen Taboada, ve un “gran logro” nesta sentenza
que lle coloca unha raia vermella á Xunta que nunca máis volverá a
traspasar
A Xunta de Galicia vulnerou o dereito á folga
feminista do 8 de marzo ás teleoperadoras e locutoras do 061 ao
establecer uns servizos mínimos do 100%, declarados “abusivos” segundo a
sentenza emitida este xoves polo Tribunal Superior de Xustiza de
Galicia. Este ataque ás traballadoras, que representan a ampla maioría
neste centro de traballo, foi denunciado pola Central Unitaria de
Traballadoras (CUT) que tamén rexistrou a convocatoria de folga
feminista de 24 horas en Galiza xunto ao Sindicato Labrego Galego e oo
Sindicato Ferroviario.

Desde a Secretaría de Mulleres da CUT consideramos que “a Administración
lanzou uns servizos mínimos abusivos e asoballadores nun patético
intento de calar, minguar e aleccionar ás traballadoras que, desde o
feminismo de clase, alzaron a voz e colocaron o seu corpo contra as
violencias machistas declarándose en folga o 8 de marzo”.
O abuso de poder da Xunta evidenciouse no caso das
locutoras e teleoperadoras do 061 que viron como, constituíndo as
mulleres unha maioría ampla no servizo, e polo tanto cun importante
poder de incidencia na folga do 8M, recibiron uns servizos mínimos do
100%. Este ataque contra as compañeiras do 061 foi un ataque contra
todas as mulleres. Os ataques contra as compañeiras locutoras e
teleoperadoras do 061 son unha constante que debe cesar de inmediato. O
dereito básico, e bastión da clase obreira, da folga estalles sendo
continuamente vulnerado como aconteceu na folga contra o traslado de San
Marcos (Compostela) á Estrada onde se volveron establecer uns servizos
mínimos do 100%.
Desde a sección sindical da CUT no 061 temos claro
que a Xunta trata de “quitarnos o poder de facer presión” e o que coloca
esta sentenza “é evidente”. “Todas as traballadoras temos o dereito de
facer folga e esta sentenza por fin o recolle”, indica a delegada da
CUT, Carmen Taboada. Taboada sostén que este paso é “un gran logro” para
todas e que permitirá “pararlle os pés á Administración cando intente
xogar cos nosos dereitos”