• Número 404
  • 24 de setembro de 2018

CUT - CRTVG

A maioría do cadro de persoal da CRTVG pide o arquivo do expediente disciplinario a Tati Moyano

Dende o pasado mes de xullo estase a someter a compañeira Tati Moyano a un proceso disciplinario exemplarizante e sen precedentes na historia da CRTVG

As traballadoras e traballadores da Radio Galega e a Televisión de Galicia presentaron, o día 17, 562 sinaturas pedíndolle ao Director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, o arquivo inmediato do expediente disciplinario iniciado contra Tati Moyano e que se proceda á súa rehabilitación pública e profesional.

Segundo a maioría do cadro de persoal da CRTVG, dende o pasado mes de xullo estase a someter a compañeira Tati Moyano a un proceso disciplinario exemplarizante e sen precedentes na historia da CRTVG, que chega despois de reivindicar as mobilizacións dos "Venres Negros".

A Dirección de Recursos humanos da CRTVG decidiu abrir un expediente disciplinario por falta moi grave contra Tati Moyano, no mes de xullo, acusándoa de terse maquillado utilizando os medios da cadea autonómica para presentar unha gala benéfica contra o cancro o pasado 22 de xuño. Nesa gala, Tati Moyano, vestida de negro, fixo unha defensa da pluralidade nos medios públicos de Galiza.

O Comité Intercentros da CRTVG considera a apertura do expediente unha represalia irracional e unha persecución á que a Dirección da CRTVG está a someter ás xornalistas que non comulgan coa liña informativa da dirección da canle pública, e reclama, coa maioría do cadro de persoal, o arquivo inmediato do expediente disciplinario.