• Número 404
  • 24 de setembro de 2018

Universidade

A Universidade sucursal bancaria

Aproxímase unha nova burbulla e cando estale volveremos a escoitar, neste caso, aquilo de que estudamos por riba das nosas posibilidade

Tod@s somos conscientes de que os partidos do sistema, mediante a súa actuación institucional, abren o campo para que o capital (do que eles son fieis servidores) amplíe o seu nicho económico. A universidade non está fóra do seu marco de actuación e así, nesta última época, créanse as condicións adecuadas para que estes depredadores, a través das entidades bancarias, metan as súas garras nunha institución que, incluso no estado capitalista, debería servir de ascensor social, converténdoa nun negocio máis e, de paso, facela, se cabe, máis elitista.

Por un lado increméntanse os prezos públicos universitarios, paralelamente dificúltase a consecución de bolsas, que se reducen en número e contía. Por outro lado modifícanse, por decreto, como fixo o PP no ano 2015, a estrutura dos planos de estudo universitario para impoñer 3 anos de grao e 2 de mestrado. Diminúense os cursos necesarios para obter un grao (pasan de 4 a 3), converténdose, por forza en máis xeneralistas, e increméntanse os cursos de especialización – mestrados - (pasan de 1 a 2) nos que ten sinalado interese o sector bancario. Esta nova estrutura elitiza moito máis á universidade e creará graves custes sociais.

Coa imposición das medidas neoliberais eslúese do acceso ao ensino superior a moit@s estudantes, non por razóns de capacidade e excelencia, senón pola súas posibilidades económicas, é dicir pola clase social de pertenza. Por outro lado, coas políticas deseñadas, favorécese directamente ás universidades privadas ás que se lles reduce competencia nas públicas.

Pero o que realmente esconde toda a estrutura montada é a progresiva implantación dos préstamos @s estudantes universitari@s verdadeiro filón para as entidades bancarias. Os bancos como realmente gañan diñeiro é a través da débeda, e aquí teñen un novo mercado que os políticos de turno se encargaron de prepararlle. Este camiño xa se seguiu noutros países, hai polo tanto experiencia de onde nos leva, paulatinamente incrementaranse os prezos, reduciransen as bolsas, ampliarase a franxa dos mestrados cuns prezos imposibles ..., todo para obrigar ao endebedamento estudantil.

A experiencia acumulada noutros países tamén sinala que este mercado crea unha burbulla debido á morosidade ocasionada pola imposibilidade d@s estudantes de atopar traballo que lles permita afrontar os créditos concertados. Esta morosidade chega, nos Estados Unidos, ao 20%. Neste país, 4 de cada 10 persoas traballan en postos que non lle requiren a titulación que @s obrigou a endebedarse.

Mentres que a banca comercializa préstamos encamiñados á realización de estudos universitarios que poden chegar a 60.000 ou 70.000 euros, a Plataforma de Afectados polos Préstamos Renda Universidade - un produto deste tipo que o Estado posibilitou no ano 2007, durante o goberno de Zapatero - denuncia que xa hai miles de persoas afectadas ao non poder devolver o crédito.

Aproxímase unha nova burbulla e cando estale volveremos a escoitar, neste caso, aquilo de que estudamos por riba das nosas posibilidade.

Está nas mans de tod@s nós evitar que isto suceda. Temos que acabar coa esquizofrenia da mercantilización do ensino, tamén o universitario.

Este sistema non serve!