A independencia dos medios e as radios libres

Hoxe en día, con tantas canles de televisión que
existen e o acceso á información a través da rede, fálase moito de se
esta ou aquela tele é máis independente ou máis progresista, máis
conservadora, máis liberal, alternativa, moderna...que as outras.
Realmente todos os grandes medios mandan unha mensaxe similar, a do
sistema socioeconómico e político vixente. E dentro diso, a que os seus
respectivos donos queren que manden, porque teñen donos; os grandes
medios son todos propiedade de grandes conglomerados empresariais con
intereses diversos.
Iso non implica que non existan en absoluto medios
independentes, un exemplo son as radios libres e comunitarias como Cuac
FM, Radio Calimera ou en Ferrol a Radio Filispim (a radio libre e
comunitaria da Terra de Trasancos, 93.9 FM). Estas radios libres, ao non
teren donos, son unha garantía de independencia e de liberdade, pode
dicerse que son unha alternativa da xente para a xente que dan cobertura
a causas e a temas dos que nos grandes medios non se preocupan moito ou
que directamente omiten. Estas radios, con toda a súa modestia, tentan
dar unha voz a que non a ten. Entre as súas características a priori
máis salientábeis están o compromiso e a utilidade social. Moita da
xente que participa nelas ten un nivel de conciencia social alto e
algúns destes teñen ademais vontade de axudar a crear esa conciencia
noutros. Estes medios ofrecen unhas opcións de ocio e entretemento
diferentes e unha informazón non suxeita aos dictados de ningún grupo
empresarial e por tanto realmente independente. En suma, pode dicerse
que apostan por un modelo social diferente, máis libre e máis baseado na
comunidade. Por exemplo na Radio Filispim, nacida en 2005, existen e
existiron historicamente programas con temas como feminismo, migrazóns,
ecoloxía e moitos outros, alén de ofrecer unha alternativa cultural. A
xente que participa son polo xeral persoas implicadas socialmente. Dase
unha mensaxe de que a xente humilde tamén quere que a escoiten.
Esta implicación é hoxe máis necesaria que nunca.
Moita xente está indignada con moitas cousas, proba son as mobilizazóns
que se van dando periodicamente nos últimos tempos (Prestige, Guerra do
Irak, Reformas educativas, incendios, 15M, Marchas da Dignidade...). A
participazón das persoas é o factor que pode marcar a diferenza. Non vai
vir ningún salvador a rescatarnos, temos que salvarnos nós mesmos. Os
autores deste artigo consideramos que a radio debe dar voz aos
colectivos sociais e que estes deben ser conscientes de que nela teñen
unha plataforma excelente para dar a coñecer as súas reivindicazóns e un
pequeno altofalante para a súa mensaxe. Modestamente convidamos a que se
impliquen e polo menos no noso programa “Directo de Esquerdas”
sempre estamos abertos a darlle un micro a quen o precise.
Temos que ser conscientes de que os grandes medios
non serven á xente senón aos seus donos. Dicía Simone de Beaovoir
que o opresor non sería tan forte sen cómplices entre os oprimidos. Eses
cómplices son moitas veces involuntarios, xente que cre a mensaxe que
lles mandan eses grandes conglomerados empresarias e que, nas palabras
de Malcolm X, lles fan amar ao opresor e odiar ao oprimido. Non debemos
permitir que a apatía ou o medo nos dominen, é importante implicarse
socialmente e non abonda con criticar desde as redes sociais. Animamos a
todos os colectivos sociais que queiran darse a coñecer a achegarse á
radio e buscar un oco para darlle máis vida e darlle megafonía á súa
mensaxe.
Ferrol, 12 de setembro de 2018
Toda a info en Rádio Filismim que emite en Internet
e no 93.9 da FM
[*] Celso Posada Fernández e Anxo
Fernández-Armesto Sánchez, son o condutor e colaborador do programa
"Directo de Esquerdas" de Radio Filispim.
Enviado por:
Anxo Fernández-Armesto Sánchez
-anxofarmesto@hotmail.com-
13 de setembro de 2018 15:17
_______
https://artabra21.blogspot.com/2018/09/a-independencia-dos-medios-e-as-radios.html