Permisos para as eleccións sindicais

No DOG do día 11 de outubro publícase a
ORDE do 3 de outubro de 2018 pola que se regulan os permisos ao persoal
da Comunidade Autónoma de Galicia en relación coas eleccións sindicais
aos órganos de representación do persoal ao servizo da Administración da
Xunta de Galicia.
Ante a proximidade das eleccións sindicais
para a cobertura da totalidade de delegados de persoal, membros dos
comités de empresa e de xuntas de persoal, que se celebrarán no período
2018-2019, faise preciso sinalar o sistema de permisos aos membros de
candidaturas, compoñentes das mesas electorais, representantes da
Administración, interventores e apoderados das candidaturas e aos
electores en xeral; en consecuencia, esta consellería
RESOLVE:
Primeiro. Os compoñentes das mesas
electorais e representantes da Administración terán dereito, de
ser preciso, a permisos polo tempo indispensable para asistiren ás
xuntas da mesa electoral. Así mesmo, disporán dun permiso retribuído de
xornada completa no día da votación e unha redución de cinco horas na
súa xornada de traballo do día inmediatamente posterior.
Segundo. Os apoderados e interventores das
candidaturas que se designen, se é o caso, terán permiso
durante todo o día da votación e unha redución da súa xornada de
traballo do día inmediatamente posterior nas condicións sinaladas no
parágrafo anterior.
Terceiro. Os electores en xeral
terán permiso polo tempo indispensable para exerceren o seu dereito ao
voto, segundo as instrucións concretas que dite cada órgano de persoal,
e este poderá exixirlles un xustificante do acto da votación expedido
pola mesa electoral concreta en que vote cando esta estea situada fóra
do seu centro de traballo.
Cuarto. Esta disposición non é aplicable
nas eleccións aos representantes do persoal ao servizo das
institucións sanitarias dependentes do Servizo Galego de Saúde e do
persoal funcionario docente non universitario dependente da
Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2018