Unha suba de miseria

O DOG do 13 de setembro publicaba a
ORDE do 5 de setembro de 2018 pola que se actualizan con efectos do 1 de
xullo de 2018 a contía das retribucións do persoal ao servizo da
Administración autonómica. Ademais do paupérrimo incremento, que as
traballadoras e traballadores da Xunta xa percibiron na nómina de
setembro, na Universidade da Coruña, como xa ven sendo habitual,
cobrarémolo un mes máis tarde, se o cobramos en outubro, non está
asegurado.
O incremento contemplado é do 0,25% desde o mes de
xullo. Esta suba suporá que en decembro deste ano os nosos salarios
serán 1,75% superiores aos de decembro do ano 2017. O incremento
sinalado deriva do acordo asinado entre os sindicatos denominados
“maioritarios” e o goberno do PP, a cambio os sindicatos comprometéronse a manter a paz social, é dicir, a someter
a defensa dos interese d@s traballador@s a un misarable incremento
salarial que nos condena a seguir perdendo poder adquisitivo, porque
queremos lembrarvos que mentres que os salarios subirán o 1,75%, os
prezos subiron nos últimos doce meses o 2,3% o que supón seguir perdendo
capacidade de compra. Da recuperación do que nos roubaron nestes últimos anos nin
falamos.