Reunión do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral

Desde a CUT reclamamos, de xeito reiterado, a
adopción de medidas que resolvan as causas reais do elevadísimo índice
de sinistralidade que se da nos centros dependentes da Consellería de
Política Social. O informe de sinistralidade do primeiro semestre de
2018, que presentou o Servizo de Prevención corrobora, de novo, a nosa
denuncia ao constatar, nestes primeiros 6 meses do ano, 121 partes nos
centros dependentes da Consellería, o que nos sitúa no primeiro lugar
das estatísticas.
No canto de procurar atopar e dar solución ás
causas reais de tan alto número de accidentes laborais - É responsabilidade da administración velar pola saúde e benestar laboral d@s traballador@s ao seu servizo - o PP prefire botarlle a culpa
ás traballadoras e traballadores, concluíndo que se debe, entre outras
cousas, á repetición de doenzas previas, malos hábitos posturais,
elevada idade do persoal...
Denunciámolo en múltiples ocasións e
reiterámolo de novo. Mentres que non se repoña o artigo 19 do convenio
colectivo que regula os descansos e festivos, se reduza a
carga de traballo, contratando a máis persoal e se recupere o descanso
compensatorio, reducíndose a carga laboral e a presión psicolóxica sobre
as traballadoras e traballadores os accidentes laborais non se reducirán
nos nosos centros. Outro factor que contribúe a esta alta taxa de
sinistralidade é o alto grado de obsolescencia e a inoperatividade do
pouco material que a Consellería e os centros poñen a disposición do
persoal para facilitar o duro traballo que realizamos.
Antes do verán a CUT iniciamos unha campaña
para concienciar ás traballadoras e traballadores no sentido antes
sinalado, as estatísticas presentadas no Comité Intercentros de
Seguridade e Saúde Laboral do 25 de setembro, dannos unha vez máis a
razón.
Por experiencia sabemos que de nada serve
discutir datos nunha reunión como a realizada o día 25, o que
pretendemos é recuperar a mobilización que lle obrigue ao goberno
autonómico a restituírnos todos os dereitos que nos roubou, causa da
alta sinistralidade. Dentro dos dereitos a reconquistar cobra especial
significación a restitución do artigo 19 do convenio colectivo.
Non nos renderemos!