O Comité lntercentros da CRTVG denuncia a utilización política dos medios públicos galegos coa retransmisión do desfile das Forzas Armadas como "Día da Festa Nacional 2018"

O Comité lntercentros rexeita a decisión da
Dirección de Informativos da CRTVG de emitir integramente, mañá venres
doce de outubro, de 11:00 a 13:00 horas, o desfile das forzas armadas
con motivo da "Festa Nacional de España".
Será a primeira vez en
36 anos que a televisión pública galega lle
dedique dúas horas da súa programación á retransmisión íntegra deste
evento, que malia ser de interese estatal e de emisión por TVE para todo
o territorio do estado, carece de interese e xustificación na grella da
televisión pública de Galicia.
O Comité denuncia que, mentres se está a
atender a esta cobertura innecesaria, estase a abandonar a retransmisión
doutros eventos representativos da sociedade, a cultura e o deporte
galegos, incumprindo unha das principais misións que teñen os medios
públicos do país, como é defender a identidade de Galicia.
O Comité considera que, con esta
retransmisión, a dirección da CRTVG, nomeada polo Partido Popular, está
facendo novamente unha utilización política dos medios públicos, xa que
reflicte unha idea de España contraria ao recoñecemento da pluralidade
nacional, lingüística e cultural dos pobos do estado. Non se pode
esquecer que o 12 de outubro se celebra, baixo a denominación oficial de
"Festa Nacional de España", a conquista e colonización de América, que
supuxo o espolio do seus territorios e a masacre de pobos indíxenas
Tamén nesta ocasión, como acontece noutros
espazos da programación da TVG, serán altos cargos da Dirección de
Informativos os que conduzan esta retransmisión, marcando a liña
editorial dos contidos e comentarios que se produzan, sen marxe á
pluralidade de perspectivas sobre a celebración do 12 de outubro e
o modelo territorial que implica.
San Marcos, 11 de outubro de 2018