Ordenanza mordaza: o Concello de Lugo contra as súas cidadás

Agrupadas baixo o nome Lugo Sen Mordazas, máis de
trinta asociacións levan meses denunciando o ataque que supón para as
liberdades esta Ordenanza que o concello de Lugo, baixo o mando do
PSdG-PSOE, co apoio de PP e Ciudadanos e coa axuda da Policía Local,
pretende aprobar. Creada baixo a escusa de que Lugo ten moitos problemas
que precisan atención urxente, esta ordenanza parece máis ben unha forma
de recadar fondos a través da poboación, e un intento de controlar e
reprimir calquera tipo de acción por parte da cidadanía.
“É como se Lugo volvese ao franquismo con leis que
recordan ás de Vagos e Maleantes”, denuncian desde Lugo Sen Mordazas.
“Hai dous modelos de cidade posibles, e este busca criminalizar a
pobreza, a vida en comunidade, o uso dos espazos públicos e as
protestas. É evidente que a filosofía que subxace a esta ordenanza é a
que procura cortar coa vida comunitaria, xusto o contrario ao que
reivindicamos desde esta plataforma”.
Lugo Sen Mordazas propón e quere un modelo vivo de
cidade, con tecido social e apoio entre cidadás, algo que é imposible se
se chega a aprobar esta Ordenanza que ademais de anacrónica é, para
moitas, absurda.
“A Ordenanza está dividida en tres bloques
fundamentais”, di Fran, de Lugo Sen Mordazas. O primeiro fala da vida na
cidade, e pretende prohibir os xogos dos nenos na rúa, castigando con
multas desproporcionadas o que son simples faltas de educación que se
poden solucionar falando”. Cuspir no chan, timbrar nas casas dos veciños
sen motivo ou subir ás árbores non deberían ser sancións cando son
faltas que, como moito, poderían requirir un toque de atención, non 750
euros de multa, ou máis, que poucas poden pagar. “Ademais están aquelas
partes da ordenanza que directamente son absurdas e non se entende moi
ben como pretenden controlalas”. Sacar as cadeiras á rúa, algo que
moitas fan cando chega o bo tempo, arrastrar mobles pola casa, facer
chamadas de brincadeira á policía (o que pode implicar ata 1500 euros de
multa) ou dicir palabras soeces, sen sequera especificar que queren
dicir con isto.
A intención é clara, privatizar o espazo público
facendo que xa non poida ser un lugar no que toda a cidadanía comparta
momentos e goce das rúas. As celebracións cando se gaña un campionato
deportivo, facer parkour... todo iso vai estar altamente controlado ou
directamente prohibido con esta nova Ordenanza. E para os nenos, que
hoxe en día pasan cada vez menos tempo fóra, implicaría que se encerren
aínda máis na casa, xa que xogar na rúa pode provocar multas inmensas
para as súas familias.
O segundo bloque é un ataque directo aos sectores
máis vulnerables da sociedade, criminaliza a pobreza e é directamente
clasista. “Converte á xente que pide esmola, ás traballadoras sexuais, a
figuras como os “gorrillas” ou as persoas que venden cousas a cambio da
vontade –como as que venden chisqueiros nos semáforos– en delincuentes,
multándoos no canto de dar unha solución para estas persoas que non
teñen recursos e teñen que sobrevivir como poden”, denuncian desde a
Plataforma. Os músicos que queiran tocar na rúa ou que se adiquen a
outro tipo de expresións artísticas poderán ser multados tamén. Do mesmo
xeito durmir no espazo público pasa a ser tamén un feito punible segundo
esta Ordenanza.
Cartel da convocatoria da manifestación do
mércores 26 de setembro
E por último está a terceira parte, a que fala do
activismo nas rúas. Coa Ordenanza Mordaza –se non se pide unha
autorización previa– pódese multar con ata 1500 euros as manifestacións,
o reparto de propaganda, a recollida de sinaturas ou colocar mesas
informativas por parte de asociacións culturais ou colectivos políticos,
cando antes con avisar ao Concello xa era suficiente. “Isto implica un
control político sen precedentes, xa que será o Concello o que decide se
dar ou non esas autorizacións”, advirten desde Lugo Sen Mordazas. A isto
hai que lle engadir que, se nunha asociación ou colectivo se reiterasen
as faltas, o Concello resérvase o dereito de clausurar as súas
actividades durante tres anos ou incluso indefinidamente. Foméntase
ademais o “chivatazo” entre veciñas, xa que a lei permitiría sancionar a
persoas individuais que se atopen nun lugar público no que haxa, por
exemplo, unha manifestación ou recollida de firmas, aínda que estas non
estean participando delas.
“O que desde Lugo Sen Mordazas temos claro é que a
seguridade non a dá a mordaza, senón a comunicación e o apoio entre as
veciñas. O que o Concello debería facer é dar máis axudas sociais e
pensar menos en multar ás súas cidadás”, di Fran. “Parece raro que unha
Ordenanza que pensa na veciñanza vaia tanto en contra das súas veciñas e
da propia cidade”, denuncian. E do que non parece querer falarse desde o
goberno de Lara Méndez é da terrible situación na que se atopan as rúas
lucenses, sen que desde o Concello se faga moito ao respecto. Zonas onde
a herba é tan alta que non se poden usar os bancos, paredes sen pintar
que quebran, muros cheos de sinaturas e pintadas que máis ben
emporcallan a zona vella, pero que non parecen molestar tanto ao goberno
como as pintadas e cartaces de Lugo Sen Mordazas ou os murais con
contido artístico ou reivindicativo.
O Concello de Lara Méndez non deixa de borrar os
murais e os seus carteis da plataforma cidadá sen dar un motivo
“Parece unha campaña por parte do Concello e de
medios como El Progreso ou La Voz de Galicia contra as pintadas de Lugo,
e meten os graffitis, os murais de contido artístico e as pintadas
políticas no mesmo saco. Din ademais que son os veciños os que chaman
para pedir que as quiten, pero existen moitas dúbidas sobre que isto
sexa así”, afirman desde Lugo Sen Mordazas. O Concello de Lara Méndez
non deixa de borrar os seus murais e arrancar os seus carteis sen dar un
motivo. Primeiro foi un mural reivindicativo que se fixo nun soar
abandonado, na rúa San Roque, que tardou menos de tres días en ser
borrado. A el seguíronlle outros dous como resposta, un no que se podía
ler “Aquí censurouse unha expresión artística”, que desapareceu en menos
de dous días, e outro, cun debuxo de Castelao que se creou un mércores
noite, e que o venres tamén foi borrado de mala maneira. O que chama a
atención á Plataforma é que se borren estes murais, feitos con esmero,
mentres non se limpan outras pintadas que parecen máis ben borróns.
Tamén parece estraño que se tapen os murais sen pedir previo permiso aos
donos dos muros onde se están pintando, xa que se trata de propiedades
privadas. “Vendo que moitas veces deixan as paredes igual de sucias que
antes, podemos dicir que non os limpan porque lles preocupe a estética,
senón que hai un motivo censurador detrás”, din desde Lugo Sen Mordazas.
E ademais, o Concello non ten en conta o esforzo que implica facer estes
murais e o mal que quedan as rúas cando simplemente blanquean por riba.
Pero o que a Plataforma ten claro é que non vai deixar de facerse
visible como poida, e por iso tamén colgaron un cartel no edificio
Garañón: símbolo da corrupción e do deixe da cidade por parte dos
políticos que a gobernan.
Acción da plataforma Lugo sen mordazas no
edificio O Garañón, "exemplo de corrupción urbanística".
E os ataques non son só contra a arte
reivindicativa, hai uns meses un dos activistas de Lugo Sen Mordazas foi
multado con 300 euros por pedir sinaturas para a retirada da Ordenanza
Mordaza na Praza de Santo Domingo. “En teoría foi porque non tiña
permiso, pero chama a atención que outros postos que estaban na mesma
praza e tampouco pediran permiso non tiveron ningún problema coa
policía”, recalca Fran. “Se é un espazo público, todas deberiamos ter
dereito a usalo”, denuncia.
Por todo isto, a Plataforma Lugo Sen Mordazas
convoca unha manifestación para este 26 de setembro ás 20:30 na praza
lucense de Santa María. “Levamos moito tempo traballando contra o que
sería un ataque imperdoable á liberdade nas rúas da nosa cidade. Fixemos
asembleas, actividades para achegarnos a tódalas veciñas, contacontos,
cine de barrio, falamos co Concello antes de que empezase esta política
tan agresiva cara a nós, e cremos que agora é o momento de facer unha
manifestación, para acadar todo o apoio posible e darnos aínda máis
visibilidade. É unha manifestación para todas, sen excepcións, para
reivindicar o espazo público e as nosas liberdades”, din desde Lugo Sen
Mordazas. “Animamos á xente que veña á manifestación que, se pode,
chegue media hora antes, porque temos unha actividade previa para que
cadaquén cree o seu propio cartaz”.
Pero a plataforma non perde a esperanza, xa que non
é a primeira vez que un municipio consegue tirar abaixo unha Ordenanza
Cívica (no 2016, a xustiza de Baleares anulou unha que se pretendía
aprobar desde o Concello de Palma). Esta Ordenanza está ademais chea de
leis que van en contra da lexislación vixente e non respecta moitos dos
dereitos e liberdades civís máis básicos. Pero mentres non quede claro
que non se vai aprobar, desde Lugo Sen Mordazas pensan seguir loitando,
saíndo á rúa e berrando todo o que fala falta para que a cidade de Lugo
siga sendo unha cidade viva e inclusiva, unha cidade para todas.
https://www.elsaltodiario.com/represion/ordenanza-mordaza-concello-lugo