50.000 euros de ideoloxía (folga 2015 Citroën)

Os cartos non son neutrais, teñen a
ideoloxía de quen os manexa: no seu xeito de gañalos, no xeito
de gastalos, no que se fai por conseguilos… PSA ten moi clara a
súa ideoloxía á hora de manexar os cartos, leva anos
(coa complicidade dos sindicatos amarelos) recortando as ganancias da
clase traballadora co único obxectivo de aumentar a súa marxe de
beneficio. Neses recortes xogan coa nosa saúde, coa nosa
dignidade e cos nosos petos.
Ante esta situación, a CUT decidiu dicir basta,
tomar a palabra e inverter o discurso da derrota no inicio da vitoria,
acabouse a resistencia, é hora de atacar. Foi por todo isto que
o 5 de maio do ano 2015 convocamos folga. A reacción da
empresa, ante unha situación que non podía controlar, foi exercer
a táctica da mafia: ameazar, amedrentar e impedir o
desenvolvemento dun dereito fundamental argumentando que era
unha folga ilegal.
A pesares destas coaccións a folga foi para
adiante, obviamente cun seguimento menor se tivera existido a liberdade
de facela. A CUT, unha vez máis non ficou calada e actuou
pola vía xudicial. Entón aconteceu algo co que PSA non contaba
porque está acostumada a que as institucións públicas, sexan as que
sexan, lle rendan tributo, desta vez perdeu. A xustiza, e xa é
firme, condena a PSA pagarlle 50.000 á CUT por vulneración do
dereito de folga, e a cada traballador que fixo a mesma 457 euros
polo mesmo motivo.
Velaí temos a ideoloxía dos cartos, a PSA
non lle importa ter que perder 50.000 euros a cambio de poder
extorsionar e ameazar a quen traballa para que eles sexan ricos,
pero si lle preocupa moito ter que pagarnos uns salarios dignos, esa é a
súa ideoloxía.
A nosa é dicir que PSA acumula ganancias grazas ao
noso esforzo e por iso pode permitirse gastar 50.000, ou os euros que
fagan falta, en tentar manter a súa posición de poder. Para nós,
eses cartos non son máis que o símbolo dunha pequena vitoria, pois o seu
sistema deulles onde máis lles doe, no peto e no orgullo.
Eses cartos son pois unha vitoria simbólica que
poderase converter en eficaz se somos quen de mudar a
representación sindical en PSA. Estes catro anos demostran ás
claras contra quen foi a empresa, e cando isto é así só ten unha
lectura: aos demais téñennos comendo da man, a nós trabándolla.