• Número 406
  • 08 de outubro de 2018

Universidade

Nova Lei de Universidades?

Na xestación desta nova lei, o PAS, nin estaremos presentes nas negociacións, nin se nos terá en conta

No pasado Consello de Goberno, do día 25 de setembro, o reitor informou de que, ao día seguinte, o 26, o presidente da Crue presentaría no Congreso dos Deputados, unha petición para que se elabore unha nova Lei de Universidades. Dadas as circunstancias económicas e sociais, afrontamos esta posibilidade coa incerteza que nos produce a deriva política estatal.

Como parte da Comunidade Universitaria ao analizar a evolución e situación actual da Universidade, como xa sinalamos en anteriores PASquíns, - 1 2 -3 - 4 - observamos unha crecente privatización e dependencia da oferta e a demanda. As universidade compiten, entre elas, en tódolos ámbitos coa finalidade última de dotarse de maior orzamento, como sinalamos, tamén, noutras ocasións, nesta guerra están en desvantaxe as universidades da periferia do centro económico europeo.

En Galiza as tres universidades públicas están inmersas nunha loita fratricida para conseguir o paupérrimo financiamento que a Xunta destina para o ensino superior. No plan de financiamento diferéncianse dúas partidas, unha parte estrutural (dotada no ano 2016 co 66,6% do financiamento total) que non cobre as necesidades básicas para asegurar que as universidades cumpran a súa misión e que, segundo o acordado irá descendendo progresivamente, e outra parte competitiva - por resultados – (dotada no ano 2016 co 33,4% % do financiamento total), de saída 1/3 do total, na que se irá incorporando, a parte que irá diminuíndo o fondo estrutural. Sométese, deste xeito, ás universidades e aos seus membros a unha carreira competitiva para obter fondos a partir de ocupar posicións nunha escala de suposta “excelencia” o que supón des incentivar a cooperación con outros colegas ou centros que se presentan como “competidores”.

Xa na actualidade unha fonte importantísima de ingresos, por máis que teñan carácter finalista, están a ser os proxectos de investigación que na práctica totalidade dos casos están destinados a se aproveitar pola empresa privada.

Mención aparte merecen os campus de especialización - imos tomar como exemplo o Campus Industrial de Ferrol - na RESOLUCIÓN REITORAL POLA QUE SE ESTABLECE O SISTEMA DE GOBERNANZA DO CAMPUS INDUSTRIAL establécese como finalidade:

“O Plan establece como misión do Campus Industrial a formación de profesionais para o exercicio das actividades profesionais ligadas aos eidos naval e industrial, a investigación e o desenvolvemento baseadas no coñecemento que se xera no campus e que, ademais, busca ser aplicado e valorizable a través dunha transferencia efectiva da ciencia cara ao contorno empresarial, froito dunha estreita interrelación con esta.

A universidade fabrica os profesionais, e centra o seu capital humano e material en investigar nos campos que precisa a industria. Maior identificación e servizo non pode existir. O sector empresarial terá tamén representación na Comisión Reitora na que seguro será determinante á hora de marcar as liñas de actuación.

Da análise e experiencia acumulada entendemos que a nova lei que se reclama profundará en todos eses principios xa marcados e acabará sendo a puntilla definitiva para a universidade tal e como a coñecemos, adaptándoa cada vez máis ás necesidades do mercado. Por moito que no papel se recolla, a súa función sociocultural, a universidade pública, crítica e democrática, desaparecerá. A orientación cara a financiación privada das universidades públicas condicionará a súa docencia e investigación.

Na xestación desta nova lei, o PAS, nin estaremos presentes nas negociacións, preténdese que teña un amplo consenso, nin se nos terá en conta. Esta circunstancia obriga ao colectivo a estar alerta, activando, de ser o caso (que o será) as medidas de presión que, entre todas, se decidan.