• Número 404
  • 24 de setembro de 2018

CUT - CRTVG

A estratexia da mentira e do rodillo

A percepción da CUT é que a empresa non ten interese en solucionar os problemas, senón que só procura resolver os que lle interesan puntualmente.

A xuntanza celebrada o día 20 entre o Intercentros e a dirección de RR.HH. valeu basicamente para verificar a escasa vontade negociadora da empresa. O obxectivo da dirección coas xuntanzas non é chegar a acordos de boa fe, senón tentar salvar a papeleta para dar a impresión de que está a cumprir os acordos da arbitraxe celebrada no AGA.

A percepción da CUT é que a empresa non ten interese en solucionar os problemas, senón que só procura resolver os que lle interesan puntualmente. De feito, contradí de xeito interesado os seus propios criterios, é dicir, se interpreta unha cousa para unha cuestión concreta pode interpretar todo o contrario cando lle interesa para outra cuestión.

Poñamos un exemplo: hoxe faluse da modificación substancial dos horarios como consecuencia do cambio de programación e dixitalización. A parte social expresoulle á empresa o seu malestar por incumprir o acordo que había sobre as modificacións horarias, que obrigaba por unha banda a tentar buscar un acordo entre todo o persoal afectado, algo que non fixo xa que deixou a determinadas persoas sen consultar, e por outra banda atender as solicitudes de conciliación aproveitando que, polas novas necesidades, estanse movendo os horarios de boa parte do persoal. A empresa tampouco acepta atender as conciliacións argumentando que o convenio obriga a que exista unha vacante para a solicitude de horario de conciliación para non afectar os horarios consolidados de terceiras persoas. Porén, interpreta que pode mover a unha traballadora dunha delegación a outra aínda que non exista vacante, como establece imperativamente o convenio colectivo.

O intercentros concorda en que a empresa está incumprindo o pactado anteriormente sobre as modificacións horarias, o que abre a porta á xudicialización.

Igualmente, en relación coa negociación dos cambios funcionais consecuencia da dixitalización, a empresa considera que está aceptado pola parte social que os redactores e as redactoras teñan que facer unha edición "básica" na plataforma UX, malia que a CUT, igual que outros sindicatos, sabemos que esta cuestión non está aceptada xa que quedou supeditada a un acordo global en materia de clasificación profesional, do que aínda estamos moi lonxe. A empresa mesmo pensa que non é edición avanzada a montaxe de programas de formato complexo e extenso que dependen do departamento de Informativos, como Parlamento, Vivi-lo mar, Labranza, O Agro, Vivir Aquí, Zig-Zag e cantos "especiais" se lles vaian ocorrendo ás responsables. A CUT aclaroulle á dirección de RR.HH. que nas prácticas de "refresco" dos cursos celebradas a pasada semana e nos "mecánicos" que están desenvolvéndose agora mesmo, evidénciase que pretenden que os redactores e redactoras asignadas a estes formatos fagan unha edición avanzada, xa que non están previstos postos de edición avanzada para sacalos adiante (non hai operadores montadores de vídeo asignados para estas tarefas). A solicitude dalgúns sindicatos, a empresa comprometeu a asistencia de Rosa Vilas á xuntanza de clasificación profesional prevista para o martes próximo, 25 de setembro, para aclarar e determinar que é edición básica e como se vai resolver esta grave situación que supón de facto que a empresa estivo a mentir todo este tempo.

Por outra banda, analizouse o nomeamento dunha persoa coa categoría de lingüista como directora do espazo ZigZag. Para a empresa non existe problema, xa que asegura que non vai redactar, só dirixir co correspondente complemento de responsabilidade. En opinión da empresa pois, este complemento serve na práctica para cambiar de categoría profesional (de funcións) independentemente da categoría coa que se accedese ao emprego público.

E para rematar, a empresa confirma a desaparición das relacións públicas do programa Luar despois de 27 anos. Agora vai facer o servizo unha empresa externa.

En definitiva, rodillo.
Facemos algo entre todas e todos?

O 18º venres negro na CRTVG esixe cumprir a lei de medios públicos "aparcada desde hai sete anos"