VII Conferencia Nacional: situando o futuro

O pasado sábado 15 de setembro celebrouse a
VII Conferencia Nacional da CUT na localidade de Aldán en
xornada de mañá. O debate e as conclusións finais da Conferencia foron o
paso último dun proceso que se abriu con anterioridade nas asembleas
comarcais baixo o lema “Situando o futuro”. O debate
foi enriquecedor e contrastou análises dende diferentes ópticas ata
chegar a conclusións comúns.
As conclusións e os acordos acadados abren nosa
organización a campos de traballo que teñen que ver coa nova forma de
establecer as relacións laborais por parte do capitalismo e sobre como
afrontalas. Quedou ben claro que o sindicato non pode ser
unha ferramenta inflexíbel e ancorada en parámetros que non poden
adaptarse a novas realidades sociais e do mundo laboral, onde aparece a
figura do precariado e a descomposición do traballo fabril.
A conferencia autorizou á dirección do sindicato e
explorar novas vías para fortalecer a nosa organización e dar un salto
cualitativo tal e coma se acordara xa no pasado Congreso Nacional.