O xornalista Boro LH enfróntase a 6 anos de prisión por unha montaxe policial

O vindeiro mércores 3 de outubro, Jorge Correa
“Boro”, xornalista de La Haine, enfróntase a un xuízo polo que a
Fiscalía pide seis anos de prisión por supostos delitos de lesións e
atentado á autoridade polos feitos acontecidos o pasado 29 de marzo de
2014 en Madrid ao termo da manifestación Xaque á monarquía, onde
diferentes medios foron agredidos pola Policía Nacional.
Boro denunciou nunha rolda de prensa xunto a outros
represaliados por ataques á liberdade de expresión como Ruben Ollo
“Olazti”, da Plataforma pola Absolución das persoas procesadas pola
Operación Araña, e Miguel Ángel Llamas “Pitu”, do medio Ahotsa.info, o
“flagrante atentado contra a liberdade de prensa e información” e a
actuación policial “violenta e irresponsable” daquel día , uns feitos
que “ata a división de liberdade de prensa da OSCE (Organismo Europeo de
Control de Dereitos Humanos e liberdades democráticas) denunciou ante as
inxustificadas agresións que se viron reflectidas nos distintos vídeos
do acontecido”.
O pasado 22 de febreiro produciuse o primeiro xuízo
derivado destes feitos tras a denuncia que os xornalistas Juan Ramon
Robles, Mario Munera, Gabriel Pecot e Rodrigo García puxeron á Policía
polas agresións e lesións recibidas, un xuízo no que quedou probado que
polo menos un dos axentes agredira inxustificadamente aos xornalistas,
aínda que o Tribunal non o condenou por estar o delito prescrito. Aquela
tarde os axentes ían sen identificar e trala denuncia interposta a
Policía obstaculizou a súa identificación.
O segundo xuízo celebrarase o vindeiro mércores, a
pesar de que debía realizarse o pasado mes de abril, pero foi aprazado
porque “un dos axentes enviou un fax anunciando a súa indisposición unha
hora antes de comezar a vista”. “Uns días antes difundiuse un vídeo que
botaba por terra toda a versión policial na que se ve que non houbo
ningunha agresión pola miña banda”, asegura Boro, que denuncia que “non
só non houbo agresión pola miña banda senón que o que se pode ver é que
as supostas lesións presentadas puideron ser causadas por eles mesmos
mentres agredían ao grupo de xornalistas”.
“Este caso constitúe un novo ataque ao dereito á
libre información ademais dunha persecución contra un medio,
lahaine.org, que leva 18 anos informando de loitas sociais e denunciando
os abusos policiais”, denuncia Boro, que ata agora recibiu as firmas de
apoio de 125 xornalistas, 50 medios de comunicación, 100 organizacións,
colectivos ou partidos políticos e máis de 1.500 adhesións persoais.
Ademais o Sindicato de Xornalistas de Madrid, a Federación Española de
Sindicatos de Xornalistas, o Foro de Organizacións de Xornalistas e o
propio Parlamento de Navarra pediu en distintas declaracións a súa
absolución e a investigación das agresións á prensa ocorridas aquela
tarde de marzo en Madrid.
Entre o venres e o mércores sucederanse diferentes
concentracións en apoio ao xornalista en varias cidades do estado
español.
Imaxe de portada: O xornalista Boro LH tras
a rolda de prensa ofrecida en Iruñea Jone Arzoz
https://www.elsaltodiario.com/montajes-policiales/periodista-boro-lh-juicio-miercoles-seis-a%C3%B1os-prision-jaque-monarquia-la-haine