• Número 405
  • 01 de outubro de 2018

CUT

O 1 de Outubro a CUT sairá ás rúas contra o fascismo

OS POBOS TEÑEN DEREITO A DECIDIR

Hai un aproximadamente un ano publicabamos a seguinte Resolución da Asemblea Estatal das Marchas da Dignidade a favor do dereito a decidir do pobo catalán

“O próximo 1 de Outubro, a maioría do Parlament de Catalunya anunciou a convocatoria dun referendo de autodeterminación. O Goberno Rajoy anunciou que o impedirá por todos os medios e por boca da Ministra Cospedal, chegou a ameazar anunciando que “por terra, mar e aire, as Forzas Armadas e a Garda Civil atópanse onde haxa que protexer a integridade e a soberanía do noso país”.

Ante un feito desta magnitude os/ as traballadores/as non podemos permanecer indiferentes se non queremos acabar sendo simples monicreques das políticas dos distintos sectores burgueses, sexan de onde sexan. Por esa razón resolvemos manifestar:

1.- O noso apoio ao dereito de autodeterminación: OS POBOS TEÑEN DEREITO A DECIDIR.

2.- Desde as Marchas da Dignidade, recoñecemos e defendemos que o pobo catalán ten dereito a decidir. Chamamos a todas as organizacións políticas e sindicais e a todos os traballadores/as a defender, en nome dos dereitos democráticos e da unidade da clase obreira, o DEREITO DE CATALUNYA, OU DE CALQUERA POBO, A DECIDIR.

3.- As Marchas da Dignidade lembran que quen nega o dereito de autodeterminación aos pobos, son os mesmos (PP, PSOE e agora Cs.) que sosteñen o réxime do 78 herdeiro da ditadura co rei á cabeza e son os mesmos que reformaron en apenas unha semana o artigo 135 da “intocable” Constitución, co obxecto de atacar todo tipo de dereitos sociais baixo as ordes da UE.

4.- Desde as Marchas da Dignidade, rexeitamos radicalmente as ameazas e actuacións represivas que están a tomar desde o Goberno e outras institucións contra este proceso, que forma parte da política represiva do Goberno e do Estado mesmo. Chamamos a REPUDIAR E MOBILIZARSE CONTRA TODA MEDIDA REPRESIVA contra a clase obreira e o pobo de Catalunya.

5.- Desde as Marchas da Dignidade, queremos mostrar a total solidariedade da clase obreira do resto do estado coa clase obreira de Catalunya e reiteramos a necesidade da UNIDADE dos traballadores/as para continuar loitando polo PAN, TRABALLO, TEITO E IGUALDADE, porque só mediante a mobilización e a independencia da nosa clase poderemos conseguir as nosas lexítimas aspiracións.

Barcelona, setembro 2017”

A pesar da represión sen medida exercida polo goberno central, o referendo realizouse. O pobo catalán nunha demostración de dignidade sen precedentes, saíu á rúa, presentouse nos colexios electorais e defendeu as urnas de votación.

Á loita para conquistar o dereito de autodeterminación, o estado herdeiro do fascismo, respondeu con represión e detencións obrigando a moitas das persoas que se significaron na defensa dese dereito a refuxiarse noutros países de Europa.

A asemblea estatal das Marchas da Dignidade, celebrada o pasado día 8 en Barcelona tomou a decisión de convocar, o vindeiro día 1 de outubro, aniversario da realización do referendo, nos territorios do Estado, accións en solidariedade co pobo de Catalunya. En Galiza as Marchas da Dignidade convocamos unha acción en Vigo que ten como lema, CONTRA O FASCISMO E POLA DEMOCRACIA!