CUT pide o cese das ameazas ao persoal dos centros socioculturais composteláns

CUT responsabiliza á Concelleira Concha
Fernández da falta de xestión nos Centros Socioculturais composteláns e
pide que cesen as ameazas ao persoal municipal
A CUT, central sindical de maior afiliación
entre as traballadoras e traballadores municipais dos Centros
Socioculturais, denuncia ameazas de decretazos e traslados de persoal
como cortina de fume para agochar a incompetencia na xestión dun servizo
privatizado
Nos últimos meses de lexislatura o goberno de
Compostela Aberta pretendeu unha reorganización do departamento de
Centros Socioculturais, agora Cívicos, que máis alá de mostrar unha
mellora na xestión, amosa a clara preferencia pola privatización dun
servizo que ata o de agora ofrecía á cidadanía de Compostela unha ampla
e variada oferta de actividades pensadas e organizadas por e para a súa
veciñanza por un equipo con ampla experiencia e coñecemento da súa
labor.

No que debería ser o inicio do novo curso de actividades nos centros,
atopámonos coa inexistencia dunha programación aprobada polo actual
goberno a unha semana da data na que habitualmente empezaban as
actividades, sen previsión de datas de preinscrición nin publicación de
actividades nin información do que se vai a levar a cabo nos próximos
meses. Información da que non dispoñen nin sequera os traballadores e
traballadoras do departamento. Polo que, ante o atraso e a mala xestión
municipal para sacar adiante o traballo, diversas asociacións decidiron
non agardar e sacar adiante a súa programación para dar a posibilidade á
cidadanía de participar e para axudar á conciliación familiar, xa que os
centros xogan un papel primordial para as familias ao acoller e
organizar multitude de actividades infantís. E a pesar de que a empresa
Ferrovial ten na actualidade un contrato como xestora de servizos da
Rede de Centros Socioculturais e recibe unha importante contraprestación
económica o servizo que presta é deficiente e os responsables non
adoptan medidas que atallen este problema.
Ante as cuestións ás que se enfronta este
departamento, a responsable política do departamento, a Concelleira
Concha Fernández, alude a supostas deficiencias e irregularidades do
pasado dos Centros Socioculturais, sen asumir que este é o seu terceiro
ano á fronte do departamento sen achegar ningunha solución aos problemas
que se manifestan. Neste sentido, a Concelleira adoptou como coartada
para agochar a súa incapacidade xestora unha permanente presión e
atoxegamento ás traballadoras e traballadores municipais que prestan
este servizo (sen ningún tipo de esforzo nin planificación municipal),
intentando derivar cara estas a súa propia responsabilidade.

Esta Concelleira leva meses sen manter reunións cos traballadores e
traballadoras municipais responsables dos centros, que coñecen o medio e
que poderían axudar a encamiñar a situación se en tempo e forma se lles
solicitase que realizasen a súa labor, ou se interesase sequera por
coñecer de primeira man o proxecto de cada centro. Pero esto non sucedeu
e agora a Concelleira busca culpables dentro da casa, en lugar de
afrontar o problema real.

A conivencia entre a empresa e os responsables políticos para levar a
cabo a privatización do servizo pasa polo illamento dos representantes
públicos. As traballadoras e traballadores que durante anos
desenvolveron o seu traballo ao carón da veciñanza, cunha ampla
experiencia e coñecemento dos barrios e as parroquias, levan meses
ameazadas con traslados e decretos de funcións, querendo evitar que este
persoal se faga cargo dos incumprimentos existentes da nova empresa
concesionaria, con redución de horarios de apertura, eliminación de
servizos e mentiras sobre os traslados e as necesidades de persoal dos
centros.
As traballadoras da sección sindical da CUT non
fixeron máis que tentar colaborar e sacar adiante un departamento tocado
de morte por este goberno, resignándose a ver como a Concelleira as
acusa dos problemas actuais e ademais establece que o actual modelo
privatizado de xestión sociocultural debe perpetuarse.
A xestión do espazo sociocultural da cidade non
pasa pola privatización, xa que a democratización da cultura e o
achegamento á cidadanía debería ser resultado da xestión pública, que a
podería poñer ao alcance do maior número posible de persoas sen buscar
réditos económicos. Este goberno debe buscar alternativas para a xestión
dos centros cívicos como está buscando noutros ámbitos municipais, e a
actitude de atoxegamento e ameazas ao persoal municipal por parte da
Concelleira debe cesar.