Despedir a un traballador é hoxe un 64% máis barato que fai seis anos

Botar á rúa a un traballador custa cada vez menos
diñeiro en España: a reforma laboral que o Goberno de Mariano Rajoy
impuxo coa súa maioría absoluta en 2012 e a intensificación da
precariedade, a pesar dos niveis de récord dalgunhas variables
macroeconómicas, provocaron un esborralle do custo das indemnizacións
por despedimento, que en só seis anos se reduciron a apenas unha
terceira parte do que supoñían antes desa medida.
A
Enquisa de Custo Laboral do INE (Instituto Nacional de Estatística)
revela como entre decembro de 2011, dous meses antes da reforma, e o
mesmo mes de 2017, o custo laboral das indemnizacións por despedimento
caeu dunha media de 530,37 euros por traballador a 197,87, un 63,1%
menos.
Cando finaliza a relación laboral dun traballador
cunha empresa, esta debe abonarlle a liquidación, cos conceptos
retributivos como salario non recibido, horas extra non cobradas,
vacacións non gozadas, parte proporcional das pagas extraordinarias e
dietas e gastos pendentes de percibir, entre outros, e a indemnización
por despedimento; salvo que se trate dunha baixa voluntaria, obviamente.
A indemnización, libre de impostos, calcúlase con
base en tres factores: o salario (soldo basee, pluses e gratificacións),
a antigüidade no persoal, con independencia de que entrase como eventual
ou como indefinido, e o tipo de despedimento. Unha vez determinado o
salario diario, esa cifra multiplícase polos anos que traballou,
incluíndo o sobrante de meses como decimal (seis = 0,5, oito = 0,75), e
pola contía que marca a normativa para cada tipo de cesamento.
O abaratamento da reforma
A reforma laboral tivo efectos determinantes sobre
este último factor ao reducir de 45 a 33 días de salario por ano
traballado as indemnizacións por despedimento improcedente e rebaixar de
42 a 24 o máximo de mensualidades que podía recibir o despedido, á vez
que ampliaba as causas nas que o empresario pode optar polo cesamento
obxectivo, que recorta o salario por ano a 20 días e o tope de
mensualidades a doce.
A primeira desas medidas abarataba a indemnización
mínima por cesamento improcedente un 26,7%, mentres a segunda, caso de
tramitarse como obxectivo, facíao nun 57,6%. A súa combinación
esborrallaba a máxima un 87,3%: de 1.890 xornadas de salario a 240.
Con todo, o Tribunal Supremo determinou hai dous
anos que ao calcular o resarcimento debía
diferenciarse o tramo anterior ao 12 de febreiro de 2012, no que se
aplicaban as normas anteriores á reforma, e o posterior.
No abaratamento do despedimento influíu tamén a
conxelación ‘de facto’ dos salarios, que neses seis anos subiron menos
dun 1% (de
22.775 a 22.806 euros anuais) segundo a mesma Enquisa de Custo
Laboral.
Cada vez máis eventuais
Ese esborralle do custo das indemnizacións por
despedimento coincide no tempo con outras dúas tendencias que alteraron
o mercado laboral.
Por unha banda, a intensa destrución de emprego,
principal pero non exclusivamente mediante EREs, que no primeiros cinco
anos de aplicación da reforma
levaron por diante 235.914 contratos, ademais de suspender 733.747 e
reducir a xornada doutros 228.085, e outros 20.813 o ano pasado. Por
outra, a paulatina substitución deses empregos por outros máis
precarios: practicamente dous terzos dos
postos de traballo asalariados creados nese sexenio
(495.300 de 772.100) son eventuais, sen indemnización por despedimento
cando finalizan.
A evolución do emprego asalariado desde o inicio
dos chamados ‘brotes verdes’ deixa patente, máis se cabe, esa tendencia
precarizadora. Neses seis anos creáronse en España dous millóns de
postos de traballo asalariados (de
13,9 a 15,9 millóns repartidos practicamente a medias entre
temporais e indefinidos, aínda que cunha pequena vantaxe dos segundos,
que pasaron de supoñer o 23,1% do total (3,22 millóns de 13,92) ao 26,7%
(4,25 de 15,92) e cuxo ritmo de crecemento practicamente cuadriplica ao
dos indefinidos (35,9% por 9%).
É dicir, que as empresas impoñen a tendencia para
contratar persoal sen dereito a indemnización por despedimento mentres
manteñen, cunha lixeira tendencia á alza, a parte fixa dos seus
persoais, cuxas condicións de saída devaluáronse fai seis anos.
A industria de enerxías fósiles quintuplica
as indemnizacións
Por sectores,
os
custos laborais por despedimento caeron neses seis anos un 52% na
industria (de 612,57 a 294,33) e máis dun 63% na construción (de
689,91 a 152,34) e nos servizos (de 497,19 a 180,72). Os descensos foron
tamén considerables nos escasos sectores que manteñen elevadas
indemnizacións, caso da banca,
en pleno proceso de reconversión tralo rescate e pola transformación
dixital, cuxos 978,45 euros por traballador son menos dun 37% dos 2.666
de 2011. Na industria extractiva, que agrupa ás empresas que traballan
con combustibles fósiles ( minería, gas e petróleo), a caída de máis do
50% dos catro primeiros anos do período (de 737 a 309 euros por
traballador) recuperouse nos dous últimos, nos que este indicador se
quintuplicou para alcanzar os 1.578.
https://www.publico.es/economia/despedir-trabajador-hoy-64-barato-seis-anos.html