• Número 408
  • 22 de outubro de 2018

Universidade

Xunta de Galiza. Orzamentos 2019, máis do mesmo

Seguiremos perdendo!

O Consello da Xunta, na reunión do día 18 de outubro, ven de aprobar os Orzamentos do ano 2019. Previamente, para cumprir o expediente, o día 15 de outubro, a Dirección Xeral da Función Pública (DXFP) enviou aos sindicatos da Mesa Xeral de Empregados Públicos, o proxecto de Orzamentos, (Título II. Gastos de persoal) e unha proposta de modificación da Lei de Emprego Público e convocounos a unha reunión o día 17 na que se tratarían ámbolos dous temas. O feito de convocalos dun día para outro xa é significativo das intencións do gabinete que preside Feijoo, representando un insulto máis ás organizacións sindicais.

Na reunión do día 17, na que non houbo ningunha intención de negociar absolutamente nada, o director xeral da Función Pública, limitouse a sinalar que o proxecto de Orzamentos de 2019 contemplaba, exclusivamente, o acordado polos sindicatos “maioritarios” e os gobernos do PP, tanto a nivel central como autonómico.

Deste xeito, a taxa de reposición seguirá pesando como unha lousa inamobible que impedirá o incremento das plantillas tanto na Comunidade autónoma como nas universidades, polo tanto seguiremos como até agora, na universidade o mesmo número de traballador@s que saen (por xubilación, excedencia sen reserva de praza...), será o mesmo número de traballador@s que entran. Nin sequera se poderá absorver o alto número de prazas que se están desenvolvendo por imperiosas necesidades dos servizos.

Seguiremos perdendo poder adquisitivo, ao estar vencellado o incremento ao PIB e non ao IPC.

Paralelamente a DXFP, como vos sinalamos presentou aos sindicatos da Mesa Xeral unha modificación da Lei de Emprego Público na que cabe salientar a recuperación do 100% do salario en caso de IT, por esta modificación haberá que agarda até a aprobación dos Orzamentos e a que sexan efectivos, ano 2019, porque a modificación proposta formará parte da Lei de Acompañamento dos Orzamentos. Deste xeito, a Xunta retrasa a adopción desta medida até a aprobación orzamentaria cando na administración central e noutras comunidades autónomas xa se fixo efectiva.

A CUT da Universidade ten como prioridades, a recuperación dos recortes que se nos impuxeron durante estes últimos anos, xornada de 35 horas, 100% de salario en caso de IT, e recuperación da partida de acción social ao sinalado no orzamento da Universidade do ano 2013, coa finalidade de que se estableza no 1,5% da masa salarial.

Entendemos que para recuperar, tanto o que corresponde directamente á universidade como ao que está fóra do seu ámbito, entre outras cousas o salario expropiado nos últimos anos, a loita ten que superar o marco da propia institución, chamamos, polo tanto, a dar unha resposta unitaria, pois só coa mobilización conseguiremos reverter a situación.