• Número 406
  • 08 de outubro de 2018

Sanidade pública

Os PAC convocan paros nos meses de outubro e novembro reclamando máis medios e persoal

Despois de moitos intentos de que a Xunta atendese as súas reivindicacións, o persoal dos PAC da un paso adiante na mobilización

O persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) convoca paros parciais durante doce días nos meses de outubro e novembro para reclamar, entre outras cuestións, equipos completos de médic@/enfermeir@ en todos os centros e a existencia de "criterios obxectivos" para a dotación de persoal sobre a base da carga de asistencia, dispersión, distribución, distancia ao hospital e número de mobilizacións polo 061 para garantir o dereito á asistencia.

Os PAC están en servizo as 24 horas do día os 365 días do ano, atenden tamén nos domicilios, exercen unha función asistencial básica na que o número de efectivos é determinante. Como xa informamos en anteriores PASquíns, o persoal dos PAC levan moito tempo reivindicando a negociación cunha administración que sempre lles deu as costas como resposta.

Denuncian que a nula planificación contribúe ao deterioro da asistencia á cidadanía, sinalando que en moitas ocasións, despois dunha garda de 24 horas deben permanecer no posto por falta de relevo.

Reclaman, entre outras cousas, que se establezan criterios por carga real asistencial, reforzos e un plan de continxencia que solvente circunstancias non previsibles de ausencias de persoal e salientan que é imprescindible que prime a voluntariedade sobre a obrigatoriedade á hora de cubrir as xornadas.

Os paros convocáronse por todos os sindicatos da mesa sectorial e realizaranse os días 16, 19, 23, 26 e 30 de outubro e 2, 6 e 9 de novembro, entre as 15 e as 8 horas do día seguinte. E desde as 8 ata as 8 horas do día seguinte os días 21 e 28 de outubro e 4 e 11 de novembro.