• Número 405
  • 01 de outubro de 2018

CUT - CRTVG

Ana Romaní, Premio Nacional de Periodismo Cultural 2018 - 19 venres negro

O peche das emisións do programa Diario Cultural tivo unha grande resposta cidadá, especialmente, no mundo da cultura

Ana Romaní, poeta e periodista, directora desde o ano 1990 do programa Diario Cultural da Radio Galega que informaba sobre a nosa cultura e a nosa literatura, obrigado a pechar as súas emisións en agosto deste ano por decisión do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo, ven de ser galardoada co Premio Nacional de Periodismo Cultural pola "súa longa traxectoria no xornalismo, o seu constante traballo de promoción da cultura e da radio con formatos propios"

O peche das emisións do programa Diario Cultural tivo unha grande resposta cidadá, especialmente, do mundo da cultura. Asociacións profesionais, intelectuais, xornalistas, escritoras, deputadas ou organizacións políticas amosaron a súa indignación, publicándose o manifesto de apoio “Os medios de comunicación públicos son patrimonio de todas, de todos: Nós non imos ficar caladas!” que ao peche deste PASquín ten arredor de 3.500 sinaturas de apoio.

Nunha recente entrevista publicada no xornal La Voz de Galicia, entre outras couas, Ana Romaní manifestaba:

“Para min este premio ten un sabor colectivo que me gratifica especialmente. Creo que no xornalismo regresar ao espazo social no que o traballo toma sentido é imprescindible, e algo diso está a acontecer agora entre os e as profesionais da CRTVG. Accións como as que desenvolvemos cada venres desde hai 18 e movementos como o de Defende a Galega son indicadores de que aínda hai moito por facer e que o xornalismo e os medios públicos galegos aínda teñen unha función social que cumprir, e que os seus e as súas profesionais non só están dispostas a facelo, senón que queren facelo e esixen as condicións, aprobadas nunha lei, que o permitan.”

19 venres negro

As traballadoras e traballadores da CRTVG, continúan coas mobilizacións iniciadas no mes de maio consistentes en que tódolos venres, con vestimenta negra manifestan publicamente o seu rexeitamento ao estrito control e manipulación da información que o goberno autonómico impón nos medios de comunicación públicos.

A protesta que, a pesar de saír cada vez menos nos medios de comunicación, xunta en cada convocatoria máis persoal, reivindica tamén a aplicación na súa totalidade da Lei de Medios, e a dimisión do director xeral da corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo.

Na prensa:

A CRTVG presume de independencia informativa nun venres negro que reivindica o 'Diario Cultural'

Manifestación pola Dignidade dos Medios Públicos

Vídeo da marcha “Pola dignidade dos medios públicos CRTVG-CRTVE” dende San Marcos ata a Praza das Praterías, por uns medios públicos independentes, sen recortes e ao servizo da cidadanía. Compostela, 8 de setembro de 2018