• Número 406
  • 08 de outubro de 2018

A Sanidade pública privatizada

O maior hospital privado de España, que atende a 139.000 pacientes da sanidade pública galega, ao bordo da quebra

As listas de espera de Povisa triplican a media das do resto de Galiza

Hai un mantra neoliberal que identifica a sanidade pública con ineficiencia e malgaste, e que asegura que deixala en mans da iniciativa privada optimiza automaticamente a súa xestión e reduce os seus custos como por encantamento. Pois vai ser que non. Polo menos se segue ao detalle o caso da clínica Povisa de Vigo, o maior hospital privado de España e que nutre boa parte do seu negocio grazas aos máis de 75 millóns de euros que percibe cada ano da Xunta de Galicia por tratar a pacientes do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Povisa –acrónimo de Policlínica de Vigo Sociedade Anónima-, propiedade do grupo de empresas do navieiro José Baltasar Silveira Cañizares, está ao bordo da quebra. A semana pasada acudiu ao xulgado para declararse en preconcurso de acredores, unha figura contemplada na Lei Concursal que permite a unha empresa darse tres meses de prazo para renegociar as súas débedas e evitar a obrigación legal de recoñecerse insolvente por non poder afrontalas. No hospital, con máis de medio milleiro de camas, traballan máis de 1.500 persoas. Deles 270 son médicos e preto de 500, enfermeiros, enfermeiras e técnicos e técnicas sanitarias.

Povisa é un dos mellores exemplos de como ese  mantra que identifica sanidade privada con menores custos e mellor xestión foi avanzando lentamente no modelo sanitario español. Porque, ao contrario doutras fórmulas que camuflan a deriva de doentes a clínicas privadas mediante acordos para cubrir accións e tratamentos sanitarios concretos cando a sanidade pública non pode asumilos por motivos conxunturais ou por falta de recursos, a do hospital vigués supón de feito unha privatización estrutural e concibida para manterse  ad  eternum.

O Sergas é o principal provedor de Povisa, que lle factura non só por consultas, diagnósticos e intervencións concretas. Para 139.000 habitantes de Vigo e a súa área de influencia, é o seu hospital de referencia. É dicir, que se se poñen enfermos ou senten indispostos, as súas cartillas non están adscritas a un hospital público, senón á clínica, que non só cobra por atendelos senón pola posibilidade de facelo. Así llo garante o concerto coa Xunta: uns 542 euros anuais por persoa. Ou sexa, máis de 75 millóns de euros ao ano.

Negocio garantido? Povisa, que tamén traballa coas principais aseguradoras privadas, asegura que non. Que desde que o renovou no ano 2014 a Xunta “reinterpretou” as cláusulas do concerto e que desde entón perde diñeiro a  esportas. Tanto como para provocar nas súas contas un buraco de 42 millóns de euros que lle impediu liquidar coa Axencia Tributaria a retención do IRPF correspondente ás nóminas de setembro dos seus traballadores.

José Baltasar Silveira Cañizares

Povisa forma parte do armazón empresarial Grupo Nosa Terra XXI, propiedade de José Baltasar Silveira Cañizares, un empresario vigués nado en Estremadura que fixo fortuna na década dos setenta cunha exitosa empresa de remolcadores – Remolcanosa-, que lle permitiu converterse no maior navieiro de España cando en 1997 adquiriu a Sociedade Estatal de Participacións Industriais a antiga Empresa Nacional da Mariña Mercante Elcano.

Era a época dourada da febre privatizadora de empresas públicas impulsada polos gobernos de José María Aznar. Un ano antes, Silveira comprara Povisa, e uns anos despois faríase co sanatorio A Esperanza de Santiago, que tamén mantén concertos co Sergas e que hoxe pertence a Hospitais de Madrid ( HM).

Povisa parecía intocable en Galicia. Porque mesmo cando a Xunta decidiu construír un novo hospital en Vigo, a maior cidade de Galicia cunha área asistencial de máis de medio millón de persoas, o Goberno de Alberto Núñez Feijóo modificou o proxecto inicial deseñado polo Executivo bipartito do PSOE e o BNG de forma que a clínica de Silveira seguise tendo garantido o seu colosal negocio.

En Vigo aínda se lembran as multitudinarias manifestacións contra o redeseño do hospital Álvaro Cunqueiro. A contestación social incluso lle custou o cargo á entón conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, a quen, con todo, Feijóo premiou converténdoa en xerente de Galaria, a empresa pública encargada de xestionar as multimillonarias contratas do Sergas.

O certo é que Povisa sempre foi un filón. Un exemplo: no ano 2013, cando a crise seguía destruíndo empresas, empregos e vidas, Povisa foi a filial do Grupo Nosa Terra XXI que máis diñeiro gañou. Os seus beneficios ese exercicio ascenderon a 11,8 millóns de euros, é dicir cinco veces máis que a navieira Elcano, que arroxou un saldo positivo de 2,2 millóns.

Agora, a dirección da clínica di que as perdas desnucárona. Que o que recibe do Sergas desde o 2014 non cobre os gastos e os investimentos en persoal e nos novos equipos necesarios para garantir a calidade asistencial, e que se ve obrigada a tratar pacientes por servizos non incluídos no concerto e por cuxa atención a Xunta non lle paga o que debera. A empresa, iso si, asegura que ata que negocie coa Administración autonómica “unha solución” aos seus problemas, “a atención seguirá tendo o mesmo nivel de excelencia” que, afirma, mantivo ata agora.

Pola súa banda, a Consellería de  Sanidade da Xunta, que dirixe Jesús Vázquez Almuiña –quen por certo empezou a exercer a medicina nas consultas de Povisa-, contradise a si mesma. Por unha banda defende que o prezo que paga á clínica por cada paciente potencial -542 euros ao ano- supón un aforro do 12% con respecto ao custo por persoa no resto da sanidade pública. Pero, por outro, nega ser a responsable da insolvencia do hospital.

E, o máis curioso de todo: ofreceulle botarlle unha man na xestión do centro,  auditando a documentación financeira sobre a que sostén a declaración do  preconcurso de acredores e implantando o mesmo sistema informático de xestión e administración de produtos farmacéuticos que xa funciona nos hospitais públicos. É dicir, que a mesma Administración que paga millóns a unha empresa privada por xestionar os asuntos que lle competen, ofrécese a explicarlle aos seus administradores como ten que montalo para obter beneficios.

O alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, culpa da situación á “falta de capacidade de xestión” de Feijóo. Mentres tanto, profesionais e usuarios subliñan o  dislate e reiteran que un negocio privado non pode nin debe nutrirse dos orzamentos destinados a cubrir un servizo público básico e esencial como a atención sanitaria. Así o asegura a Confederación Española de Sindicatos Médicos ( CESM), que vén denunciando desde hai anos as incongruencias do concerto da Xunta con Povisa.

Esas contradicións, a xuízo do  CESM, poñen de manifesto que a xestión privada da sanidade non garante nin moito menos a súa calidade: as listas de espera de Povisa triplican a media das do resto de Galicia, o concerto non inclúe a atención primaria nin a atención pediátrica, exclúense especialidades esenciais como a Obstetricia e a Psiquiatría... E sobre todo, págase un  diñeiral. Segundo o  CESM, a Comunidade de Madrid abona ao hospital de  Valdemoro 380 euros por cada persoa á que podería chegar a atender cun concerto similar. É dicir, 162 euros por doente menos que a Povisa.

https://www.publico.es/sociedad/mayor-hospital-privado-espana-atiende-139000-pacientes-sanidad-publica-gallega-borde-quiebra.html