• Número 406
  • 08 de outubro de 2018

CUT - Política Social

Mal empezamos

A primeira visita realizada pola Conselleira, desde a toma de posesión, é todo un símbolo

Feijoo ven de remodelar o seu gabinete, a nova responsable da Consellería Política Social,  aproveita o primeiro acto institucional da súa xeira para visitar un centro de maiores, pero non un centro dependente directamente da súa Consellería, como sería lóxico. O día 1 de outubro, Día Internacional dos Maiores, Fabiola García, pasou pola residencia de maiores DomusVi, centro privado, de Ribeira. Este acto protocolario é representativo da política que desde a Consellería se está a levar adiante no que se refire á asistencia das persoas maiores.

Os recortes que desde o ano 2009, data na que o PP accedeu ao goberno de Galiza se están impoñendo nos servizos asistenciais ás persoas maiores, denunciáronse de xeito reiterado polas traballadoras e traballadores e que abarcan desde o material máis elemental (cueiros, cremas...), material para facilitar a súa mobilidade  até a falta do persoal necesario para dar o servizo coa calidade á que persoas maiores  ingresadas nos centros dependentes da Consellería teñen dereito.

Esta política non é gratuíta, responde a un dobre interese, por un lado cargar a crise nos servizos públicos, mediante o aforro que se deriva dos recortes, por outro lado fortalecer e ampliar o nicho de negocio que a empresa privada hai anos que ven explotando coas residencias de maiores privadas, propiciado, precisamente, polas carencias do servizo público. A primeira visita realizada pola Conselleira, desde a toma de posesión, é todo un símbolo.

Convidamos á nova conselleira a ver de cerca todas estas circunstancias pasándose por algún dos centros baixo a súa responsabilidade. Se pode ser pola Residencia de Maiores de Oleiros. Comprometémonos a facerlle unha visita guiada na que lle mostraremos a realidade cotiá dun centro no que se reflicten todas as características sinaladas.