27 de setembro, 43 anos dos últimos fusilamentos do ditador Franco

Papá, mamá: Executaranme mañá de mañá.
Quero darvos ánimos. Pensade que eu morro pero que
a vida segue.
Recordo que na túa última visita, papá, dixérasme
que fose valente, como un bo galego. Funo, asegúrocho. Cando me fusilen
mañá pedirei que non me tapen os ollos, para ver a morte de fronte.
Sinto ter que deixarvos. Síntoo por vós que sodes
vellos e sei que me queredes moito, como eu vos quero. Non por min. Pero
tedes que consolarvos pensando que tedes moitos fillos, que todo o pobo
é o voso fillo, polo menos eu así volo pido.
Lembrades o que dixen no xuízo? Que a miña morte
sexa a última que dite un tribunal militar. Ese era o meu desexo. Pero
teño a seguridade de que haberá moitos máis. Mala sorte!
Canto sinto morrer sen poder darvos nin sequera o
meu último abrazo! Pero non vos preocupedes, cada vez que abracedes a
Fernando, o neno de Mary, ou a Manolo facervos á idea de que eu continúo
neles.
Ademais, eu estarei sempre convosco, asegúrovolo.
Unha semana máis e cumpriría 25 anos. Morro mozo
pero estou contento e convencido.
Facede todo o posible para levarme a Vigo.
Como os nichos da familia están ocupados,
enterrádeme, se podedes, no cemiterio civil, á beira da tumba de Ricardo
Mella.
Nada máis. Un abrazo moi forte, o último.
Adeus papá, adeus mamá.
O voso fillo: Xosé Humberto Baena
Os fusilados o 27 de setembro de 1975 foron os
últimos do franquismo. Nin tiveron un xuízo xusto nin a xustiza militar
puido demostrar a súa culpabilidade. Pero todo estaba decidido de
antemán: Franco consumíase e o réxime tiña que sobrevivirlle. Por iso
había que dar un escarmento aos subversivos.
O 27 de agosto de 1975 –tres meses antes de que
Franco morrese– o réxime aprobou a Lei de Prevención do Terrorismo. Os
activistas antifranquistas eran oficialmente terroristas.
“É necesario contextualizar”, recomenda sempre
o xornalista e editor Manuel Blanco Chivite,
exmilitante do FRAP: “Hai que contarlle ás novas xeracións como era a
ditadura, explicarlles que as forzas de Seguridade gozaban de absoluta
impunidade, que torturaban e que mataron a moitos cidadáns que acudían a
manifestacións en contra da ditadura, sen que ningún responsable
daquelas mortes pagase xamais polos crimes. Era unha ditadura militar
que empregaba a violencia sistematicamente e moitos optamos por pasarnos
á militancia antifranquista, recorrendo á violencia, para derrubar a
aquel réxime”.
Se algo perdurou na memoria colectiva sobre os
últimos fusilamentos do franquismo é a absoluta farsa que supuxeron os
consellos de guerra que xulgaron aos axusticiados.
Tralas confesións forzadas a base de violencia
física e psicolóxica, os detidos retractábanse ante os xuíces e
denunciaban as torturas e os prolongados procesos de incomunicación en
celas de castigo que padecían por parte dos funcionarios policiais,
unhas denuncias que caían sistematicamente en saco roto. Máxime nuns
xuízos como estes últimos consellos de guerra da ditadura que pretendían
ser exemplarizantes nun contexto no que os sectores máis recalcitrantes
do búnker franquista impuxeron a súa lei forzando condenas
predeterminadas.
A sorte estaba botada para os acusados cuxos
familiares e achegados políticos tiveron problemas para atopar avogados
que exercesen a defensa, xa que os letrados máis habituados a defender
aos opositores ao réxime relacionados cos dous principais partidos da
esquerda aínda clandestina non se fixeron cargo do asunto. PSOE e PCE
prohibiron aos seus avogados asumir a defensa.
Misión imposible era para aqueles letrados a tarefa
de contrarrestar os argumentos dos fiscais militares. Todos os intentos
por demorar o desenvolvemento do xuízo, desde o rexeitamento á
lexitimidade do tribunal militar ata cuestionar a veracidade das
confesións arrincadas a golpes víronse abocados ao fracaso e nalgúns
casos tivo que ser un defensor militar de oficio o que se fixese cargo
da súa representación legal.
O letrado Juan Aguirre refírese ao seu defendido
Ramón García Sanz, Pito, dicindo: "Tralas formalidades puidemos
entrevistarnos por segunda vez con Pito. Estaba machucado a golpes e
tiña o convencemento de que os ían matar, que a sentenza estaba decidida
de antemán. Aseguroume que el non participara no atentado e que asinara
o que a policía lle puxo diante". Pola súa banda, Mikel Paredes, irmán
do etarra Txiki lembra que un día antes do fusilamento, este lle
confesara que non participara no atraco a un banco no que foi abatido un
policía. De nada serviron as alegacións do avogado lembrando que
ningunha testemuña vira a un mozo moi baixiño participando naquel
atraco. Ao final, Juan Paredes Manot, Txiki, foi fusilado ante a
arrepiada mirada do seu irmán Mikel aquela mañá en Barcelona.
As cartas manuscritas polos condenados a morte son
especialmente estremecedoras, como a do mozo galego Xosé Humberto Baena,
reproducida neste artigo, asinada horas antes do seu fusilamento e cando
aínda non sabía se o seu pai chegaría a tempo de abrazalo aquela
terrible madrugada e que dá título ao libro "Mañá cando me maten".

Tan só catro días despois dos fusilamentos, o réxime organizou un acto
multitudinario na Praza de Oriente nun intento desesperado por
reivindicar a plena vixencia da ditadura na que foi a última aparición
pública de Franco, xunto ao seu sucesor, o Rei Juan Carlos, onde un xefe do Estado xa moi enfermo e deteriorado
rexeitou as protestas internacionais culpando delas aos seus inimigos de
sempre: o contubernio
xudeu-masónico e o comunismo internacional.
http://kaosenlared.net/27-de-septiembre-40-anos-de-los-ultimos-fusilamientos-del-dictador-franco-convocatorias/
https://www.publico.es/culturas/manana-me-maten-recuerda-ultimos.html
http://blogs.interviu.es/laotraversion/2015/09/24/josef-el-sexto-fusilado-y-los-juicios-ilegitimos-del-franquismo/
Luís Eduardo Aute púxolle música a estes crimes do estado fascista