O peche no IES de Brión cumpre unha semana

Este xoves fai unha semana do inicio das
mobilizacións no IES de Brión, para solicitar que, igual que aumentou o
número de matrículas, se incremente tamén neste curso a cifra de
docentes.
O apoio da comunidade educativa a esta petición,
destacan desde a ANPA, foi en aumento como amosan os datos de asistencia
ó centro: se no día das presentacións acudían 26 alumnas e alumnos, o
martes eran xa so 14 e o mércores únicamente 4 estudantes,
dun total de 383.
As nais e pais do centro insisten en desbotar os
informes da Inspección educativa sobre as necesidades do Instituto e
indican que estes “non responde á realidade” educativa do centro e así
llo trasladaron este mércores ó seu inmediato superior.
Pendentes nun novo encontro coas autoridades, dende
a ANPA manteñen o chamamento a que as aulas continúen
baleiras o que sexa preciso para conseguir que o Instituto
poida prestar, cando menos unha atención educativa equiparable á do
curso pasado.
Sen resposta da Xunta
De se facer efectivos os plans da Inspección de non
incrementar o número de docentes malia o aumento de matrículas,
perderase atención a diversidade (o grupo de reforzo en 3º da
ESO, PMAR), o alumnado de 4º (61 estudantes) estará concentrado en
aulas masificadas e o centro terá que renunciar a optativas moi
demandadas no Bacharelato e que supuxeron recoñecemento para o
IES dentro e fóra de Galicia.
A ANPA, indican finalmente, que agardan que esta
semana de mobilizacións se entenda como una mostra clara da preocupación
da comunidade educativa de Brión única e exclusivamente pola calidade do
ensino. “Por iso o calendario da protesta non ten marcado o final porque
para nós este obxectivo non ten data de peche” resaltaron no comunicado
difundido no serán deste mércores.
https://nostelevision.gal/o-peche-no-ies-de-brion-cumpre-unha-semana/