Xornadas de solidariedade coas temporeiras de Huelva

O colonialismo, o patriarcado e o capitalismo
únense para enriquecerse a costa das máis vulnerabilizadas polo propio
sistema. Nos últimos meses saltaron á escena mediática, grazas a
un xornal alemán, os abusos laborais e sexuais sufridos polas
traballadoras temporais do amorodo en Huelva, practicamente
todas de orixe marroquí. A noticia apareceu en todos os medios de
comunicación causando un alto rexeitamento pero a resposta
social, estivo á altura?
Que respostas podemos dar dende un
sindicalismo combativo, antipatriarcal e anticolonial? Como
tecemos redes de solidariedade? Que estratexias sindicais podemos sacar
adiante?
Desde a CUT parécenos fundamental coñecer
máis da historia das traballadoras temporais de Huelva, do contacto do
sindicalismo con este caso e das reflexións que poidamos sacar en
conxunto. Por iso, e contando coa imposibilidade de que
poideran vir as propias traballadoras, convidamos ao Sindicato Andaluz
de Trabajadores/as (SAT), sindicato irmá, que acompañou ás traballadoras
a que nos conten máis, a pensar xuntas, a tirar conclusións e respostas.
A compañeira Virginia Piña estará en
Compostela o 27 de setembro, ás 19:30 horas na Casa Xohana Torres, e en
Vigo o 28, ás 18:00 horas no local da CUT da Rúa de Urzáiz, ambas
xornadas son abertas a toda persoa que queira escoitar e
participar. O sábado 29 Virginia estará ademais no festival das
Brétemas.
O sindicalismo anticolonialista é
internacionalista! Ningunha persoa quedará fóra da manta de
solidariedade que tecemos cada día!
Acompañamos co escrito que nos fixo chegar a
compañeira do SAT sobre o conflito das temporeiras de Huelva e o papel
do SAT:
“Dende principios do 2000, os empresarios de
Huelva decidiron cambiar aos traballadores por traballadoras, debido a
cuestións puramente capitalistas, sexistas e colonialistas. Se nun
primeiro momento eran mulleres do leste de Europa as contratadas, xa
preto do 2010 foron marroquíes, segundo eles, porque son máis
traballadoras.
As denuncias sobre a explotación laboral
lévanse realizando dende hai anos. De feito, hai unha sentenza de 2014
que condena a 4 empresarios. Desde hai anos, o SAT acode cada tempada
para intentar realizar labores sindicais, algo que se fai imposible.
Este ano, a noticia sobre os abusos laborais e
sexuais saltou á palestra grazas a un diario alemán. Nel, compañeiras
contaban as situacións que se vivían nos invernadoiros. Non é a primeira
vez, pero si a única na que a noticia se volve tan viral.
Durante este ano, fixéronse denuncias a través
de tres grupos de mulleres: 4 compañeiras respaldadas por Asnuci (ONG
onubense), 10 que recibiron axuda do SAT e AUSAJ e outras 3 andaluzas.
As 10 compañeiras que denunciaron son as que
lograron escapar dunha deportación masiva que houbo cando os empresarios
se enteraron da intención de denuncia de máis dun cento de compañeiras.
Tras iso, tiveron que saír agochadas e refuxiarse nun pobo lonxe da
provincia de Huelva. Fai unha semana, a Audiencia Nacional aceptou a
denuncia contra a empresa ‘Doñana 1998’ por abusos laborais e sexuais.
Cal está sendo o papel do SAT? Nós, desde
primeira hora, estivemos apoiando e acompañando ás compañeiras. Por unha
parte, mediante a difusión -onde está o SAT e Cañamero hai 82.848
cámaras-, a organización de mobilización -a finais de xuño en Huelva- e
de actos que axuden a saber o que está ocurrindo en Huelva e recoller
apoios. Por outro lado, subministramos todo o preciso para que as
compañeiras poidan quedarse o tempo preciso en Andalucía, mediante a
achega dunha vivenda e os cartos precisos para poder manterse.
Por outro lado, a miña achega como militante do
SAT foi nesta mesma liña: organización, difusión e busca de apoios para
que isto non caia en saco roto. Por unha parte, organizando a
mobilización masiva que tivemos en Huelva, organizando o apoio desde a
miña provincia (Jaén nese momento, Cádiz agora), e difundindo os feitos
xa fóra da fronteira andaluza. Non só estou eu senón que somos varias
compañeiras dedicándonos a isto.”
Virginia Piña Cruz, militante do SAT.