• Número 405
  • 01 de outubro de 2018

PROSAGAP

Comunicado do persoal de urxencias do CHUS

O persoal de Urxencias do CHUS seguiremos pelexando porque se produzan as melloras necesarias para que as cargas de traballo sexan as adecuadas e se minimicen os riscos nun tema tan delicado como é o coidado da saúde das persoas

Os profesionais do Servizo de Urxencias do CHUS levamos tempo dando conta á nosa Xerencia e Dirección de Enfermería do deterioro progresivo que ven sufrindo o noso Servizo nos últimos anos, ante o que distintas Xerencias non adoptaron as medidas correctoras necesarias, e que desembocou nunha situación de gravidade para usuarios e traballadores que non podemos nin debemos resignarnos a deixar empeorar.

Neste sentido, ante a escasa atención prestada polas actuais Xerencia e Dirección de Enfermería ás nosas demandas, e despois de promesas de mellora incumpridas de forma irresponsable por parte das mesmas, o persoal de Urxencias vimos de levar a cabo dende hai uns meses diversas medidas de denuncia pública encamiñadas a poñer en coñecemento dos cidadáns a deteriorada condición do noso Servizo; nunha loita que xorde dos propios traballadores, perfectos coñecedores dos déficits do mesmo, e que ten como obxectivo fundamental garantir unha adecuada calidade da atención sanitaria que demandan os usuarios.

Hai xa preto de 1 ano que se nos anunciou por parte da Xerencia a intención de levar a cabo unha reorganización funcional do Servizo, o que conlevaría unha reordenación estrutural do espazo físico, e un cambio drástico nos actuais circuítos de atención ó paciente. Daquela facían especial fincapé, dende a Xerencia e a Dirección de Enfermería, na necesidade prioritaria de cambiar a forma de traballar que dende hai anos se ven realizando en Urxencias, substituíndoa pola creación de “equipos de traballo” en cada turno, co obxectivo de mellorar a calidade da asistencia ó paciente, simplificando o número de profesionais que o atenden, e tamén o seu trasego polas distintas estancias do Servizo.

Solicitaron a colaboración do persoal para ultimar, de forma acordada ,a planificación deste novo proxecto, e determinar as necesidades de persoal adecuadas para poder levalo a cabo con razoables garantías de éxito.
A pesar do recoñecemento por parte da propia Xerencia e da Dirección de Enfermería da necesidade de aumento de persoal, meses despois comezan as obras encamiñadas a poñer en marcha este novo sistema de traballo, aumentando lixeiramente a capacidade en canto a espazo físico pero cun mínimo e insuficiente cambio na dotación de persoal (1 celador máis en turno de noite).

Aquel plan pactado inicialmente pouco ten que ver co que agora votan a andar, de forma trabada e a impulsos de improvisación, creando certo caos entre os propios traballadores. Os “equipos de traballo” que eran o principal pretexto que argüían para xustificar o cambio, sempre en beneficio do paciente, perde agora forza; xa que a obstinada negativa por parte da Xestión ó aumento de persoal impide a creación de tales equipos de forma estable.

Aínda así, nas últimas datas vimos de observar con perplexidade diversas informacións nos medios de comunicación nas que se eloxian, citando fontes da Xerencia, estas novas obras como unha importante ganancia de espazo, traducida, eso din, nun aumento de boxes de asistencia que permitirá “unha maior axilidade na atención”.

Unha vez máis esta Xerencia e Dirección de Enfermería xestionan de costas ós profesionais, que clamamos de forma unánime pola ineludible necesidade dun aumento na dotación de traballadores do Servicio de Urxencias, que permita paliar as actuais carencias e mellorar con elo a calidade asistencial.

Pero dá a impresión de que ós xestores do Complexo só lles desasosega a difusión nos medios de comunicación de imaxes mostrando as colas de pacientes no pasillo de Urxencias; e por elo levan a cabo obras co fin de buscar novos espazos onde poder ubicalos, pero sen preocuparse de si éstes son adecuados e dignos para unha correcta asistencia, nin de si están dotados do persoal suficiente para poder atendelos axeitadamente. Trasladando ós traballadores a responsabilidade de responder ante pacientes e acompañantes que reclaman unha calidade na asistencia que, por mor dos déficits que aqueixamos, non se nos permite ofrecer.

Evidentemente non estamos en contra de actuacións encamiñadas á procura dun aproveitamento máis eficiente do espazo do que dispoñemos, e que debería redundar en beneficio de todos, pero é absurdo e irresponsable pensar que se pode mellorar a calidade da asistencia atendendo só á reestructuración do espazo físico, sin que isto vaia acompañado dun aumento dos recursos humanos, longamente demandado. Esto só nos pode levar a seguir agravando a carga de traballo ós profesionais, e a empeorar aínda máis a calidade da asistencia que podemos ofrecer ós usuarios.

Por elo, o persoal de Urxencias do CHUS seguiremos pelexando porque se produzan as melloras necesarias para que as cargas de traballo sexan as adecuadas e se minimicen os riscos nun tema tan delicado como é o coidado da saúde das persoas; e para que a calidade da asistencia sanitaria que reciben os usuarios do noso Servizo sexa o máis axeitada e digna posible.