Pena de morte encuberta no Reino de España?

É ben coñecido o costume de utilizar as execucións
masivas durante a guerra civil posterior ao golpe militar en España e
durante a ditadura. Durante o réxime feixista, tamén foron menú habitual
as condenas a pena de norte e a execución das mesmas. E cando máis tarde
que cedo chegou a tan ansiada democracia ao Reino de España, desapareceu
(aparentemente) a pena de morte.
Sen embargo algúns casos dos últimos 40 anos
parecen sinalar que hai veces que esa pena de morte continúa a levarse a
cabo polas forzas de seguridade. Podemos observar esta práctica en dúas
perspectivas. A primeira é en casos individuais, como os seguintes
exemplos:
No 1977 Vicente Basanta, albanel en desemprego, foi
asasinado con tres tiros nas costas mentres fuxía dun Policía Armado que
pretendía detelo por facer unha pintada nun muro de Zaragoza. O policía
nunca foi xulgado.
No 2002 Moisés, un aragonés buscado por delitos
menores, esperárono (a policía) na casa da nai e recibiu
accidentalmente un disparo xusto no corazón. A investigación deu
como conclusión definitiva a do tráxico accidente.
No noso país lembramos a morte en 2015 de Javier
Fernández, batería de Los Piratas, quen foi morto por un disparo dun
axente mentres -segundo a versión do policía- por causa dun brote
psicótico ameazaba cun garfo de cociña outro policía. A familia insiste
en que non houbo agresión previa algunha, aínda que si momentos de
tensión debido á enfermidade de Javier. O policía, que alegou no xuízo a
súa falta de puntería coa pistola debido a falta de preparación, foi
absolto. Sobre este caso entrevistaran na Cadena Ser de Pontevedra un
representante policial, quen explicou que a policía galega non é como “a
das películas americanas. Non son Clint Eastwood e non teñen boa
puntería”. Non entanto a pesar de carecer de puntería, van armados polas
nosas rúas.
Estes son exemplos que poderíamos considerar
casuais, non preparados polas forzas de seguridade, mais indican
claramente que a vida do suposto delincuente, non vale nada.
A segunda perspectiva viría doutros casos
diferentes. Son as execucións aparentemente extraxudiciais
normativizadas que se están dando ultimamente en Europa e
sinaladamente no Reino de España. Cabe lembrar neste punto a que
historicamente podería ser das primeiras execucións levadas a cabo pola
policía española (obviamos neste artigo por “non oficiais” os grupos
parapoliciais como o Batallón Vasco Español ou o GAL). En 1984 policías
adscritos aos GEO cribaron a tiros catro mozos pola súa suposta pertenza
aso Comandos Autónomos Anticapitalistas após unha emboscada na baía de
Pasaia, cando estes mozos se achegaban a porto nunha barca. Esta acción
foi lembrada na letra dunha canción de Barricada: «Detrás del
uniforme queda el anonimato/en el cuartel un brindis/esta vez fueron
cuatro».
Mais o que nos preocupa nestes días son as
execucións extraxudiciais que se están levando a cabo en Europa e no
Reino de España (nomeadamente a mans dos Mossos d’esquadra) contra
supostos (por non ter sido xulgados) terroristas xihadistas. Despois dos
atentados de Barcelona e Cambrils, as detencións dos implicados que ían
armados con coitelos precisaron, segundo información dos medios, dun
total de 106 disparos. O autor do atropelo en Barcelona, foi localizado
ao día seguinte e abatido con seis disparos. Entre os abatidos a noite
anterior en Cambrils, Omar Hichami recibiu oito tiros, e o resto entre
dous e tres. Este procedemento é semellante ao levado a cabo nos
atentados de Gran Bretaña, Francia, Bélxica, Alemaña…
Aparentemente as ordes son tirar a matar. Resulta
sospeitoso que nos casos dos atentados contra mesquitas en Canadá (seis
musulmáns mortos) ou Londres (un musulmán morto), os supostos
terroristas fosen detidos sen violencia.
O convencemento de que a actuación policial vai ser
letal é tal, que Abdelouahab Taib, un musulmán con desexo de suicidarse,
optou por acudir armado cun coitelo á comisaría dos Mossos d’esquadra de
Granollers. E non fallou. A pesar de ter o obxectivo a curta distancia,
a axente dos Mossos só puido acertar na cabeza nun dos seus disparos.
Repítese o caso de axente armado sen puntería do que falabamos no caso
de Javier, ou simplemente se leva a cabo unha orde de tirar a matar?
Ao meu entender, non é por acaso que nos últimos
anos moitas das policías europeas implicadas nestas aparentes execucións
extraxudiciais reciban asesoramento das forzas de seguridade campioas
mundiais neste tipo de execucións: as de Israel. A principios de 2017,
mossos d’esquadra viaxaron a Israel a recibir “material e coñecementos”
de axentes do Mossad, tal e como informou o diario La Razón.
Se esta situación en si mesma é altamente
preocupante, máis preocupante é o silencio da cidadanía, dos
representantes políticos e dos medios de comunicación. O tan galego
‘algo faría’ funciona á perfección nestes casos. Tanto nos dos
delincuentes locais como no dos xihadistas. Salvo as CUP, que
denunciaron estas execucións extraxudiciais (e a denuncia posterior
contra a concelleira desta formación en Barcelona, María Rovira, por
falar claro foi arquivada), e algún caso individual, ninguén chiou sobre
o asunto. Debater sobre este tema nos medios de comunicación é unha
quimera, e mencionalo nas rúas pode converternos en filocriminais.
E no entanto, seguimos pensando que o obxectivo dunhas forzas de
seguridade democráticas debería ser levar os supostos delincuentes ante
a xustiza.
Ourense, 21 de setembro.
https://adiante.gal/pena-de-morte-encuberta-no-reino-de-espana/