Decrecer sen tirar a lavadora

O decrecemento sinala cuestións sociais e
ambientais urxentes –unha diminución na produción e no consumo de bens e
na esixencia enerxética ao planeta para recuperar certo equilibrio entre
a natureza e os seres humanos, como unha parte máis desa natureza–, pero
é un plan por desenvolver conceptual e practicamente.
Explicouno Iolanda Teixeiro no arranque do congreso
decrecentista que reuniu activistas de todo o país a fin de semana en
Ferrol, no vello Ateneo de finais do século XIX refundado despois do
franquismo. O marco, a cidade naval e obreira, fendida, que parece
baixar os brazos, expresa con nitidez os límites do capitalismo mesmo na
periferia. Ou pode que os límites sexan máis explícitos na periferia.
Iolanda Teixeiro é unha das relatoras do documento
base do I Congreso Decrecemento no que se organiza a primeira rede
decrecentista galega (incluíndo O Bierzo e a área Eo-Navia). “Está todo
por facer”, di Iolanda, “temos que estender a rede a todos os movementos
sociais e colectivos veciñais que, o saiban ou non, levan tempo
traballando no decrecentismo. Pero tamén temos que intentar estar
presentes na política institucional, influír nos partidos convencionais
mentres non teñamos partidos decrecentistas para non seguir sendo
ignoradas polos medios de comunicación”.
Non todo o mundo decrecentista está de acordo con
Teixeiro, recean das organizacións, dos liderados e incluso hai quen,
desde a experiencia persoal, desaconsella calquera intento.
Está o profesor Carlos Taibo, por exemplo, que
produciu abondosos estudos sobre a cuestión e desde a mesa advirte que
“o que chega das institucións non é nada saudábel”. E precisa: “non
estou a pensar nin no Parlamento europeo nin no español nin na Xunta,
falo das propias forzas de esquerda que están nas institucións”. Taibo
trae á mesa o manifesto
Chamada derradeira (2014) e anota: “era un manifesto
competente, pero eu non asinei”. Entre as que si o fixeron estaban
Alexandre Carrodeguas, Teresa Moure, Séchu Sende, Ana Miranda, Laura
Bugalho, Antón Sánchez, Begoña de Bernardo, Enrique Pérez Lijó, Manuel
Casal Lodeiro, Xoán Ramón Doldán, Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz,
entre outras. Moure e De Bernardo compartían mesa o sábado con Taibo. E
algúns outros asistían ao debate. “Non asinei porque, malia a análise
profunda e seria do que está acontecendo no planeta, o obxectivo
fundamental do manifesto era conseguir que os líderes das forzas
políticas da esquerda estatal e tamén da autoanémica asinasen un
texto dese cariz. E despois tivemos a oportunidade de comprobar a
dramática distancia existente entre o que asinaron e a realidade cotiá
das súas forzas políticas”.
O profesor Taibo confesou que non coñece “ningún
exemplo consistente e prolongado de apoio desde as institución á
xestación de espazos autónomos autoxestionados, desmercantilizados e
despatriarcalizados” e chamou “á propaganda polo feito, levar á práctica
as ideas que levamos dentro da cabeza para saír con urxencia do
capitalismo a través deses espazos autónomos que xa existen”. Taibo
deixou ditas algunhas liñas do plan.
Tamén o intentaron Begoña de Bernardo, presidenta
de Véspera de
Nada, e a escritora Teresa Moure. De Bernardo insistiu en que “o
sistema non pode resolver un problema que creou o propio sistema”, e
alertou que non basta cunha substitución da fonte de enerxías a través
das renovábeis. “Hai que decrecer no consumo”, dixo, “e decidir que usos
lle damos aos últimos recursos de enerxías finitas unha vez que o pico
do petróleo se alcanzou no 2006 e o do gas natural chegará no 2020 e o
do carbón no 2025”.
Pola súa banda, Moure falou do ecofeminismo, e
lamentou a exclusión de esta perspectiva no debate académico, no
mediático e mesmo no activista. Reclamou a autoras como Vandana Shiva e
conceptos como “o respecto sagrado á vida” ou a espontaneidade; as
prácticas radicais de Dona Haraway, e rematou cunha consigna: “traballar
menos para ter menos e recuperar tanto tempo que perdemos”.
Algo así propuxo tamén Leandro Rosa, membro do
colectivo que prepara a Rede do Decrescimento en Portugal. Rosa pediu
“repensar as escalas de espazo-tempo e mudar o modo de vivir cara a
propia natureza”. Mentres tanto, a resistencia activa “diante da
publicidade, que é un programa político oculto; diante do consumismo, da
destrución das estruturas comunitarias, da cuarta revolución industrial
e do fascismo”.
Mais todos os esforzos das académicas por chegar á
xente que ten que mudar a cabeza para poder mudar de mundo puideron
ficar en nada se desde a mesa, unha moza, Mariola López (da Rede de
Decrecemento e Enxeñeira Naval e Oceánica) non tivera falado con
nostalxia dun tempo que coñeceu polos relatos da avoa.
Dixo Mariola que a mocidade está a perder
identidade e que sofre pola perda, e que a avoa lle contaba como ía ao
río lavar e alí establecía contacto social e que viñeron as lavadoras a
terminar con aquilo. Entón unha muller levantouse ao fondo e dixo que o
decrecentismo lle parecía ben sempre que non lle quitaran a radio, o
portátil e a lavadora. Mariola matizou que non se eliminaría o
electrodoméstico, pero por que non compartilo? “Non hai roupa que lavar
todos os días”. E alguén lembrou que antes a roupa duraba máis. Taibo
explicou que se podía gabar “a sobriedade e simplicidade voluntaria” da
xente nun tempo tan escuro como os anos corenta e cincuenta. E Doldán,
que si asinou aquel manifesto e tivo malas experiencias na política
institucional, pediu desde o público que non se tivera medo, pero que
había que ser precavidas, sobre todo elas, e non idealizar o pasado pero
estar atentas “para non seguir apandando con todo de novo” nese outro
mundo posíbel con lavadora individual ou comunitaria. E Moure aproveitou
a tarde para sinalar que as ferramentas están no feminismo e que igual
abrindo as cabezas (metaforicamente) a xente non vería raro adoptar
inmigrantes, ou adoptar persoas maiores, ou adoptar a terra: por que non
empezar pola mina de Touro?, soltou.
Ferrol, 8 de outubro.
https://adiante.gal/decrecer-sen-tirar-a-lavadora/