En defensa dos nosos veciños e veciñas manteiras

Nun marco no que parece que se pretende presentar a
migración como un gran problema europeo e mesmo como un gran problema
para o Estado Español, en contra dos datos da realidade que mostran de
forma clara que non existe tal incremento nin sequera nas chegada vías
marítimas, xa que se empregan datos comparativos cos anos inmediatamente
anteriores (2017 e 2016), nos que as cifras foron anormalmente moi
reducidas.
Da o mesmo, a habitual seca informativa do verán e
os intereses de determinados grupos políticos en abrir unha fronte de
loita contra o goberno central, provoca que determinadas imaxes se
multipliquen e determinados debates enchan supostos espazos informativos
nos medios de comunicación, coa vella consigna de que a base de repetir
moito unha mentira rematará por parecer que é unha verdade. A
realidade será que chegarán no ano 2018, como moito entre 35.000 e
40.000 persoas por vía marítima irregular, que son unha cifra irrisoria
para un país de 47 millóns de habitantes, e que serán moitas
menos persoas tamén das que chegan como turistas a través dos nosos
aeroportos coa idea de quedarse a vivir con nós na procura dunha vida
digna.
Con ese obxectivo tamén aparece novamente outra
vella mentira, ésta mesmo máis perigosa, que pretende vencellar ás
persoas migrantes residentes con problemas de orde pública ou
delincuencia. De novo a realidade informa que non é certo, que a
inmensísima maioria das persoas migrantes residentes no Estado Español,
como a inmensísima maioría de persoas residentes aquí somos persoas que
non desenvolvemos actividade delictiva algunha.
A falta de datos, os partidos políticos e
os medios empeñados en repetir mentiras para que parezan verdades, e a
falta de mellores datos e argumentos, pretende convertir aos nosos
veciños manteiros e manteiras e as súas familias cos que levamos
convivindo , no caso galego tamén en cidades como A Coruña, durante xa
decenas de anos, como un problema de orde pública “importantísimo” nas
cidades españolas. Así un incidente, que puido ser máis ou
menos desafortunado en Barcelona convértese nun importantísimo problema
de orde público nesa cidade. Logo esta cuestión, uns autodenominados
“cidadáns” , pretenden estendela tamén a Madrid. De paso, por certo non
o esquezamos, nestas cidades, aproveitase tamen para tentar desgatar as
súas dúas alcaldesas.
Probablemente pronto nos dirán, voltando a
Galicia, que as persoas manteiras da Rúa Real de A Coruña, que son
veciños e veciñas desa cidade dende aí moitos anos, son neste ano 2018,
de repente, un importantísmo problema de orde pública nesa cidade.
Pois ben clarexemos de forma clara e sintética
algunhas cuestións sobre estas persoas e actividade.
1. Falamos de persoas que son
veciñas nosas, que son tan “coruños” galegos, cataláns ou madrileños
coma nós. Non veñen de ningún sitio son tan de aquí como calquera de
nós, que normalmente vimos tamén doutros lugares a vivir nas cidades.
2. A actividade do top-manta
non é delictiva en si mesma, xa non se comtempla así no Código Penal, e
non supón competencia algunha para a actividade comercial ordinaria que
se realiza nas nosa vilas e cidades. Non son tampouco, por suposto,
problema algún de orde pública, salvo que interese por algún motivo que
así sexa.
3. Para as persoas que se
adican a esta actividade, trátase dunha mera actividade de sobrevivencia
económica, como outras, que os sectores máis precarizados das nosas
sociedades teñen que realizar para saír adiante. Neste caso ademáis e
para as persoas en situación de irregularidade administrativa unha das
poucas posibilidades de sobrevivencia que teñen.
4. Foro Galego de Inmigración
leva tempo propoñendo alternativas aos gobernos autonómicos e locais de
Galicia indicando que a situación destas persoas debe tratarse como unha
cuestión social, procurando alternativas socio-laborais e non como unha
cuestión simplemente comercial ou económica, e moito menos como un tema
de orde pública.
5. Non permitamos nós como
verdadeira cidadanía que somos, e da que tamén forman parte, por certo,
as persoas manteiras, que nos pretenda colar un discurso tan fondamente
racista como este, empregando ademáis de forma miserable a estes nosos
conveciños e conveciñas nosas e as súas familias que mesmo naceron nas
nosas vilas e cidades, para eses obxectivos tan lamentables.
Reflexionemos, pensemos un momento tranquilamente:
Non é certo, por moito que o escoitemos as cifras non din iso de maneira
algunha , a migración, ou a situación das persoas refuxidas non é
problema para Europa e moito menos para o Estado Español. As persoas
manteiras son dende hai moito tempo as nosa veciñas e veciños, os
compañeiros e compañeiras de cole e de Insti dos nosos fillos e fillas.
Como sucede con outros sectores emprobrecidos e precarizados das nosas
sociedades, as alternativas para este colectivo son políticas sociais
axeitadas e continuadas no tempo. Non permitamos que
criminalicen a estes veciños e veciñas nosos que coñecemos, en moitas
ocasións, polo seu nome e que vemos e cos que conversamos tamén a
diario. Non aceptemos discursos tramposos, enganosos, que buscan unha
lamentable rendibilidade política a costa de complicarlle a vida a
persoas que non fan dano a ninguén.
Miguel Fernández Blanco
Voceiro do Foro Galego de Inmigración.
http://www.entrenosdigital.com/articulo/migraciones/defensa-nosos-vecinos-vecinas-manteiras/20180820114419006102.html