Máis de ano e medio de acampada en busca dun teito

Diversos colectivos sociais xunto a moitas das
persoas sen teito da cidade de Vigo acampan na Praza do Rei, diante do
Concello, desde o 17 de febreiro de 2017. Fano en sinal de protesta pola
administración dos albergues da cidade. No pasado mes de agosto
cumpriuse ano e medio de acampada desde que empezou a protesta.
“Quen dorme na rúa é porque non quere durmir no
albergue” afirmou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, en 2015 en resposta
a Serafín Otero do BNG. O nacionalista acusara ao alcalde de “falta de
sensibilidade” ante a situación dos sen teito na cidade olívica. Juan
Miguel Carollo, un dos principais organizadores e membro da acampada
asegura que un dos obxectivos é “desmentir as declaracións do alcalde: a
xente non dorme na rúa porque queira”. Buscan tamén “mellorar os
servizos sociais da cidade”.
O certo é que segundo a Asociación de Directoras e
Xerentes de Servizos Sociais, o Concello de Vigo só gasta 42,43 euros
por persoa ao ano en investimento social. Está por debaixo dos 60 euros
da media estatal e dos máis de 100 euros anuais que gastan concellos
punteiros en prestacións sociais dentro do Estado español, como os de
Zaragoza ou As Palmas.
O propio Abel Caballero chegou a afirmar nunha
entrevista para un xornal que “a oficina antidesafiuzamentos é a miña
mesa. Chamo eu ao banco e pároos”. Mais, segundo os datos da Oficina de
Notificacións e Embargos, Vigo soporta máis dun desafiuzamento ao día
desde o ano 2010. No ano pasado, rexistráronse un total de 528 desaloxos
na cidade.
A REALIDADE DOS SEN TEITO NA CIDADE
En Vigo funcionan dous albergues para darlles
refuxio ás máis de 200 persoas na rúa. Un é o dos Hermanos Misioneros
Pobres de Teis, cunha concesión de 114.000 euros por parte do propio
Concello, e o outro é o Albergue Municipal da cidade, xestionado pola
Cruz Vermella e cunha subvención de 830.000 euros.
En ambos os casos, a estadía é limitada. No de
Teis, un pode ficar un máximo de 10 días, mais debe pasar un mes para
poder volver. No Municipal –na rúa Marqués de Valterra– un pode estar
tamén ata 10 días, pero tras ese período de tempo, debe abandonalo ata
que pasen outros 10 días. Polo tanto, o que sexa capaz de combinar as
estadías de ambos albergues, durmirá na rúa coma mínimo durante 10 días.
O que fan desde a acampada do Concello é ir ás
portas dos albergues á última hora –entre as 21.30 e as 22.00 horas– e
recoller a quen queda fóra. Os organizadores tamén proporcionan comida
de forma solidaria a quen vaia.
Dentro das “irregularidades” da
administración dos albergues critican a función “equipo de rúa”,
encargado de mediar entre os sen teito e o resto de cidadáns. Aseguran
os compoñentes da acampada que “apenas actúan: se o fixesen ben non
habería os problemas que hai na rúa Torrecedeira”.
No caso dos sen teito, e por mor das diversas
causas polas que un queda na rúa, a integración social considérase algo
primordial. Ningún dos albergues ten equipos de psicólogos ou
orientadores sociais. Asegura Juan Carollo que “a xente quere
reintegrarse na sociedade, mais tampouco se lles facilita facelo. A
axuda psicolóxica é importantísima”. Aínda que non conseguiron os seus
obxectivos, os compoñentes da acampada continúan a súa loita. Juan
confesa que buscan tamén falar co propio Abel Caballero para
“describirlle a realidade do que están pasando moitos dos seus cidadáns
e que isto cambie”.
Estímase que –coma pouco– hai entre 200 e 300
persoas na rúa en Vigo a día de hoxe. Pese a que haxa xente de todas as
idades sen teito, o Concello parece seguir a preocuparse máis da
estética da cidade que da xente que a habita. Así, se no ano 2017
investiu 636.000 euros en iluminación de Nadal, este 2018 supérase
contando cun orzamento de máis de 2,3 millóns de euros para os próximos
3 anos. Isto supón un mínimo dun aumento de 130.000 euros ao ano na
decoración de Nadal. O orzamento da iluminación case acada o orzamento
anual do albergue da Cruz Vermella, mais segundo o alcalde “Vigo terá as
mellores luces de Nadal do mundo”, como afirmou nunha pasada rolda de
prensa.
https://www.elsaltodiario.com/pobreza/Vigo-contra-a-pobreza