A Mesa resposta á pretensión Ciudadanos de eliminar o dereito a utilizar o galego na administración

Santiago de Compostela, 26 de setemebro de
2018-. A Mesa pola Normalización Lingüística pronunciouse hoxe
a respecto do debate da Proposición de Lei promovida por Ciudadanos
-partido sen representación por Galiza- , através da que se pretendía a
modificación do Estatuto básico do empregado público para, segundo
manifestaron responsábeis deste partido, prohibir que se exixa o
coñecemento das linguas cooficiais ao funcionariado que deba prestar
servizos nos territorios con lingua propia.
A Mesa quere lembrar que é o funcionariado quen
presta servizos para a mellor atención á cidadanía e que esta atención,
for ou non presencial, require o coñecemento das linguas que o
administrado ten dereito de empregar. Para o presidente da Mesa, Marcos
Maceira, esta proposta “só pretende restrinxir ou prohibir o exercicio
do dereito das e dos cidadáns a se dirixiren na súa lingua á
administración e a ser atendidos e entendidos nela, calquera que for o
trámite”.
Limites xa existentes. Prohibir o galego.
A Mesa lembra tamén que esta limitación xa existe
na práctica, por moito que a lexislación internacional, estatal e
nacional non a amparen, o mesmo exista um compromiso do Estado para
garantir o coñecemento das línguas cooficiais por parte do funcionariado
nos lugares onde empresten servizos, tal e como contempla a Carta
Europea das Linguas.
Segundo sinala A Mesa no informe da Liña do galego
de 2017, o 54% das queixas teñen relación coa vulneración dos dereitos
lingüísticos por parte da administración.
“Agora pretenden prohibir de novo o uso do galego
culpabilizando ás vítimas e negando dereitos humanos básicos como non
padecer discriminación por razón de lingua”. “Se esta discriminación é
grave nas empresas privadas é máis na administración pública que debe
velar por estes dereitos “, engadiu o representante da entidade en
defensa do idioma galego.
A respecto da Administración Xeral do Estado, A
Mesa insta a Ciudadanos a se informar antes de insistir na falsidade que
só reflicte prexuízos e vontade de exterminar calquera sinal de
pluralismo lingüístico e cultural. “Se estivesen informados saberían que
non existe na Administración Xeral do Estado o requisito de coñecemento
das linguas cooficiais, como poden comprobar cunha simples vista de
ollos na última convocatoria publicada no BOE en xaneiro”, afirmou
Maceira.
Segundo indicou o presidente da Mesa, “o máis
habitual hoxe é que grande parte dos trámites na Seguridade social ou en
facenda non se poidan realizar en galego”.
Pero a ver hombre! ¿usted no sabe hablar
español?
Precisamente este descoñecemento é o que está
detrás de resposta como “!Pero a ver hombre! ¿usted no sabe hablar
español?”, das interminábeis esperas por atención en galego tras premer
a opción telefónica correspondente, da negativa a atender que fale
galego por membros das forzas de seguridade ou mesmo da multa, recorrida
e gañada pola Mesa, que a AEAT pretendeu impor á entidade en defensa da
lingua, argumentando dilacións por demandar a documentación en galego
nun procedemento iniciado pola propia entidade cívica.
Esta situación xeralizada na Administración Xeral
do Estado tamén afecta á Xunta como evidencia o caso das funcionarias de
Lugo que protagonizar unha agresión lingüísitica reconhecida pola propia
Xunta.
Esta iniciativa de Ciudadanos contra a pluralidade
lingüística, e contra a lingua galega en particular, non é nova. No
concello de Ferrol este partido xa quixo derrogar a Ordenanza de
normalización Lingüística. Baixo o argumento falaz da obrigatoriedade
pretende prohibir a utilización da lingua propia na administración. O
avanzado neste dereito foi unha conquista da sociedade galega que se
mobilizará ante calquera retroceso. Esta política agresiva no Estado
contra as linguas propias é máis propia do século XIX que do XXI.
Maceira instou tamén ao Partido Popular de Galiza a
se posicionar con claridade e a Xunta de Galiza a exercer activamente as
súas obrigas de defensa e promoción da lingua galega non só de palabra
mais tamén con feitos, comezando por retirar as modificacións
introducidas na lei da función pública para non ter que demostrar na
práctica o dominio da lingua galega, máis que cun simples certificado.