Esther Pais: “A empresa témenos porque somos moitas as mulleres que nos beneficiariamos da suba de categoría nas limpezas”

Desde o 24 de maio, as traballadoras da
limpeza da Xunta están en pé de guerra reclamando a fin da
discriminación laboral machista. Esixen que a empresa
adxudicataria, neste momento o Grupo Norte, coa
complicidade da Xunta de Galicia, deixe de
vetar ás mulleres na suba de categoría de peoas a peoas especialistas,
unha categoría da que só gozan os homes.
A traballadora das limpezas da Xunta,
Esther Pais, ten moi claro que esta discriminación ten que
rematar xa. Destaca que esta é unha loita que non vai en contra
dos compañeiros senón da discriminación machista que sofren elas
como traballadoras e como mulleres. Pais chama tamén a acudir ás
manifestacións, que se están a realizar os xoves pola mañá, e
á implicación de todas as traballadoras das limpezas e todas as
feministas do país xa que esta conquista poría supor un efecto
dominó que rematase dunha vez por todas con esta discriminación que
sofren milleiros de mulleres en Galiza.
Esther, en que consiste o conflito?
Esther Pais: Esta empresa, o Grupo
Norte, e as antecesoras, téñennos vetada a suba de categoría ás mulleres
e non é xusto. Un peón especialista limpa cristais e nós
limpamos mesas, despachos, andamos con productos perigosos, fixemos
cursos de manipulación de maquinaria. E de que nos vale? Por
que se nos veta? Por que nos discriminan por ser mulleres?
Nunca nos deron a opción da suba de categoría! Nin un plus! Pola contra,
levamos o gordo do traballo. Os días de asuntos propios cargámolos á
nosa espalda porque non se cubre á compañeira senón que se reparte o
traballo coas que van traballar ese día. As baixas, a non ser que sexan
longas, tampouco se cubren.
Os días de asuntos propios cargámolos á nosa
espalda porque non se cubre á compañeira senón que se reparte o traballo
coas que van traballar ese día. As baixas, a non ser que sexan longas,
tampouco se cubren
Estas reivindicacións, da suba de categoría e fin
da precarización do noso traballo, non van en contra dos nosos
compañeiros. Reivindicar os nosos dereitos como mulleres non é ir en
contra de ninguén. Iso debe quedar claro dunha vez por todas porque se
querían que quedasemos caladas, non o van conseguir.
Como repercute en vós esta
situación?
A precarización do noso traballo repercute moito na
saúde. Mira como estamos as mulleres, todas mal! Acabo de
saír dunha baixa de catro meses por un tendón e a semana que vén unha
compañeira colle uns días e ímola cubrir entre nós. E que che
neguen a suba da categoría por ser muller… como te vas sentir? Mal!
Síntome como se non valorasen o noso traballo, como se non servira para
nada.
Este mundo ten que mudar, comezando pola fin desta
discriminación tan machista. Por iso son precisas as mobilizacións e que
as mulleres nos xuntemos
Que consecuencias tería conseguir esa
suba de categoría?
O primeiro levantaríanos a moral. Vexo moi triste
que por ser muller te veten nunha empresa. Tamén abriría camiño para as
demais. Aí atrás tivemos unha folga de 22 días e houbo xente que estivo,
que pelexou, aínda que lle quedase pouco para a xubilación. Loitou pola
xente que viña atrás, iso é imprescindible. Loitamos por moitas.
Se conseguimos a suba de categoría, máis mulleres poderían beneficiarse
e ese é o temor da empresa. Témennos por iso. Pero é o noso
dereito, o de todas, e temos que loitar. Non podemos quedar caladas
agora. Este mundo ten que mudar, comezando pola fin desta discriminación
tan machista. Por iso son precisas as mobilizacións e que as mulleres
nos xuntemos.