@s traballador@s de Atento maniféstanse contra 20 anos "precariedade e explotación laboral"

Traballadores e traballadoras da compañía Atento da
Coruña realizaron o pasado luns, día 10, unha manifestación que,
partindo da empresa, percorreu as rúas máis céntricas da cidade, contra
a "precariedade e a explotación laboral" no marco dun calendario de
protestas que levan a cabo desde o pasado mes de maio. A mobilización
continuará coa convocatoria de 24 horas de folga que @s traballador@s
realizarán o vindeiro luns, día 17.
Deseguido reproducimos o manifesto lido ao remate
da manifestación.
Compañeiras, compañeiros
Hai xa.20 anos da apertura deste centro de traballo
na cidade, alá polo 1998, nun mes de setembro coma este. parte de nós
lavamos traballando con dignidade• e profesionalidade dende entón,
outras e outros con menor percorrido pero con igual intensidade,
capacidade e tesón. Nos nosos currículos e experiencias vitais hai de
todo, pero non imos entrar agora nas circunstancias que nos levaron a
cadaquén a chegar ata aquí hoxe. O que si queremos é lembrar as
andaduras máis relevantes destes 20 anos, que a base de agresións,
mentiras, inxustizas patronais afianzaron a nosa conciencia obreira.
Tras un período inicial no que chegamos a ser
arredor de 1.300 persoas traballando mentres o sector e a empresa
medraban con avaricia a base de explotarnos con contratos
circunstanciais e fraudulentos, sacando ruín proveito da nosa escasa
experiencia laboral e incipiente organización obreira, viñeron os tempos
máis difíciles: primeiro co despedimento no ano 2003 de 43 compañeiras e
compañeiros do antigo servizo 1003, sen apenas resistencia e co engano
da redución das chamadas. Logo, amparada a canallada de Telefónica e
Atento na mesma trampa da redución de chamadas, no 2007 chegaron os
fulminantes 179 despedimentos no 1004, o que supuxo un antes e un
despois na nosa conciencia de clase traballadora. Quen participamos,
padecemos e sobrevivimos ese conflito aprendemos –a base de paus- que a
loita é o único camiño; que a mobilización, a solidariedade obreira e a
acción directa son ferramentas temibles para o patrón, ao tempo que
imprescindibles e efectivas para a defensa dos nosos intereses. Todo o
vivido entón con compromiso, paixón e fervor deixou un pouso, unha borra
nas nosas memorias que serviu en adiante para enfrontarnos a cantas
calamidades xurdiron despois.
Non esquecemos a loita dos 80 compañeiros e
compañeiras despedidas no 2008, do servizo 11822, coa ocorrente e
celebrada consigna de Hasta el finiquito y más allá!! Tampouco
esquecemos nese ano o ruín intento da empresa de desfacerse de 26
persoas máis con aquel traslado a León. Hai entres nós quen pode
corroborar que nesas datas nevaba por alá, antes de recuperar o seu
posto de traballo na Coruña.
No 2012 chegou a miserenta imposición de redución
de xornada a máis de 200 compañeiras e compañeiros do CAT ADSL,
artificio empresarial vilmente calculado que precarizou máis se cabe as
nosas penosas condicións laborais. Aínda rebule o asunto, moito máis
cando ao pouco das reducións xurdiron, coma un desprezo engadido, os
ofrecementos de ampliacións de xornada ao antollo noxento e inmoral de
Atento.
Ao ano seguinte, no 2013, Atento volveu á carga co
anuncio doutros 142 despedimentos, en Pymes e o CAT ADSL que, tras a
firme e continuada resposta nas rúas das e dos que aquí estamos,
sorpresivamente uns días máis tarde foron anulados; iso si, non tardaron
nin dous meses en voltar á carga con escabrosos subterfuxios a modo de
MSCT con cambios de horarios e turnos que afectaron a
preto de 200 persoas, espremendo e partindo as nosas vidas coma se fóra
do traballo non existisen. Pero iso non era todo o arsenal que nos tiñan
preparado: o pozo das súas miserentas agresións non ten fondo e no ano
2014 chegou o ERE estatal que pretendía eliminar a golpe de reforma
laboral máis de 1.000 postos de traballo, decenas deles na nosa cidade e
coa inquedanza de non saber quen iría no lote. A resposta da clase
traballadora, de moitas e moitos dos que aquí estamos, foi exemplar
defendendo os nosos postos de traballo ata onde fixera falta. Desta vez
enfrontámonos á empresa de maneira conxunta con compañeiras e
compañeiros doutra provincias, apoiándonos unhas e outros nunha fronte
común para anular o ERE, cousa que finalmente conseguimos.
No 2015 as tropelías de Atento continúan, agora
buscando novas fórmulas de destrución de emprego, eliminando 17 postos
de traballo daquí e 20 dacolá, confiando en que a organización das
traballadoras non se decate do encubrimento doutro ERE. Pero a estas
alturas do conto moito temos aprendido en todos estes anos de
explotación laboral, e non lles saíu be o experimento; de novo e ao
igual que no ERE do 2014 os despedimentos foron declarados nulos e
recuperáronse os postos de traballo.
Chegamos xa ao 2016 e 2017, anos nos que a empresa
volve cambiar de estratexia para machucarnos máis, apoiándose de novo na
reforma laboral e na perda de dereitos que nos últimos tempos sufrimos,
en grande medida por non ser quen de mobilizarnos en masa e defendernos
das mesquindades do capital. E para lograr os seus miserentos obxectivos
Atento reforma unha das fórmulas que mellores resultados lle ten dado en
todo este tempo: as MSCT colectivas, de novo con cambios de quenda e
horarios que nos parten a vida e non nos deixan conciliar, que intentan
sacar adiante mentres funcione a semente do medo e as ameazas, e co
sacrificio das e dos mesmos de sempre – nós – aceptando o discurso dun
mal menor con tal de non perder máis postos de traballo.
E así chegamos ata hoxe, un día máis de loita e
reivindicación onde participamos todas e todos para deixarlles claro a
estes mangantes que non imos tragar máis os seus abusos, que imos
facerlles fronte ata acadar o noso obxectivo de poder traballar con
dignidade, respecto e saúde. Porque a loita, a solidariedade e a
mobilización son as nosas armas. As únicas que serven, tal e como temos
demostrado nestes 20 anos, para frear as tropelías das infames Atento e
Movistar.
Compañeiras, compañeiros, sintámonos orgullosas do
nosos traballo e continuemos, con máis forza se cabe, na nosa senda.
QUE VIVA A LOITA DAS TRABALLADORAS DE ATENTO!!
QUE VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA!!
