• Número 405
  • 01 de outubro de 2018

CUT CRTVG

Cando a perda de dereitos é unha nova que algúns sindicatos festexan

A CUT demandou á CRTVG por vulnerar a negociación colectiva ao ter adoptado unilateralmente a decisión de amortizar diversas prazas na modificación do cadro de persoal

A loita das traballadoras e traballadores é en cada empresa unha loita por ampliar o ámbito da negociación colectiva. A maior capacidade de negociación, menos discrecionalidade e poder empresarial, e máis poder do conxunto das obreiras. Esta é unha máxima fundacional do sindicalismo obreiro (o de verdade), posto que non chegamos aos Comités para escoller simplemente a salsa coa que queremos ser cociñadas, que diría Galeano, senón para defender intereses e dereitos de compañeiras e compañeiros con corpos e voces e que depositaron en nós a confianza e a responsabilidade de construír unha CRTVG con máis dereitos laborais. Ou cando menos, para evitar que se liquide máis aínda o edificio de dereitos que fomos conquistando.

Coa sinatura do Convenio Colectivo esta tarefa complicouse incriblemente. Nesa negociación, aínda que semelle innecesario recordalo, creáronse dúas aliñacións sindicais: a dun sindicalismo alternativo que lle puxo voz á denuncia dos recortes, e a dun sindicalismo de concertación co que a Dirección contou para sacar os nosos dereitos a “privada” subasta. Dende este momento, a acción sindical e xurídica da CUT centrouse en liberarnos das penuriosas consecuencias dese pacto, e en reconquistar dereitos que foron regalados.

Como cada quen actúa no seu contexto, na CUT estamos afeitas e afeitos aos silencios que acompañan a apisonadora empresarial cando hai que defender dereitos. O que nos sorprende agora é que a CIG, na nota pública emitida onte luns 24 de setembro, se veña situar coma un dos sindicatos amarelos da empresa. A forza de ter ollos debemos ler como festexan unha sentenza desestimatoria nun preito no que a CUT defende que non se poden amortizar prazas (é dicir, destruír emprego) sen someterse a unha negociación real cos Comités. Que alegría atopa a CIG en que o TSXG habilite á CRTVG para destruír emprego coas mans desatadas? Para que, e sobre todo, con quen van realizar tal brinde?

A CUT demandou á CRTVG por vulnerar a negociación colectiva ao ter adoptado unilateralmente a decisión de amortizar diversas prazas na modificación do cadro de persoal. A tese da CUT é, con amparo xurisprudencial, que os procesos de amortización requiren ser sometidos ás mesas negociadoras.

Esa demanda foi desestimada polo TSXG en xullo. Por recomendación da asesoría xurídica non lle outorgamos relevancia concreta á tal sentenza, sequera como orientativa, en canto evade o debate central do preito: os maxistrados parecen obviar que existiron tales amortizacións na CRTVG. Esta sentenza, polo tanto, non resolve o debate proposto. Pero este criterio e este recelo pola sentenza debeu ser compartido no seu momento polas demais Asesorías, posto que sendo notificada no mes de xullo a todas as centrais sindicais, pasou sen pena nin gloria. Terá que ser a CIG quen explique porque rescata esta noticia, dous meses despois de coñecela, e con que obxectivo.

Finalmente, o preito empeza agora no Tribunal Supremo. Tócalle resolver, avaliando todos os datos se as empresas públicas poden libremente amortizar e destruír emprego

público sen someterse á supervisión das e dos lexítimos representantes do persoal. Aquí teremos unha decisión real sobre este asunto. Ou ampliamos dereitos ou perdémolos de vez.

Pola nosa banda agardamos que á CIG se lle atragoen os brindes anticipados e este incomprensible festexo dos dereitos que todas perdemos. Que quede para sempre nunha anécdota que os retrate.

Abaixo, a nota da CIG CRTVG.