Boro LH. Tras o xuízo da vergoña

Pasaron uns días desde o xuízo que levaba esperando
catro anos e medio, ese que ameazaba con levarme 6 anos a prisión (7 e
medio se lle sumamos a condena ad hoc que me impuxo a Audiencia
Nacional por opinar en Facebook).
O primeiro, dicir que a nivel persoal foi un
proceso duro, porque non foi un simple xuízo, pasei practicamente un ano
defendéndome de montaxes policiais e xurídicas: o 30 de novembro de 2017
pasado tiven o primeiro xuízo, o da Operación Araña na Audiencia
Nacional, e cando aínda estaba a esperar a sentenza recibín a data para
o xuízo polo sucedido naquela protesta, Jaque a la monarquía, de
2014. Fixárono para o 16 de abril, mais houbo un adiamento ante a
suposta indisposición dun dos axentes que me acusaba. Así que foi por
fin este 3 de outubro, o mércores pasado, cando se celebrou o xuízo.
Nin que dicir ten que estar todo un ano así, de
xuízo en xuízo, ademais vendo como compañeiros ingresaron en prisión,
tomaron o camiño do exilio ou seguen inmersos nunha batalla xudicial, é
algo esgotador. E no meu caso ademais non me quedei precisamente parado
esperando, rercorrín medio Estado explicando o caso e contextualizándolo
na actual escalada represiva impulsada polo Estado español.
Como dicía, o pasado mércores celebrouse por fin o
xuízo, e se algo quedou claro nas case dúas horas que durou, foi que a
acusación non se sostiña, a policía mentía e iso é algo que quedou moi
claro para todas e todos os que estabamos na sala. En primeiro lugar, o
policía que leva catro anos e medio dicindo que eu lle peguei unha
puñada na cara, de súpeto declara que esa puñada lla dera “alguén” cinco
minutos antes e que non podía identificar quen fora. A cousa está moi
clara: ou mentía no atestado ou mente agora… ou o mesmo minte as dúas
veces. O outro policía supostamente agredido tampouco ten nada claro
vista a súa declaración: leva catro anos e medio dicindo que lle dei
unha patada e de súpeto solta: “o acusado deume unha puñada”. E a
preguntas da fiscalía engade: “e unha patada”.
Estas persoas piden que pase 6 anos da miña vida en
prisión por supostamente agredilas e non teñen claro nin que lesión
sufriron, iso dános unha idea da veracidade dos testemuños: cero.
Os compañeiros da prensa que testificaron
posteriormente deixárono moi claro: aquel día había unha hostilidade
manifesta cara á prensa, xa desde o primeiro momento sucedéronse os
insultos, ameazas e empuxóns cara aos xornalistas que cubriamos a
protesta. Tras as declaracións dos xornalistas foi a quenda dos vídeos.
E unha vez máis quedou claro que non houbo ningunha agresión pola miña
parte, e ademais puidemos ver tamén a malleira que estes señores lles
deron ao resto de compañeiros que trataban de informar sobre o que
estaba a pasar.
Despois interviu a fiscal. É alucinante que tras
ver como un policía cambia a súa declaración sobre quen o agrediu e o
outro policía nin sequera ten claro se lle deron unha puñada ou unha
patada (ou as dúas cousas), tras ver uns vídeos onde queda moi claro
quen fomos os agredidos aquel día e quen nos agrediu, esta señora aínda
teña a desvergoña de seguir pedindo 2 anos de condena e unha multa de
case 5.000 euros. O meu avogado, Erlantz Ibarrondo, deixouno moi claro:
haberá que deducir testemuño aos axentes por se incorresen en falso
testemuño.
Na miña alegación final destaquei que aquilo non
foi un atentado á autoridade, senón un atentado á prensa e á libre
información. Denunciei as agresións policiais, tanto a miña como as que
sufriron os meus compañeiros. Remarquei que se nós achegamos alí foi
“para informar da violenta e irresponsable actuación que estes señores
estaban a levar a cabo, porque cremos que a prensa debe denunciar este
tipo de abusos e de vulneracións dos dereitos humanos por parte de
funcionarios públicos”.
“Estes señores mentiron, non houbo ningunha
agresión pola miña banda, e o máis probable é que ditas lesións, en caso
de ser reais, fosen causados por eles mesmos mentres mallaban ao grupo
de xornalistas”, dixen. E continuei: “estes dous axentes, funcionarios
públicos que deberían de estar ao servizo da cidadanía, minten cando me
acusan de atentado, minten cando me acusan de causarlles lesións e fano
porque necesitan unha escusa, necesitan unha cabeza de turco para
xustificar a súa salvaxe actuación daquel día”.
“Durante a miña declaración, volvín insistir en que
a prensa denunciar calquera tipo de abusos e de vulneracións dos
dereitos humanos por parte de funcionarios públicos.”
Terminei a miña intervención pedindo “a miña libre
absolución, pero tamén quero pedir responsabilidades para quen levaron a
cabo esa salvaxe actuación policial. Responsabilidades pola malleira aos
xornalistas, pero tamén responsabilidades por mentir, por esa falsa
acusación que me tivo durante catro anos e medio vivindo baixo a ameaza
de pasar varios anos en prisión. E responsabilidades por ter obstruído o
dereito a informar, o dereito á liberdade de prensa”. E subliñei: “sen
prensa crítica non hai democracia, sen liberdade de expresión e de
información non hai democracia”.
Agora xa pasou o peor. Catro anos e medio á espera.
Un ano de xuízo en xuízo. Toca esperar a sentenza, e visto o visto no
xuízo non espero outra noticia que non sexa a libre absolución, aínda
que desde logo teño claro que a xustiza española adoita ser de todo
menos xusta. Pero neste caso xa nin sequera vou pedir xustiza, porque
bastaría cun chisco de sentido común para absolverme e investigar esta
descarada montaxe policial.
O que me sucedeu apenas é a punta do iceberg, as
montaxes policiais están á orde do día, e moitas veces nin con vídeos
nin con testemuñas, nin demostrando as mentiras policiais somos capaces
de tiralas abaixo. Os ataques á prensa crítica e á liberdade de
información continúan día a día nun Estado onde se pecharon medios de
comunicación e encarcerouse aos seus traballadores sen proba algunha (Egin, Egunkaria, Apurtu…).
A liberdade de expresión foi derrogada de facto e agora ninguén que
exprese unha opinión contraria ao réxime está a salvo de ser a seguinte
vítima da Audiencia Nacional.
“Os ataques á prensa crítica e á liberdade de
información continúan día a día nun Estado onde se pecharon medios de
comunicación. A liberdade de expresión foi derrogada de facto.”
Queren que non salgamos á rúa, que non opinemos,
que non loitemos, que non informemos. Así que a receita contra isto é
precisamente seguir mobilizándonos, seguir loitando, seguir opinando e
seguir informando.
Madrid, 9 de outubro.
Boro LH
Madrid, 1980. Jorge Correa, Boro LH, é xornalista e
colaborador habitual de Lahaine.org e Kaosenlared.net,
entre outros medios. Na ligazón de abaixo pode lerse e asinarse o
manifeso pola súa absolución:
https://borolibre.wordpress.com/
Texto completo en:
https://www.lahaine.org/cast-gal-tras-el-juicio